30/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES CARA Á QUÍMICA


O proxecto,"Sintetizando....as moléculas",  realizado por alumnado de 2º de ESO pretende que  este  comprenda a diferencia entre átomo e molécula. Para iso, empregáronse boliñas de porexpán pintadas utilizando un código de cores de modo que cada cor represente un tipo de átomo; e as boliñas (átomos) unironse entre sí (enlaces) con cilindros de madeira (“brochetas” para cociña). Por outra banda, o proxecto persegue traballar a competencia dixital do alumnado xa  que ó longo do mesmo requeriuse que o alumnado traballese con diversas ferramentas TIC.

Para levar a cabo o proxecto seguíronse as seguintes etapas:
-       Utilizanción dun applet para a visión 3D de moléculas, de modo que cada alumn@ ou grupo escolleu unha molécula das que a profesora propuxo.
-       Búsqueda de información sobre a molécula escollida e síntese da mesma nun documento de drive que cada alumn@ ou grupo compartiu coa profesora para a súa corrección.
-       Mercar o nº de boliñas de porexpán necesarias e pintar co código proposto para tódolos traballos.
-       “Montar” as moléculas apoiándose no visualizador 3D antes mencionado.
-       Elaboración dunha videopresentación ou vídeo onde se expoña a información recollida sobre a molécula en cuestión.
-       Crear un código QR que enlaza ó vídeo anterior.
-       Exposición dos traballos realizados.




20/05/19

RECOMENDÁMOSCHE: O MARCO NUMÉRICO E O FOUCELLAS EN VILA DE CRUCES



O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) acaba de agasallarnos co segundo volume do Marco Numérico (ao igual que o curso pasado co primeiro) e o libro O Foucellas en Vila de Cruces. 

O Marco Numérico, "publicación de periocidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón,  recolle traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros específicamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica. O presente número consta de dúas seccións, Dentro do Marco e Fóra do Marco. Na primeira sección, Dentro do Marco, inclúense os artigos realizados polo propio alumnado do IES Marco do Camballón”.

O Foucellas en Vila de Cruces, libro recén publicado polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, recolle historias da tradición oral que xiran arredor dunha das figura máis famosas da contorna: Benigno López Andrade; «Foucellas», guerrilleiro antifascista que loitou contra a ditadura franquista. Reúne vinteséis historias que foron recollidas tanto por alumnos como ex alumnos do Marco do Camballón. A publicación compila un amplo arquivo sobre a presenza da guerrilla antifranquista nas terras de Carbia e no Deza e achega ademais ao lector tres textos de Manuel Igrexas, Carlos G. Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizan as historias recollidas polos alumnos do centro educativo.

PARABÉNS AO PROFESORADO E ALUMNADO DO IES MARCO DE CAMBALLÓN POR ESTES ESPECTACULARES TRABALLOS E MOITAS GRAZAS POR COMPARTILO CON NÓS MEDIANTE O AGASALLO DUN EXEMPLAR DE CADA UN Á BIBLIOTECA XAQUIN YEBRA. DESDE A BIBLIOTECA DO IES DE MELIDE RECOMENDÁMOSVOS A LECTURA DE AMBOS.

11/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES CARA Á MATEMÁTICAS: AS CÚPULAS DE LEONARDO

Grazas ás xestións do profesor de matemáticas Miguel  Casal coa Fundación Escola Rosalía, podemos disfrutar estes días no instituto da actividade de tipo colaborativo de carácter lúdico matemático a construción das cúpulas de Leonardo.

Que son as cúpulas de Leonardo?

Escondidos nun recuncho dos escritos de Leonardo da Vinci (Arquivo da biblioteca Leonardiana http://www.leonardodigitale.com toque “Browse” seleccione “Codex Atlanticus” e vaia ata as páxinas 889 e 890), hai estes debuxos. Non se sabe se, en tempos de Leonardo, se construíron realmente estas estruturas, pero hoxe, 500 anos despois, estes esquemas aínda nos abren as portas a descubrir e levantar de verdade estas interesantes cúpulas.
Nas once estruturas, o único elemento constructivo é unha peza con 4 muescas. Non se necesita ningún tipo de elemento de unión xa que o propio peso da peza é suficiente para manter a estabilidade da cúpula.
Estes 11 debuxos son todos de estruturas poligonais planas periódicas por traslación, que se poderían continuar indefinidamente. Ao deformar esta rede e bombeala, os polígonos deixan de ser figuras planas. É só grazas á amplitud das muescas, que a cúpula se levanta, aínda que chega un momento no que, ao esgotarse as tolerancias, as pezas xa non encaixan.
Cales son os obxectivos da actividade?
  1. Coñecer as 11 posibles estruturas de cúpulas que ideou Leonardo  da Vinci.
  2.  Descubrir as ideas de Leonardo da Vinci para conseguir pasar dunha estrutura plana a unha curva
  3. Potenciar a creatividade e a habilidade para a construción das distintas estruturas.
  4. Facer ver a importancia do traballo en equipo entre o alumnado
  5. Mostrar unha aplicación das matemáticas á vida real.

I CONCURSO DE PODCASTS

"Radio na biblio", en colaboración con Radio Galega ,convocou o 2 de abril o I Concurso de Podcasts para centros de ensino non universitario. Cada centro podía enviar un máximo de 3 podcasts, cunha duración entre 3 e 5 minutos, sobre o patrimonio de Galicia, material ou inmaterial, buscando un vínculo coa contorna. Os programas gañadores serán retransmitidos o 17 de maio na Radio Galega.

O IES de Melide participa na categoría de ESO con dous podcasts:

1.- "Topónimos", adaptación do texto sobre toponimia de Sechu Sende, Topónimos exóticos na Galiza, na súa obra A República das palavras. O podacasts foi adapatado, realizado e presentado por Eric Arias, Denís Ibezim, Adrián López e Sergio Varela de 2º ESO C.

2.- "O patrimonio onde vivimos", programa no que se explican os conceptos básicos do patrimonio dunha comunidade con exemplos da nosa contorna, foi elaborado e gravado por Cristian López, Icía García e Daniel Meiriño de 2º ESO D.

Moitas grazas a este alumnado polo seu taraballo e participación nesta iniciativa. Ogallá poidamos escoitalos o día 17 na Radio Galega. Se isto non puidera ser, sempre nos quedará  Falamelide!!!




DÍA DAS LETRAS GALEGAS: ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS

O escritor homenaxeado este ano 2019 é Antonio Fraguas Fraguas e no IES de Melide  podemos achegarnos á súa vida e obra a través de:

1.- A mostra gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística  co fin de difundir a figura e o legado de Antonio Fraguas Fraguas .O centro gañador foi o  IES Álvaro Cunqueiro  de Vigo.
Os carteis da mostra  están expostos no corredor do 1º andar e a súa  guía didáctica podedes atopala  na sala de profesores ou neste enlace:
http://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=3814934&name=DLFE-19226.pdf

2.- A liña de tempo Antonio Fraguas Fraguas creada pola alumna Paula Regueiro (B2C).
https://www.tiki-toki.com/timeline/entry/1225251/Antn-Fraguas-Fraguas/
Non vola perdades! Está xenial!

Queremos agradecer a Paula Regueiro o seu traballo sobre Antonio Fraguas e o feito de cedernos o enlace ó mesmo para poder publicalo no blog da biblioteca.



CITA A CEGAS CUN LIBRO EN GALEGO

Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas a biblioteca Xaquín Yebra proponlle a toda a toda a comunidade educativa do IES de Melide unha 
“CITA A CEGAS CUN LIBRO EN GALEGO”

En que consiste?
Desde o mércores 15 de maio ata esgotar os exemplares,  haberá unha selección de libros agardando por unha cita contigo.
Os libros estarán envoltos para que non podas ver de que exemplar se trata. No envoltorio levarán unha serie de pistas  para que che sexa máis doado decidirte por un ou por outro.
Entre os libros seleccionados haberá diversidade de autores/as, xéneros, temáticas e formatos.
Escolle un, pasa polo mostrador da biblioteca para que cho presten, e lévao para a túa casa, amósalle ese espazo no que te sintes cómodo/a para ler e déixate seducir por el.Trata de ler, polo menos, unha pequena parte. DALLE UNHA OPORTUNIDADE!!!
Cando devolvas o libro á biblioteca, por favor, fainos saber como foi a túa cita co libro!

Moitas grazas ao alumnado que nos axudou a seleccionar  os libros, envolvelos e a pensar e escribir as pistas sobre eles.



06/05/19

PROGRAMA DE ACTIVIDADES POLO MES DAS LETRAS


Adxuntamos, de novo,  as bases do concurso de videopoemas:


05/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES: OBRADOIRO DE LINGUA DE SIGNOS


E había persoas interesadas, algunhas presentes na reunión e outras que non puideron asistir pero mandaron recado.
E formouse un grupo de quince que, xunto con Lola Corzo, a nosa marabillosa intérprete de lingua de  signos e artífice desta iniciativa, acordaron quedar, de aquí a ben entrado xuño, nos recreos dos  martes e venres na aula 209, para iniciarnos  na lingua de signos e  no coñecemento da comunidade xorda.
Lola xa nos adiantou que nalgunha das sesións participaría tamén Juan Carlos, alumno xordo. É todo un luxo poder contar con ámbolos dous!