25/10/12

Samaín 2012

A noite do 31 de outubro era moi especial, xa que, nos países celtas, conmemoraban o Samaín. Era a súa festa máis importante, posto que nesa data comezaba o ano novo e tamén o inverno.
Todos oímos falar moitas veces do Samaín, pero... Que facían os nosos devanceiros por estas datas?
Considerábase que nestes días, abríase unha porta entre este mundo e o outro, era unha xornada de encontro cos que xa morreran. A morte era a outra cara da vida e non se lles tiña medo aos que xa marcharan para o Alén, e incluso, nalgúns sitios facilitábaselles a viaxe poñendo unha vela para que visen ben o camiño de volta á casa, e deixábase un prato con comida e un asento para os “visitantes”. Tamén se facían rosarios de castañas cocidas para os nenos e, dicían os vellos, que, por cada castaña que se comía, un morto ía para o Ceo. Moitos nenos visitaban os cemiterios cos seus colares.
Estas datas préstanse para estar na casa ao pé do lume, comendo castañas e contando contos, especialmente de medo. Por iso, no noso centro tamén conmemoraremos esta festa. Ashley, a lectora falaranos do Halloween e do Samaín, e veremos unha película de terror. Tamén comeremos castañas e teremos algunha outra sorpresiña.
Así mesmo, leremos contos de terror na biblioteca, algúns inventados por nós e outros escritos por autores coñecidos. Temos unha mesa chea de libros de historias de medo. Achegádevos e levade algún para ler tamén na casa ao pé do lume.




08/10/12

PREPARANDO A NOSA VIAXE

Tal vez este título podería parecer máis propio do inicio das vacacións de verán que docomezo de curso. Si, no IES de Melide puxémonos en marcha nada máis volver das vacións de verán porque este ano dende a biblioteca imos traballar nun proxecto: A Viaxe e a Migración, entre a búsqueda e a necesidade. Pensamos que é un tema o suficientemente amplo para ser traballado interdisciplinariamente e un tema moi rico e documentado na literatura, cine e artes en xeral. Partimos de dúas ideas básicas nas nosa liña de traballo. Por unha banda temos a viaxe como fonte de coñecemento, produto da continua busca e curiosidade do home, motor dos grandes descubrimentos, fonte inagotable de experiencias. Por outra banda temos a viaxe forzada pola supervivencia: as grandes migracións, as invasións, os movementos de poboación... que son inherentes ao xénero humano. Por último temos a viaxe como forma de ocio, o moderno turismo. Con estas ideas iniciais comezamos a nosa travesía pedindo, como o poeta Cavafis, "que a nosa viaxe sexa longa, chea de aventuras, chea de coñecementos"