15/02/23

MICROPOEMAS POLA PAZ

 

PREMIOS

 Con motivo da celebración do Día da Paz o alumnado creou micropoemas con imaxe. 

Ademais da participación, puidemos observar a súas habilidades gráficas e plásticas

Os traballos foron expostos no taboleiro da biblioteca  e  concedéronse dous premios 

 


 

                                                     

                                                                                                

03/02/23

VISITA DE EMMA PEDREIRA

Así asinou para a nosa biblio


      Canda a Candeloria chegou Emma Pdreira para falarnos dos "amores prohibidos", para lembrarnos que o verbo AMAR conxúgase así, en maiúsculas  e a toda cor, coma o espazo da radio, coma a entrevista que lle fixo Lúa, de 4ºESO A. 


Accede dende aquí ao contido da entrevista: https://acortar.link/8z3NsM


31/01/23

NOITE DE ESTRELAS



Este luns, 30 de xaneiro, o Club de Ciencias e o observatorio Ramón Mª Aller da USC organizaron na nosa bibioteca o evento "Noite de estrelas e desexos para 21 días co galego e +"




Empezamos cunha conferencia a cargo de Pedro, do observatorio Ramón Mª Aller, na que nos puxo en antecedentes do que íamos observar logo no patio.

Unha interesante introducción ó Sistema Solar e as estrelas e constelacións, que despois poderíamos ver no patio co telescopio, ou a simple vista, aproveitando un ceo despexado (eso sí, moi frío).


Unha vez rematada, xa no patio, puidemos ver como se monta un telescopio e facer as observacións que a data e hora nos permitía: Xúpiter e as principais lúas, Marte, a Lúa, o cometa C/2022 E3 (ZTF)...







Nesta ocasión non foi posible observar Saturno e Venus pois xa estaban fóra do horizonte visible.

20/12/22

NADAL 2022

 

RECOMENDACIÓNS PARA NADAL 


1º CICLO  ESO:

-La sombra del gato y otros relatos de terror, Concha López Narváez

-La tejedora de la muerte, Concha López Narváez

-Maxia de pedra, Alba de Evan e Xabier Domínguez

-Mamá, quero ser ZiggyStardust, Iria Misa

-Ondjaki, Mia Couto

 

2º CICLO DE ESO e BAC:

-Os corpos invisibles, Emma Pedreira

-Poetízate, Fran Alonso

-O que sei do silencio, Andrea Maceiras

-Revolución detrito, Xosé de Cea

-Un elefante na sala de estar, Berta Dávila

-Locos por los clásicos, Emilio del Río

-Astérix e Obélix, R. Goscinni, A. Uderzo

-Regreso al Edén, Paco Roca

-Ondjaki, Mia Couto,

-O mandarín, Eça de Queirós

Um rio chamado tempo, uma casa chamada terra, Mia Couto

-Amor de perdiçao, Camilo Castelo Branco

 

PROFESORADO:

-Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo, Emma Pedreira e Marilar Alexandre

-Non penses nun elefante rosa, Antía Yáñez

-Maestra de pueblo, Cristina Picazo

Mañana en la batalla piensa en mi, Javier Marías

-Quen non ten un avó fascista?, Inma López Silva

- Virtudes ( e misterios), Xesús Fraga

- Lixeiro, Isamel Ramos



12/12/22

5º ANIVERSARIO DA PRIMEIRA VOLTA AO MUNDO

 

   A VIAXE QUE CAMBIOU O MUNDO

 

 O alumnado de 3º ESO A recreou o momento histórico correspondente ao 500 aniversario da 1ª volta ao mundo  1522-2022) de Magallaes e Elcano, cunha exposición e un acto conmemorativo. Para iso foi fundamental a colaboración do alumnado de Carpintaría e Moble do IES de Melide, que confeccionou unha reprodución da nao Victoria e colaborou na montaxe e exposición, situada na entrada do centro e no primeiro andar da biblioteca

  


          E a viaxe continúa...



25 DE NOVEMBRO



 

 25 DE  NOVEMBRO,  DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

 

No noso IES   manifestamos a repulsa á  violencia machista  ao longo deste día con actos que tiveron lugar en  espazos diferentes:

-Na entrada do centro,   cun taboleiro vestido de dó no que penduraron  diferentes textos para poder  ler e /ou traballar  nas aulas

 

 

   - No chan do corredor  principal, en  branco sobre  negro, o alumnado leu   a dor   tendida de todas as mulleres no poema " Baldosas", de Carlos Negro  



- Na biblioteca, coa lectura dun Manifesto contra a Violencia Machista



     E mais coa  dramatización:  Sabes como me mola a min que me entres?  a cargo do Club de Teatro de 4ºESO, cuxa resposta era ben contundente:

                    " Como se non existisen os puños".

        Ás 12:00h gardouse un minuto de silencio para berrar alto  por todas as que  que non teñen voz.

 

11/12/22

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

 Sabías que ....



... as proteínas da clara do ovo  poden  desintegrarse con vinagre en lugar de  calor?

...  que,  como as plantas liberan osíxeno,  a combustión dura máis e, polo tanto tarda máis en apagarse unha candea acesa?





... e que o volume dunha disolución  pode aumentar nun 2500%.

  

   Pois resulta que no IES de Melide  puidemos admirar con ollos grandes,  grandísimos, o despregue de  experimentos que realizou o alumnado  co profesorado de Bioloxía e de  Física,  Química, Xeografía,  Informática...

 




 E o noso club de prensa, recén estreado co alumnado de 4º A, entrevistou ao biólogo Antonio Castro Casal, que nos falou da súa paixón polos réptiles e aclarounos que hai de certo niso de "chorar bágoas de crocodilo".


Escoita:

02/11/22

SAMAÍN 2022-2023

   No IES de Melide festexamos o Samaín, deixando a estación da luz  para entrar na das tebras.  E amencemos así: con arañeiras na entrada e pantasmas na escaleira:


 Aplaudimos ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos terroríficos:




E o expositor da biblioteca ateigouse de misterio e terror. 

24/10/22

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Hoxe, Día das Bibliotecas, enfeitamos o taboleiro que está a carón da nosa biblio cos debuxos que, a partir dunha cita de Gloria Fuertes, foi facendo  o alumnado de 4ºESO: 

"Dentro de la biblioteca se cura la ignorancia: los libros son para la mente como las tiritas para el alma y las bibliotecas son tan importantes que tendrían que estar por todas partes, como las farmacias"

(Gloria Fuertes, bibliotecaria e poeta)


20/10/22

DÍA DAS ESCRITORAS

17 de outubro: Día das Escritoras

Conmemoramos  o Día das Escritoras, unha data ben acaída para reivindicar a escrita en feminino plural. Son moitas as autoras que  escribiron a guerra e nós lémola. E nesas páxinas camiñamos da súa man por situacións de sufrimento, de entrega e tamén de compromiso, porque 

despois de cada guerra
alguén ten que limpar
non se van ordenar as cousas soas

diría a poeta polaca Wisława Szymborska.

Pero nas voces das nosas  escritoras sentimos o conflito máis quente. Con Eva Mejuto férvenos o volframio no sangue, e devecemos por socorrer  ás dúas Marías na Alameda de Compostela, acosadas, perseguidas por mor da súa ideoloxía se as escribe Concha Blanco; choramos adeuses desde o barco de Marina Mayoral e precisamos con urxencia o mesmo xarope que Adela Figueroa para erguer un muro contra a barbarie. É por iso que andamos á procura desesperada dunha pílula de poesía contra tanta demencia colectiva, porque ninguén marisca piedade coma Yolanda Castaño.

Estas son algunhas das autoras, cuxas obras foron expostas na entrada do noso centro, coa finalidade de darlles  visibilidade, despois de seren lidas polo alumnado. 


11/10/22

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA AO NOVO ALUMNADO

 

   A nosa biblioteca leva o nome de Xaquín Yebra, profesor de Historia neste centro, amante dos libros e persoa entrañable.

QUE É UNHA BIBLIOTECA?

   Dicía Jorge Luis Borges: “Siempre imaginé que el paraíso sería algún tipo de biblioteca”.

   Logo unha biblioteca é un lugar para sentir o entusiasmo deste primeiro día, para probar  o pracer de sentar nunha desas cadeiras, coller un libro e ver onde nos leva. Seguro que cada un de vós, cando lestes un libro que vos gustou moito, non regresastes del do mesmo xeito. Como cando se fai unha viaxe ou se emprende unha aventura. Volvemos transformados, somos outros. Por iso as bibliotecas son paraísos, como dicía Borges, onde ir para avanzar, para soñar  outros mundos,  para ser máis libres, mellores persoas.

   Tamén, quizais, por iso os libros son tesouros e ten que haber espazos coma este onde viven, colocadiños porque son material sensible, coma vós.

   As bibliotecas son, pois, luz. Esta tamén, pero ademais…védela? É luminosa e alta, altísima, para que poidades medrar e ben sabedes que non nos referimos á estatura.

   Desde Melide podemos viaxar a moitos sitios, a todos os continentes se queremos, pero desde a biblio pódese ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe: a lugares de nós que non coñeciamos. Esa si que é unha viaxe fascinante.

   Agardamos, pois, encontrarnos neste paraíso, que é o corazón do noso centro.

QUE É UN CLUB DE LECTURA?

   É unha reunión onde se xuntan ollos que escudriñan en páxinas, persoas ás que lles gusta ler...

   O noso Club chámase Papalibros. Mirade  que nome tan simbólico. Iso é porque hai lecturas que son para papar, para lamber. Así que, unha vez ou dúas ao mes, sentaremos nunha parola entretida,  mentres comemos un bocata ou unha lambetada, para falar de historias que formarán parte de nós,  e de cine, e de música… Para falar da nosa viaxe apaixonante polos libros.

 

 

26/06/22

DESPEDIMOS O CURSO CUN APLAUSO AOS NOSOS AXUDANTES E AXUDANTAS!



Este superequipazo que vedes, formado por Jorge Pereiro Parrado, Xosé Lois Carrillo, Lúa Varela pardo, Eva Vázquez Prieto, Pablo Seoane e Javier Sanmartin (que non está na foto); fixo posible que a bilioteca funcionase durante este curso tan complicado, no que houbo poucas profesoras e profesores con horas de garda na biblioteca.
Elas e eles pasaron horas de recreos na biblioteca, axudaron a colocar libros, aprenderon a manexar o novo programa, Koha, fixeron préstamos e devolucións e incluso deron de baixa moitos dos libros que expurgamos. Sacrificaron o seu tempo libre para axudar e a súa compaña foi moi necesaria para as profes que traballamos na biblioteca.
GRAZAS, RAPACES E RAPAZAS, SODES IMPRESCINDIBLES. Oxalá o curso que vén podamos seguir contando con vos.