20/04/17

24 - 28 DE ABRIL: SEMANA DO LIBRO.

O día internacional do libro e dos dereitos de autores é o 23 de abril. Como este ano é domingo,trasladamos á semana do 24 a súa conmemoración.
Presentamos a continuación as  actividades previstas:


08/04/17

OS MOBLES DE HAI 60 ANOS

O departamento de madeira segue a sorprendernos coa súa vea creativa. Nesta ocasión, e inspirados de novo pola conmemoración do 50º aniversario do IES de Melide, fan un repaso pola década dos 60 do s. XX, época na que comezou a súa andaina o IES de Melide. Parabéns por este traballo que fará as delicias dos máis vetranos da nosa comunidade escolar, que poden/podemos ver escenas, mobles e obxectos cotiáns da infancia ou xuventude. En que fogar non había unha vaixela duralex, as famosas latas de colacao, que volven estar de moda, ou un clásico sofá de skay marrón?

03/04/17

Día das Artes Galegas 2017: Maruja Mallo

O Día das Artes Galegas celebra e reivindica este 1 de abril a vida e a obra de Maruja Mallo, a universal pintora galega nada en Viveiro en 1902, protagonista da explosión de creatividade dos anos previos ao golpe franquista e cuxo talento seguíu desenvolvendo ata os últimos anos da súa vida, que remataba en 1995 en Madrid.
Nesta presentación recollemos unha breve biografía e unha inrodución á súa obra,á espera da estrea da curta que o alumnado de Artes Escénica de 2º de bacharelato está a facer a partir da adaptación dunha obra de teatro sobre esta muller vangardista, moderna, comprometida e, sobre todo libre.



CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Os pasados 30 e 31 de marzo o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse diferentes recursos escénicos como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos servoi para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos