29/05/11

CHARLAS NA BIBLIOTECA: UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DO CÓMIC

O pasado mércores 25 fixemos un percorrido pola historia do cómic na nosa biblioteca da man de José Barreiro, libreiro especializado e gran lector de banda deseñada.
Falóusenos un pouco da historia do cómic, que tería os seus antecedentes máis remotos nas pinturas rupestres, atendendo á necesidade do home de contar historias con imaxes dende os tempos maís antigos. A comezos do s. XX xurde a tira cómica e ao longo deste século a banda deseñada consolídase como xénero artístico. Tes máis información sobre o contido desta charla en Papalibros, o blog do Club de Lectura.
Moitos dos libros que se mencionaron nesta charla forman parte da nosa biblioteca, mencinamos aquí algúns títulos adquiridos por si vos animades a lelos: Historias de Color Tierra, Watchmen de A. Moore, El invierno del dibujante de Paco Roca, El Paréntesis de E. Durand, Contrato con Dios de W. Eisner, Blankets de C. Thompson, Una historia popular del Imperio Americano de H. Zinn, El héroe de David Rubín, La Ilíada, Un zoo en invierno de Taniguchi, Ana Frank. La biografía gráfica, Sky Hawk de Taniguchi, El local de Gipi... anímate a visitar a nosa exposición, seguro que atopas algo que te enganche.

21/05/11

MAKINARIA

 
 

Estes coches representan, segundo Carlos Negro, o número de mozos e mozas menores de 30 anos que morren todos os anos en accidentes de tráfico, tema do que trata a súa obra Makinaria.
Durante unha hora, Carlos Negro estivo recitando poemas da súa obra ao alumnado de Bacharelato e PDC do IES de Melide.  O poeta, coma sempre, conseguiu emocionar o auditorio.
Finalmente, despois de lernos un conto, agasallounos con poemas de amor para un sms.

18/05/11

LOIS PEREIRO

Este ano, o Día das Letras Galegas estivo dedicado a Lois Pereiro. O alumnado do IES, ademais de facer un tríptico dedicado a el, realizou un pequeno mural con imaxes e poemas e unha montaxe a partir do guión de televisión "Que é Galicia?", escrito por Lois Pereiro e emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988.

Outro poema de amor

El xa non sintía nada alí deitado
e ela tampouco ó velo.
Preguntouse se o amara algunha vez
mentres vía o seu sangue a caer na alfombra
que ela, sempre ela, tería que limpar
cando o levasen.

Lois Pereiro
Poemas 1981-1991

 







12/05/11

FRAQUEZAS

O mércores, 11 de maio presentouse na librería Couceiro, de Santiago, a obra Fraquezas, escrita por Xosé Díaz Díaz, profesor de matemáticas e amante da literatura, que estivo traballando hai uns anos no IES de Melide.
Trátase da súa terceira obra publicada, e nela recóllense varios relatos, algúns deles premiados.
Xa  temos o libro na biblioteca. Agardo que o leades e que vos guste.