29/11/12

PREMIOS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos en contra da violencia de xénero ou a favor dunha boa relación na parella.
Os premios consistían en vales para mercar material escolar e libros.
O alumnado premiado foi:
1º Ciclo:
1º Premio: Paula Ares Turrado (S1A)
 



“Pola mañá, ouro; pola tarde, prata; pola noite, mátame”



2º Premio: Hilda Mosteiro Quintela (S1A)


“Cando cheguei de traballar, vina preparando a cea. Abraceina e díxenlle canto a quería”

2º Premio: Celia Varela (S2C)

“ Era unha mañá de outono, e eu atopábame na casa soa e en silencio. Só se escoitaba o TIC, TAC do reloxo. A miña vida era un inferno. Dende que casei a miña vida está coma morta, coma se non tivera rumbo nin sentido, coma se non tivera nada. O meu marido maltrátame e insúltame, para el son coma unha marioneta, coma un xoguete. Cando escoito abrir a porta, sinto que o meu inferno empeza, coma todos os días, e penso que sería mellor estar morta que sufrir isto”

3º Premio: Mariña Ferreiro Vilariño.

Libérame do inferno.










“ Carme está na casa, pois non pode saír; se o fai, só pode ser acompañada polo seu home. Pero non só iso, insúltaa, pégalle, maltrátaa. Quere chamar á policía, pero... que pasaría? Sempre que o pensa, decide non facelo. TEN MEDO"

Bacharelato:
1º Premio, pola súa calidade literaria: Zeltia Mato Fernández ( 2º BAC.)


“ Non poñas esa saia tan curta e eses tacóns, puta”. Resoprei. Do farta que estaba deses desprezos, collín a punta do tacón e, con todas as miñas forzas, espeteina na súa entreperna. Non quería volver a sentirme un xoguete e un obxecto.

2º Premio: Pablo Laya ( 2º BAC.)

“ Flores, música, amigos, familiares, alegría, diversión.
Xa están casados.
Fillos, gritos, débedas, choros, pelexas.
Morre outra muller nas mans dun home”

3º Premio: Paula Mejuto Fuciños ( 2º BAC.)

“Casou...!
Sen saber que, ese día, comezaba o camiño cara a súa morte”.

Había moitos máis microrrelatos dignos de ser premiados, pero non podiamos conceder tantos premios. Animámosvos a que sigades escribindo.

23/11/12

¿ Sabías que a principal causa de mortes e discapacidade de mulleres entre 16 e 44 anos ,é a violencia dentro da propia familia ?. Provoca máis mortes e danos á saude ca o cancro ou os accidentes de tráfico. A violencia contra as mulleres mostra de xeito terrible que aínda existe unha cultura na que a muller é pouco máis ca un obxeto, e ese feito é un grave atentado contra a súa dignidade. Unha reflexión sobre esta cuestión lévanos a mirar o noso entorno próximo: a nosa escola, o noso instituto...donde tamén é enormemente importante educar para sentirnos e tratarnos como iguais. Eles buscan reafirmar a súa virilidade e elas cren que a actitude da súa parella forma parte do xogo amoroso. A violencia machista gaña terreo nos institutos e cada vez son máis as rapazas que sofren aillamento, insultos ou agresións nunha relación que remata sendo tormentosa. Moitas veces escoitamos música, e non nos fixamos na letra.....atende a estas: EL DIARIO DE SONIA. SE ACABARON LAS LÁGRIMAS. MALO ERES!

13/11/12

10 ANOS DE PRESTIGE

Hoxe, 13 de novembro, cúmprense 10 anos do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica que sufriu Galicia. Bota unha ollada á presentación e pásate durante esta semana pola biblioteca para ver a ambientación e os materias expostos.

09/11/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS


Un ano máis, dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un
concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón d@s lectores/as.
Atrevédesvos?

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos xirarán en torno á violencia contra as mulleres ou ben a non violencia e  como debe ser o bo trato en calquera relación.
- Terán unha extensión máxima de cen palabras.

- O prazo de presentación remata o venres, 23 de novembro de 2012 .

- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).

- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.

*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.


04/11/12

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO. RAMÓN VEREA

¿Sabías que a primeira calculadora que multiplicaba foi inventada por un galego?



 Desde os tempos máis remotos,  a humanidade  soñou  con posuír máquinas capaces de realizar cálculos complicados e, así, liberar a sufridos contables e administradores de ter que loitar con grandes sumas, restas, multiplicacións e outras operacións máis complexas. A historia das calculadoras é tan longa  e complicada que dista moito de ser algo sinxelo  de narrar. Trátase dunha viaxe pola historia  da ciencia e a  técnica chea  de nomes e enxeños de todo tipo, ninguén pode atribuírse a paternidade do invento, moitos foron os seus pais.
Un destes pais é Ramón  Silvestre Verea García, escritor e xornalista galego (Curantes 1833 – Bos Aires  1899). No ano 1878, en Nova Iorque,  remata a súa máquina de cálculo. Esta constitúe unha revolución no eido das operacións aritméticas sendo moi eloxiada pola prensa estadounidense. 

P. Morris, biógrafo de Ramón Verea, escribe sobre ela:
 “ A única máquina no mundo que practica por enteiro as catro principais operacións de aritmética, a diferenza das anteriores, que só sumaban ou restaban. A de Verea non só fai isto, senón que multiplica e divide. Capaz de facer cálculos para 9 cifras nos sumandos, multiplicando ou divisor, para seis no multiplicador ou o cociente e para quince no produto ou dividendo. É posible facer con ela dun modo rápido todas as  operacións  máis longas e difíciles por medio dun procedemento mecánico. A máquina ten 14 polgadas de longo por 12 de ancho e 8 de alto. Pesa 50 libras e é toda de ferro, aceiro e metal amarelo”
A máquina de Ramón Verea , premiada coa medalla de ouro na Exposición celebrada en Matanzas (Cuba) por aquel tempo,  foi patentada pero non comercializada, pois o que moveu a Verea a traballar para inventar a súa calculadora foi o desexo de probar que un xenio inventivo pode deixar atrás as eminencias das nación máis cultas, e o afán innato de contribuír con algo ao adianto da ciencia, e non o reembolsar parte ou o total dos cartos invertidos na súa creación.
Actualmente a máquina de Verea  atópase no depósito que a empresa norteamericana IBM, multinacional que fabrica e comercializa ferramentas, programas e servizos relacionados coa informática, posúe na cidade de Nova Iorque.

Ramón Verea , home de mentalidade renacentista , foi un daqueles galegos curiosos que quixeron descifrar algunhas das claves da ciencia aplicada á industria e ao cálculo para reverter no progreso social. A razón e a observación, xunto ao seu carácter emprendedor, foron elementos  substanciais para chegar onde chegou.


Dia da Ciencia. Viaxamos con Leonardo

 Este ano, o Día da Ciencia e da tecnoloxía está dedicado ao galego Ramón Verea e a Leonardo Da Vinci.
 Leonardo foi un artista e home de ciencia que experimentou constantemente con novas técnicas. Era un gran observador científico e inventor. Realizou numerosos estudos científicos de anatomía, medicina, enxeñería...
 Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o automóbil autopropulsado, o submarino, o carro de combate, o paracaídas, unha máquina para sumar, unha escafandra con casco... Considérase o precursor de moitas máquinas modernas; pero en canto á bicicleta, a súa paternidade non está clara.
Considérase que varias das consideradas  tecnoloxías de Leonardo foron herdadas dunha tradición máis antiga. A súa orixinalidade ponse de manifesto na máquina voadora, xa que durante a maior parte da súa vida estivo fascinado polo voo. Produciu numerosos estudos sobre o voo dos paxaros nos que se inspirou para debuxar os planos de varios aparellos voadores, como o parafuso aéreo, o paracaídas, etc.
Leonardo inventou aparellos para desprazarse pola terra, polo aire e pola auga.
Quen non soñou algunha vez con voar e con viaxar?
No corredor do instituto temos unha pequena exposición de imaxes dos inventos de Leonardo e de libros sobre a súa obra.


25/10/12

Samaín 2012

A noite do 31 de outubro era moi especial, xa que, nos países celtas, conmemoraban o Samaín. Era a súa festa máis importante, posto que nesa data comezaba o ano novo e tamén o inverno.
Todos oímos falar moitas veces do Samaín, pero... Que facían os nosos devanceiros por estas datas?
Considerábase que nestes días, abríase unha porta entre este mundo e o outro, era unha xornada de encontro cos que xa morreran. A morte era a outra cara da vida e non se lles tiña medo aos que xa marcharan para o Alén, e incluso, nalgúns sitios facilitábaselles a viaxe poñendo unha vela para que visen ben o camiño de volta á casa, e deixábase un prato con comida e un asento para os “visitantes”. Tamén se facían rosarios de castañas cocidas para os nenos e, dicían os vellos, que, por cada castaña que se comía, un morto ía para o Ceo. Moitos nenos visitaban os cemiterios cos seus colares.
Estas datas préstanse para estar na casa ao pé do lume, comendo castañas e contando contos, especialmente de medo. Por iso, no noso centro tamén conmemoraremos esta festa. Ashley, a lectora falaranos do Halloween e do Samaín, e veremos unha película de terror. Tamén comeremos castañas e teremos algunha outra sorpresiña.
Así mesmo, leremos contos de terror na biblioteca, algúns inventados por nós e outros escritos por autores coñecidos. Temos unha mesa chea de libros de historias de medo. Achegádevos e levade algún para ler tamén na casa ao pé do lume.




08/10/12

PREPARANDO A NOSA VIAXE

Tal vez este título podería parecer máis propio do inicio das vacacións de verán que docomezo de curso. Si, no IES de Melide puxémonos en marcha nada máis volver das vacións de verán porque este ano dende a biblioteca imos traballar nun proxecto: A Viaxe e a Migración, entre a búsqueda e a necesidade. Pensamos que é un tema o suficientemente amplo para ser traballado interdisciplinariamente e un tema moi rico e documentado na literatura, cine e artes en xeral. Partimos de dúas ideas básicas nas nosa liña de traballo. Por unha banda temos a viaxe como fonte de coñecemento, produto da continua busca e curiosidade do home, motor dos grandes descubrimentos, fonte inagotable de experiencias. Por outra banda temos a viaxe forzada pola supervivencia: as grandes migracións, as invasións, os movementos de poboación... que son inherentes ao xénero humano. Por último temos a viaxe como forma de ocio, o moderno turismo. Con estas ideas iniciais comezamos a nosa travesía pedindo, como o poeta Cavafis, "que a nosa viaxe sexa longa, chea de aventuras, chea de coñecementos"

31/05/12

MAKINARIA

Chegan de noite queimando goma,/flipados de euforia e decibelios,/ coa gasolina inxectada na vea./ Logo, malotes de discoteca, descenden so carro maqueado...
Con estes versos o poeta introdúcenos nese mundo de roteiros nocturnos entre discotecas e pubs, mallando na música e no alcol a velocidades vertixinosas que en moitos casos acaban nas cunetas e cemiterios. E o poeta, que xa disfrutamos en anteriores ocasións, non podía ser outro que Carlos Negro, antigo profesor deste centro e profesor de Lingua e literatura no IES de Dodro.  
Makinaria introdúcenos sen previo aviso nun universo de bugas maqueados roéndolle duro as rodas, cravando derrapaxes a ritmos de decibelios que deixan corpos ensanguentados na cuneta. Usa con maxistralidade a linguaxe dos mozos que, aínda que compartan casa e aulas con nós, parecen habitar o seu propio planeta, esa linguaxe que tanto sorprende aos lectores e lectoras pouco habituados a ler poseía que collen o libro cun aire reticente. Makinaria foi unha revelación que nos descubriu que a poesía non está enlatada en versos ou temáticas trascendentais, está en cada recuncho do noso entorno, nos obxectos cotiáns ... en palabras do propio poeta "a poesía fuxiu do Parnaso cos bafles abouxadores na procura de palabras que acheguen aos lectores a súa propia vida con ritmo de hiphop de rúa". Durante cincuenta minutos os versos de Makinaria renaceron recitados, cantados, rapeados... na voz de Carlos Negro, que soubo encadilar non só aos alumnos e alumnas de 1º de BAC que leron a obra, senón tamén aos profesores e profesoras que os acompañaban nese momento. Ao final, para non marchar co sabor amargo da morte e cemiterios, Carlos agasallounos con algo doce: un verso de amor e un sugus, que luxo! Os e as que non tivestes a sorte de disfrutar deste recital, tedes Makinaria agardando por vós na biblioteca.

17/05/12

O misterioso Dr. Saa



Hoxe, 17 de maio, Día das Letras Galegas, presentouse na feira do libro en Lugo O misterioso Dr. Saa, obra escrita pola nosa compañeira no centro, Belén Fernández Guzmán, e polo que tamén foi profesor no noso IES, Xosé Díaz Díaz. Esta biografía recupera a historia de Manuel Rodríguez Saa, tamén coñecido como o conde de Waldemar, un lucense de Portomarín que, no primeiro terzo do século XX, acadou sona internacional como ilusionista. Os autores pretenderon render unha homenaxe á memoria e lenda do home e artista que percorreu case todo o mundo deixando a súa maxia.
Os autores consideran ao ilusionista Waldemar como un emigrante, como tantos outros que tiveron que marchar para buscar vida fóra, que tivo a valentía de dedicarse a algo tan pouco habitual naquel tempo como era o ilusionismo.
Parabéns ao autor e á autora que con esta obra rescataron do anonimato un personaxe tan importante como este que actuou para reis, xefes de estado e incluso un emperador, e do que moitos de nós nunca oiramos falar.

Día das Letras Galegas 2012

Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado a Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista.
Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra.
Iniciouse no movemento galeguista, da man de Castelao, e participa como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela. 
Durante esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudantes. Anos despois presidiría en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militaría no Partido Galeguista, participando activamente na súa fundación en decembro de 1931.
Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
Aquí vai un anaco de Pranto Matricial.
Cando ti volvas
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dend-a Torre d´Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas pol-o mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas pol-o mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas pol-o mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas pol-o mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas pol-o mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas pol-o mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas pol-o mare;

e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues pol-o mare,
cando ti chegues pol-o mare...

Galiza, 1954


10/05/12

Semana da Interculturalidade: Xapón

Os últimos día desta intensa semana da interculturaliade están dedicados ao Xapón. As alumnas e alumnos de 4º de ESO e 1º de BAC, ademais de decorar a biblioteca con magníficas mostras de caligrafía xaponesa, traballaron diferentes aspectos desta milenaria cultura, centrándose no haiku, poema tradicional xaponés que consta de tres versos breves que soen centrarse na contemplación da natureza.
Velaí os difrentes traballos elaborados polas alumnas de 4º de ESO en torno ao Xapón: o seu concepto da beleza, teatro, danza, poesía, filosofía, relixión e cortesás.

07/05/12

IES DE MELIDE: O MUNDO SOMOS NÓS

Arrancamos a semana da Interculturalidade no IES de Melide, do 7 ao 11 de maio de 2012, na que tentaremos achegarnos ás diferentes culturas e países das alumnas e alumnos do noso centro. Podes consultar o programa de actividades e non dubides en pasar pola biblioteca para visitar a nosa exposición.
Ver Interculturalidade no IES de Melide en un mapa más grande

06/05/12

SEMANA DA INTERCULTURALIDADE

A semana do 7 ao 11 de maio celebramos a semana da interculturalide no IES de Melide, baixo o lema IES DE MELIDE: O MUNDO SOMOS NÓS.
Neste días queremos queremos destacar a diversidade cultural que temos no IES de Melide, que acolle a rapazas e rapaces procedentes de distintos países e culturas como Arxentina, Brasil, Colombia, Cuba, China, Marrocos, Paraguay, Pobo xitano, República Dominicana, Rumanía, Suíza, Venezuela.... unha gran variedade que nos enriquece a todos.
Dende a biblioteca queremos convidarvos a que asistadades a esta gran festa participando nas distintas actividades que organizamos:
- Exposición de obxectos e moedas dos diferentes países.
- Degustación de produtos típicos dos países participantes.
- Actuaciacións musicais
- Exposición das distintas presentacións de diapostivas elaboradas polos alumnos e alumnas
- Charlas e conferencias...
Como aperitivo deixamos aquí dúas presentacións elaboradas por un grupo de alumnos de 1º C de ESO.

CHINA
Traballo coordinado por Li Wei, no que colaboraboraron Álex García Prado, Belén Barallobre e Laura Rodríguez. Li Wei estivo no pasado mes de marzo en China e alí pudo recoller unha serie de datos e fotografías que agora nos mostra. POBO XITANO Asier Montoya coordinou este traballo e recibiu a importante axuda de Lucía Costoya, Adrián Couso, Carlos Rouco e Conchi Penas. Buscando información na rede descrubrimos un montón de cousas sobre este pobo que leva tantos anos convivindo con nós e do que sabemos tan pouco. Durante as tres semanas nas que realizamos este traballo na clase de 1º C de ESO, á parte de aprender un montón de cousas descoñecidas, aprendemos tamén a traballar en equipo e a manexar moitas ferramentas TIC.

05/05/12

REPÚBLICA DOMINICANA

Presentación realizada por Carlos Alberto López Almanzar, de S4A

BRASIL

Presentación realizada por Nathielle Thifane Rosa de Oliveira, de S2A



Presentación realizada por Manoel Vitor, David Ramos e Bea gonzález, de S3A

COLOMBIA

Presentación realizada por Juan Camilo Pino,de S2A.
FESTAS COLOMBIANAS
Presentación realizada por Diego Fernando Benjumea, de S3A

CUBA

Presentación realizada por Liliana Liset, de S2A

SUÍZA, EUSKADI

Expoñemos aquí as distintas presentacións elaboradas polas alumnas e alumnos do IES de Melide

EUSKADI

 
SUIZA
 

03/05/12




CERTAME LITERARIO

"DÍA DAS LETRAS 2012"


O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA do IES de Melide en colaboración coa BIBLIOTECA convoca o Certame Literario
"Día das Letras".


BASES
1. Poderá participar no Certame calquera alumno ou alumna do Centro.

2. Establécense as seguintes modalidades de participación:

a)    Poesía.
b)    Prosa.
c)    Ensaio.

3. As obras presentadas deberán estar escritas en lingua galega.

4. A extensión e os temas dos traballos a presentar son libres.

5. O xurado estará composto por representantes do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do Centro.

6. Os traballos, nos que se farán constar os datos do/a autor/a, deberán presentarse na Conserxería do Centro ata o
14 de maio de 2012.

7. Os premios serán entregados durante a celebración do Corremelide-2012.


24/04/12

Día do libro no IES de Melide

 Onte, día 23 de abril conmemoramos o Día Internacional do Libro. No noso centro realizáronse distintas actividades. Ademais de sacar libros da biblioteca para o corredor, preparamos unha exposición de libros de texto de distintas materias que utilizaron os nosos avós e pais e cubrimos uns cuestionarios.
 Tamén puidemos ver os libros que lían para divertirse. Esta exposición estará toda a semana no corredor.
 Xa no recreo, un grupo de alumnos e alumnas conmemorou este día coa lectura de sonetos de Shakespeare en inglés e galego. Non esquezamos que nesta data recórdase o pasamento deste célebre escritor, ademais do de Cervantes.
 Finalmente, tamén se levou a cabo a representación teatral da obra Moito ruído e poucas noces, en inglés. Gustounos moito.
Ao longo destes días, tamén puidemos comentar por escrito cales eran os nosos libros favoritos, nunha libreta que estaba no corredor.
En fin, unha semana chea de actividades que nos demostran que eses "aparatiños" chamados libros, que xa utilizaban os nosos antergos, seguen tendo vixencia na actualidade.

17/04/12

ROTEIRO LITERARIO

 Hoxe un grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º de BAC do noso centro participou nun roteiro literario polos escenarios da novela de Domingo Villar A praia dos afogados. Iniciamos o percorrido na praia da Madorra da man da actriz Ana carreira, que nos fixo recordar e escenificar partes da novela. Seguidamente visitamos o templo votivo do arquitecto Antonio Palacios.
 Seguidamente subimos a Monteferro, dirixidos polo historiador Xosé Lois Vilar para ver o faro e outros escenarios da novela. Empezamos a andar polo monte, pero empezou a chover, e non puidemos ver todo o que estaba previsto.
 Xa pola tarde, fomos visitar a Verbum ou casa das palabras, en Vigo. Despois de tratar de descifrar un xeroglífico e de ver a exposición permanente, realizamos un obradoiro sobre o funcionamento da imprenta. Colocamos as letras para formar un texto e imprimímolo.

 Aquí podedes vernos tratando de imprimir un texto. Os resultados non foron óptimos, pero pasámolo ben.

Finalmente demos un paseo pola praia de Samil e... de volta á casa.
O día non estivo moi bo, pero pasámolo ben e aprendemos cousas novas.

15/04/12

Crónica dunha crise anunciada

Hai pouco uns cantos rapaces e rapazas deste instituto disfrutábamos no cine coa versión cinematográfica de Arrugas, pola que Paco roca recibiu dous premios Goya. Hoxe Paco Roca danos unha mostra máis da súa xenialidade con este resumo da crise económica en formato cómic, publicada no País Semanal. Está claro que entre outras moitas, a banda deseñada pode ter unha función didáctica importante, en palabras do propio Paco Roca: "Si hubieran explicado las hipotecas en formato cómic, se habrían firmado la mitad".
Crónica de una crisis anunciada, por Paco Roca

14/03/12

50 anos con Mafalda

 
Mafalda, un personaxe entrañable da vida cotiá dos arxentinos saía á luz hai agora 50 anos. Esta rapaza encarnou perfectamente o sentir e o pensar da clase media na época.


O 15 de marzo de 1962, Joaquín Salvador Lavado, Quino, debuxaba por primeira vez a Mafalda para unha campaña publicitaria. Posteriormente esta personaxe, que odiaba a sopa, pasaría a ser a protagonista dunha viñeta que nos divertiu e nos fixo pensar durante décadas.

O 25 de xuño de 1973 apareceu a última tira cómica de Mafalda, o que ocasionou un grande desgusto para os seus seguidores, repartidos por moitos países.

Hoxe podemos conmemorar o seu 50 aniversario lendo as tiras de Mafalda que temos, por suposto, na biblioteca do noso IES.

08/03/12

Historia do Día Internacional do Día da Muller: 8 de marzo

1909: De conformidade cunha declaración do Partido Socialista dos Estados Unidos, o día 28 de febreiro celebrouse en todos  os Estados Unidos o primeiro Día Nacional da Muller.

1910: A Internacional Socialista, reunida en  Copenhague, proclamou o día da Muller de carácter internacional coma homenaxe ao movemento a favor dos dereitos da muller e para axudar a conseguir o sufraxio feminino universal.

1911: Como consecuencia da decisión adoptada en Copenhague o ano anterior, o Día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez (o 19 de marzo) en Alemania, Austria, Dinamarca e  Suiza, con mitins aos que asistiron máis dun millón de homes e mulleres. Ademais do dereito ao voto e a ocupar cargos públicos, reclamaron o dereito ao traballo, á formación profesional e a non discriminación laboral.

Menos dunha semana despois, máis de 140 mulleres morreron no tráxico incendio da fábrica textil  Triangle en Nova Iorque  . Este suceso tivo graves repercusións na lexislación laboral dos Estados Unidos,  e nas celebracións posteriores do Día Internacional da Muller fíxose referencia as condicións laborais que conduciron ao desastre.
1913 a 1914: No marco dos movementos en pro da paz que xurdiron en vísperas da primeira guerra mundial, as mulleres rusas celebraron o seu primer día Internacional da Muller o último domingo de febreiro de 1913. No resto de Europa, as mulleres celebraron mitíns ó redor do 8 de marzo para protestar pola guerra ou para solidarizarse coas demais mulleres.

1917: O 8 de marzo as mulleres rusas movilízanse  reclamando “paz e pan”

1977: As Nacións Unidas adopta unha resolución proclamando o 8 de marzo como Día Internacional da Muller.

2012: O  8 de marzo reclámanse os dereitos de todas as mulleres en todos os ámbitos.  Un ano máis,  demándanse  novos dereitos para as mulleres, deféndense  os xa conquistados  e lóitase  contra aquelas leis que as discriminan ou que rexeitan o principio de igualdade de sexos e de oportunidades. Despois dun século, en numerosos lugares do mundo as mulleres seguen demandando dereitos básicos como acceder á educación, á cultura, ao traballo e á política.  Algunhas das reivindicacións das mulleres de principios do século XX seguen vixentes.


07/03/12

A muller traballadora na banda deseñada


Hoxe, día da muller traballadora, recomendámosvos dous cómics nos que aparece reflectida a súa situación .
No primeiro, Lulú, mujer desnuda, de E. Davodeau, cóntasenos, dunha maneira moi orixinal, o relato dunha muller de mediana idade que, farta da súa vida aburrida, decide dar un cambio. A súa enésima entrevista de traballo fallida impulsaraa a unha impredicible aventura que lle permitirá descubrirse como realmente é, e non como os demais quixeron sempre que fose. O día en que decide non volver á casa, cambiaralle totalmente a vida e Lulú converterase nunha persoa totalmente nova.

 No segundo, Persépole, de Marjane Satrapi, unha das artistas iranís máis aclamadas, galardoada con varios premios entre os que destacan o Premio ao Autor Revelación 2001 e Mellor Guión 2002 no Festival Internacional de Cómic de Angoulême, ofrécenos un relato autobiográfico sobre a súa infancia en Irán, que é á súa vez un excelente testemuño histórico dun pobo e unha época. Tamén nesta obra aparece reflectido o papel da muller na sociedade. Grazas á súa gran carga emotiva, crítica e irónica, Persépole converteuse nun cómic de referencia

05/03/12

ENTREGA DE PREMIOS XOGO DE PISTAS


Despois de dúas semanas de intensa investigación detectivesca, remata o xogo de pistas sobre novela negra "Hai un cadáver na biblioteca" coa entrega de premios. A pesar de que se anotou moitísima xente, algúns fóronse desanimando polo camiño, pero aínda así chegaron bastantes ao final, e houbo que realizar un preguntón de desempate para o primeiro posto.
 1º PREMIO: grupo BIBLIOADICTAS, formado por:


- Andrea Garrido Ríos

- Miriam Pumar Otero


2º PREMIO: grupo PITINHAS, formado por:


- Uxía Varela Expósito.

- Lucía Álvarez Vilela

 
3º PREMIO: grupo ZIPI Y ZAPE, formado por:


- Ana Ayude Puga

- Elisa Ares Turrado

Os premios consistiron en vales para mercar libros, música, pelis, material escolar... en establecementos da vila. Tamén hai un premio especial para os que participaron máis dun 50 % , que consistirá nunha viaxe para ver unha película.




Parabéns ás gañadoras polo ben que o fixeron e a todos e todas @s que o intentaron.

24/02/12

24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro


O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.


A AELG convidou aos centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
Celebramos que se homenaxee a esta grande escritora pola importancia que tivo para as nosas letras, para a nosa cultura.
Aí vai un pequeno poema de Rosalía
 
Ben sei que non hai nada

novo embaixo do ceo,

que antes outros pensaron

as cousas que hora eu penso.



E ben, ¿para qué escribo?

E ben, porque así semos,

relox que repetimos

eternamente o mesmo.

01/02/12

Gandhi. A manga biography

Como xa sabedes, o 30 de xaneiro conmemórase o Día da Paz, recordando o asasinato de Gandhi. Hoxe presentámosvos dende a biblioteca unha banda deseñada que trata da vida deste representante da non violencia. O autor é Kazuki Ebine. É un manga .
Anticípovos que próximamente teremos na biblioteca moitas novidades en inglés. Achegádevos e preguntade por elas.