28/02/11

OBRADOIRO DE POESÍA CON CARLOS NEGRO

O venres, día 25 de febreiro, estivo no IES de Melide o poeta Carlos Negro, que xa fora profesor no noso centro hai uns anos, para impartir un obradoiro de poesía co alumnado de 2º de ESO A. A experiencia foi moi bonita e interesante, e volverá realizar outra sesión en marzo.


Unha das actividades que desenvolveu foi a creación dun poema entre toda a clase. Primeiro foi el para fóra da aula e mandou saír ao alumnado de un en un para ensinarlle unha cousa da que non lle podían dicir nada a ninguén. Xa na aula deberían escribir un verso co primeiro que se lles pasase pola cabeza. O que nos ensinaba eran uns cadros.

Unha vez recollidos os versos, el ordenounos, engadiu algún enlace, puntos, comas…etc e saíu este fermoso poema:

A princesa xunto a morte



É unha persoa con paraugas e chove,

unha marioneta cun vestido e paus ao redor.

É a beleza que durmía coa morte,

unha señorita durmida na súa camiña.

Eran uns debuxos moi raros,

cousas raras e destrución.

Quizais sexa a morte,

pero é algo estraño:

dedo-ollo con corazón de rapaza

con un esqueleto e un pau cravado.

Quizais é unha persoa enferma,

alguén de arriba que non quixo baixar

e que ten a morte á volta da esquina.

A morte é cruel.

A morte é algo terrorífico.

A morte está enriba da cama.

Hai unha muller con dous vestidos

afundida nun mar de cousas.

A muller non pode ser danada por nada,

pero o amor fai dano.

Non me gustou nada a pintura!


S2A

25/02/11

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

ROSALÍA

Hoxe, 24 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro, que coincide coa data do seu nacemento. Para festexalo lemos poemas desta grande escritora tanto nas aulas coma na biblioteca do centro. Participou alumnado de 1º e 2º ciclo da ESO, así como de Bacharelato. Unha pequena homenaxe para unha gran muller que escribia poemas como estes:



¡SILENCIO!



A man nerviosa e palpitante o seo,

as niebras nos meus ollos condensadas,

con un mundo de dudas nos sentidos

i un mundo de tormentos nas entrañas,

sentindo como loitan

en sin igual batalla

inmortales deseios que atormentan

e rencores que matan,

mollo na propia sangre a dura pruma

rompendo a vena inchada,

i escribo..., escribo..., ¡para que? ¡Volvede

ó máis fondo da ialma,

tempestosas imaxes!

Ide a morar cas mortas relembranzas;

Que a man tembrosa no papel só escriba

¡Palabras, e palabras, e palabras!

¿Da idea a forma inmaculada e pura

donde quedou velada?

Follas novas



DE BALDE

Cando me poñan o hábito,

si é que o levo;

cando me metan na caixa,

si é que a teño,

cando o responso me canten,

si hai con que pagarlle ós cregos,

e cando dentro da cova...

¡Que inda me leve San Pedro

se só ó pensalo non río

con unha risa dos deños!

¡Que enterrar, han de enterrarme

anque non lles den diñeiro...!



Follas novas

                                   

23/02/11

CHARLA CON MARIO PEREIRA

O escritor Mario Pereira estivo hoxe, 23 de febreiro, co alumnado de 2º de ESO para falar da súa obra Contos para Manuela. Despois de facer unha presentación de si mesmo contándonos algúns detalles do conto de Rabelo, contestou as preguntas que lle fixo o alumnado, e finalmente leunos un dos seus contos que aínda non está publicado, animando coa súa lectura ao alumnado a que escriba historias nas que interveñan personaxes de distintos contos coñecidos. Rematada a charla, contestou a unha entrevista que lle fixeron na radio.
                           

18/02/11

CONCURSO DE RELATOS “O REBULDAR”

O Centro de Atención ás Persoas Maiores de Melide convocou o 1º concurso de relatos co obxectivo de fomentar o encontro interxeneracional. Estaba dirixido ao alumnado de 1º de ESO do IES de Melide. O tema era o modo de divertirse antes e agora.


O alumnado do IES enviou os seus traballos, e o día 11 de febreiro, despois de xogar un pouco nenos e maiores, fíxose a entrega de premios.

Esta actividade resultou moi enriquecedora, posto que os rapaces/as ensináronlles aos maiores como se xogaba coa wi, e os maiores ensináronlles aos rapaces e rapazas xogos populares e algunha canción.

Neste concurso resultou premiado o traballo de Tamara Rodríguez Vila titulado “Os novos cara o pasado” (S1B) . Como finalistas quedaron: Diego Sánchez García (S1C), Adrián Mourazos Asorey (S1A) e Óscar Bernárdez Pereiro (S1D). A nosa noraboa a todos/as os/as que participaron, e, especialmente, aos finalistas e á gañadora.

                       
         

02/02/11

CONCURSO DE CARTAS DE AMOR

Dentro do seu Plano Anual, e coincidindo co 2 de febreiro, día da Candeloria e día do amor, o Equipo de Normalización Lingüística do IES convoca un concurso de cartas, declaracións e/ou poesías de amor.

MEMORIA DAS MEMORIAS DUN NENO LABREGO

 O día 31 de xaneiro parte do alumnado do IES de Melide viaxou a Santiago para ver a montaxe que realizou Cándido Pazó sobre as Memorias dun neno labrego, titulada Memoria das memorias dun neno labrego.
Este espectáculo escénico-oral vai dedicado, como din os propios artífices, "a todos os nenos labregos que son, foron ou serán. Aos das aldeas da memoria. Aos das leiras de asfalto. Eses que por moito que se laven sempre terán a alma manchada de terra. Aos expulsados da infancia, nenos labregos que en lugar dun sacho empuñan un fusil. Ou empuñan un sacho para traballar nunha mina. Aos comestos polas moscas da fame nos telexornais. Aos fuxidos do medo a toda caste de lobos. Aos que tiran pedras"



31/01/11

125 ANIVERSARIO DE CASTELAO


 Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (1886 – 1950), nado en Rianxo, foi un dos fillos de Galiza máis polifacéticos xa que foi político, médico, pintor, debuxante e, por suposto, escritor. Estudou Medicina por vontade de seu pai pero non a exerceu de moi bo grao. Castelao é considerado un dos pais do nacionalismo galego e eterno defensor de Galiza así como tamén da nosa lingua.

Tanto foi así que, coa Guerra Civil a piques de estourar, foi quen de atravesar España co fin de que o Estatuto Galego fose asinado. Porén, a pesar de que este foi aprobado, nunca entrou en vigor.

Durante o franquismo estivo exiliado pero continuou cos seus labores de defensa dende os seus exilios até a súa morte en Bos Aires.

Pola súa excelente obra literaria e importancia para Galiza dedicóuselle o segundo Día das Letras Galegas.

Agora, celebramos o seu 125 aniversario con orgullo xa que, a pesares do paso do tempo, Castelao segue a influenciar nas novas xeracións e cos seus traballos e as súas obras ensina a canto home ou muller as coñece. É unha figura imprescindíbel na nosa historia e literatura e por iso, dende os nosos tempos, homenaxeámolo, con moito agarimo, por todo o que fixo e seguirá a facer pola nosa terra.

30/01/11

30 DE XANEIRO, DIA DA PAZ

"Tendemos a pensar que o que vemos no presente é eterno. Esquecemos o moito que nos sorprendeu a repentina desintegración dalgunhas institucións, o cambio extraordinario que sufriu a forma de pensar da xente, as inesperedas rebelións contra algunhas tiranías, o brusco derrubamento de sistemas de poder que parecían invencibles.
Ter esperanza nos malos tempos non é un simple romanticismo absurdo. É algo que se basea no feito de que a historia humana non é só unha historia de crueldades senón unha historia de compaixón, sacrificio, valor e bondade.
Se recordamos todos esos momento e lugares, e son tantos nos que a xente se portou de forma admirable, darannos enerxías para actuar. A esperanza é a enerxía do cambio.
O futuro é unha sucesión infinita de presentes e vivir como cremos que deben vivir os seres humanos, pese a todo o malo que nos rodea, é unha victoria marabillosa."

Este texto está extraído de Una historia popular del imperio americano, adaptación ao cómic do ensaio La otra historia de los Estados Unidos de América,onde o seu autor, Howard Zinn, plantexa unha visión diferente da historia oficial do seu país. Trata temas como a loita entre os nativos norteamericanos contra os conquistadores brancos, a intervención norteamerica sobre os estados veciños, os enfrontamentos entre sindicalistas e capitalistas, a loita contra o racismo, a loita polos dereitos civís, os movementos pacifistas...
Se queres saber algo máis sobre este libro, visítanos en Papalibros.

22/01/11

CONTACONTOS EN PORTUGUÉS

Dentro do Plano de Potenciación da Lectura, o Departamento de Lingua e Literatura organizou unha sesión de Contacontos. O actor, realizador e “contador de estórias” natural de São Tomé e Príncipe, Ângelo Torres, axudounos a comprender o que é un conto popular e tradicional e a importancia que ten como elemento transmisor de valores universais e como potenciador das relacións humanas.




19/01/11

ENTREGA DE PREMIOS DE MICRORRELATOS RELACIONADOS COA VIOLENCIA DE XÉNERO

Dada a calidade e cantidade de relatos participantes, o xurado tomou a decisión de entregar dous premios por categoría en lugar de un, como esta anunciado nas bases. Podedes ler os microrrelatos gañadores, publicados en Artefacto, premendo os enlaces. Os gañadores/as deste concurso foron @s seguintes:


1º CICLO DE ESO:

- CRISTINA GARCÍA BANDE (2º ESO A), con Tres momentos

- NAIARA VÁZQUEZ NEIRA (2º ESO C), co microrrelato titulado Violento

2º CICLO DE ESO:

- LAURA LÓPEZ ROCA (4º ESO A), co seu microrrelato titulado Miña nai

- LUCÍA CORRAL LÓPEZ (PDC 4º), con Odio disfrazado de amor

BACHARELATO:

- EVA VÁZQUEZ TORREIRO (B2A), con Algúns

- RUBÉN SÁNCHEZ ORO (B1B), con Diario da miña morte

O premio consistiu nun vale para mercar libros ou material escolar nunha librería da nosa vila.

16/01/11

LETRAS GALEGAS 2011

Este ano o 17 de maio, Día das Letras Galegas, estará dedicado a Lois Pereiro.
Natural de Monforte de Lemos (Lugo), Pereiro (1958-1996) marchou a Madrid, con 17 anos para estudar Políticas, idiomas e informática. Nesta cidade fundou, con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas a revista Loia.
De regreso a Galiza, compaxinou o exercicio da tradución co labor poético.
En vida, publicou dúas obras: Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade
 

07/01/11

OS REIS MAGOS PROMOCIONAN A LECTURA

A noite do 5 de xaneiro chegaron a Melide, coma todos os anos, os Reis Magos; pero nesta ocasión, ademais dos caramelos, trouxeron un agasallo moi especial: un libro de contos dos Bolechas para os máis pequenos.
Esperamos que sigan prosperando iniciativas deste tipo que animen á lectura aos nosos nenos e nenas.

05/01/11

50 ANIVERSARIO DE MEMORIAS DUN NENO LABREGO

 O día 5 de xaneiro de 1961 publicouse por primeira vez en Bos Aires, onde se atopaba Neira Vilas emigrado, a obra Memorias dun neno labrego. Nesta obra cóntasenos como era o estilo de vida nos anos corenta dun rapaz labrego, Balbino, nunha aldea galega.
É un dos libros máis lidos e traducidos da Historia da Literatura Galega. Conta con máis de 600.000 exemplares vendidos, e xa vai pola edición número 31. Está traducido a moitos idiomas, entre eles o inglés, francés, alemán, chinés, ruso, búlgaro, checo, esperanto, sistema braille, etc.

Neira Vilas está preparando o guión para un filme baseado nesta publicación.
Cándido Pazó tamén realizou unha montaxe inspirada nesta obra. O alumnado do IES de Melide irá a Santiago para vela o día 31 de xaneiro.

02/12/10

BREOGÁN RIVEIRO NO IES DE MELIDE


O día 1 de decembro estivo no noso centro Breogán Riveiro, para falar co alumnado de 2º de ESO da súa obra Tonecho de Rebordechao. Houbo un coloquio onde o alumnado lle realizou todo tipo de preguntas ás que el contestou dando mostras de bo humor e paciencia. Ao acabar o coloquio, asinou os libros que trouxo o alumnado e seguidamente fixéronlle unha entrevista para a radio do centro.

I Seminario sobre a memoria no IES de Melide: Os maquis na Vía Láctea

Os días 26 e 27 de novembro de 2010 celebramos no IES de Melide o I seminario sobre a memoria “Os maquis na Vía Láctea”. Comezamos o seminario coa proxección da película de Montxo Armendáriz “Silencio roto” sobre a guerrilla no Val de Arán, cun debate ao finalizarse con Quico o “guerrilleiro do Bierzo” e Xaquin Yebra. Seguidamente tivo lugar a conferencia sobre “Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco” por Carlos Parrado e a inauguración oficial da aula do IES Melide que leva o nome de Ramón Rodríguez Varela, O Curuxás. O día 27 iníciase coa conferencia de Xaquin Yebra “Os últimos maquis galegos” para continuar co traballo de campo Percorrido polos espazos vitais dos útimos maquis nas proximidades de Castro Caldelas, pola Ribeira Sacra, onde baixamos ao refuxio do Mario. Nestas covasrefuxiábanse os antigos maquis entre eles Mario de Langullo, o Pinche, e logo foron aproveitadas por membros do exercito guerrilleiro.Rematouse o seminario no salto de Belesar onde foi abatido Xosé Castro Veiga “O Piloto”.

Entrevista a Breogán Riveiro


Dous alumnos e dúas alumnas de 2º de ESO fixémoslle unha entrevista a Breogán Riveiro para a nosa emisora de radio, Falamelide, e agora transcribímola aquí para que a poidades tamén ler.

-Moi boas, queridos oíntes
- Hoxe atopámonos aquí na nosa radio, en Falamelide  uns alumnos de 2º da ESO, nós somos Cristina, Belén, Diego e Víctor e estamos a piques de entrevistar a un escritor
- Si?, A cal?
- Como que a cal? Non cho dixemos antes?
- Pois a Breogán Riveiro
- O de Tonecho de Rebordechao?
- Si, a ese mesmo
- pois comecemos logo, non o fagamos esperar.
- Moi boas, Breogán
- Moi boas. Como estamos?
- Como ben sabes, temos preparada unha pequena entrevista , Que che parece se comezamos?
- Ben, se non queda outra, pois adiante.
- Escribiches máis libros que Tonecho de Rebordechao?
- Si, escribín bastantes máis libros e publiquei outros catro.
- E cal foi o que máis che gustou?
- Pois supoño que o que máis me gustou foi sempre no que estaba traballando no último momento. O que máis me gustou foi sempre o que se ía publicar despois, non os xa publicados.
- Cando publicaches o primeiro libro?
- Eu creo que foi no ano 2000 ou  no 98 máis ou menos. Gañei o premio Cidade da Coruña de Literatura Fantástica cun libro que se chamaba... Pois non me lembro agora mesmo como se chamaba o libro, pero gañei o premio e publiquei o libro. Debe ser o... Como se chama o cabrón ese alemán que me agacha as cousas? O alzheimer ja,ja
- De que tratan as túas obras?
- Cada obra trata dun tema totalmente distinto. Teño dende unha obra policíaca que é O Asasino bífido, policíaca humorística, ata unha obra de monicreques, O afundimento do Tiránic, ou sexa que hai de todo un pouco e tamén literatura totalmente fantástica como Olga e o dinosauro, ou sexa, teño de todo un pouco.
- Para que idades están recomendadas?
- De 0 a 99 anos máis ou menos. De máis non teño demasiados. Penso que a literatura non ten barreiras de idade habitualmente Se les un libro e che chega dá igual que leas a Dostoievski con oito anos ou, coma no meu caso, que leas O pequeno Nicolás con corenta e tantos, pódeche gustar exactamente igual.
- En que te baseaches para escribir Tonecho de Rebordechao?
- Tonecho de Rebordechao conta a historia dun rapaz que vive nunha gran cidade e que por unha serie de circunstancias traumáticas pero que non entramos a valorar na obra ten que ir vivir a unha aldea de montaña practicamente abandonada onde é o único neno de toda a contorna. Entón son as aventuras e desventuras dun rapaz  desta posmodernidade de videoxogos e todo isto tendo que ir vivir cos seus avós a unha zona hiperrural e de montaña, a unha zona francamente curiosa.
- E como se che ocorreu o personaxe de Tonecho?
- Pois non sei, pero supoño que dentro da obra unha das primeiras cousas que se me ocorreu foi o personaxe de Tonecho. Cando comezas a escribir sabes de onde saes e ás veces sabes como queres rematar, pero non  como vas chegar ata alí moitas veces. E as historias medran ás veces por si soas, entón Tonecho foi un personaxe que medrou por si mesmo e que colleu moito protagonismo dentro da súa propia historia. É un personaxe que gañou peso, por así dicilo.
- Dinos, existe Rebordechao?
- Si, existen varios. Este, en concreto, é o máis coñecido. Está situado ao sur de Montederramo, na provincia de Ourense. E coincidiu que eu estaba escribindo a historia de Tonecho, dun rapaz que, como xa comentei, pasaba de vivir nun ambiente urbano a un moi, moi rural dunha aldea case descoñecida, de montaña; e coincidiu que por motivos de traballo estabamos a gravar un documental dirixido por Carlos Casares sobre o home lobo de Allariz, o home do unto, o lobishome de Allariz, e coincidiu que estabamos gravando precisamente en Rebordechao . Daquela, esta gravación en Rebordechao supuxo para min un descubrimento, e tamén supuxo un descubrimento para ese rapaz que eu estaba imaxinando, que era ese Tonecho . E Tonecho faloume e díxome que el non era soamente Tonecho que vivía nunha aldea imaxinaria, que era Tonecho de Rebordechao, que vivía alí, e entón esa aldea real pasou a formar parte da historia.
- E que sentiches mentres o escribías?
- Fame, sono, cansazo, ledicia, ánimo, de todo. Cando se escribe, o proceso é moi longo e dá tempo a sentir moitísimas cousas, moitos altibaixos, momentos de euforia, de dicir: “isto está moi ben” e outros de dicir: “buf, non vou rematar” É un proceso longo escribir, é un proceso de atravesar un deserto, e despois, cando chegas ao oasis dis: “ ben, o camiño percorrido valeu a pena”. Neste caso penso que valeu a pena. Iso dependerá dos meus lectores.
- Aparece algún relato autobiográfico nas túas obras?
- Non, habitualmente eu non escribo cousas autobiográficas, se cadra é porque a miña vida é bastante anódina, aburrida. Eu son un traballador que chega á súa casa e que ten os mesmos problemas que ten todo o mundo, pero cousas autobiográficas sempre hai, quero dicir que por exemplo os personaxes dos avós que pasan o día rifando pois eu penso que son un pouco meu pai e miña nai, que tiñan ás veces a cousa de andar discutindo por caralladas en calquera intre do día, e hai cousas que si son autobiográficas como a anécdota do equipo de televisión que está rodando en Rebordechao á hora de xantar e que ten problemas; pois esa anécdota semella absolutamente surrealista e imposible, é real.
- Recordas algunha anécdota curiosa que che ocorrera dende que es escritor?
- Pois unha anécdota que me pasou hai pouco. Estaba no Decathlon na Coruña e había unha chea de xente, e camiñando, un rapaz  un pouco máis vello ca vós estaba falando con un colega alí e dixo dunha maneira despectiva: “ Tengo que comprar el libro ese de Tonecho de Rebordechao”, e estaba ademais cun pau de golf na man, e entón, por se acaso, non me acheguei a dicirlle nada, non fora ser que se lle ocorrese baterme por aquilo, que non teño a culpa de nada, déixame tranquilo, pero foi a anécdota máis curiosa sobre este libro que me pasou.

- Sobre que temas che gusta escribir?
- Gústame o humor, como a case todo o mundo, a fantasía, e en xeral todo o que cae nas miñas mans, eu penso que os libros gardan historias marabillosas e que paga a pena darlles unha oportunidade. Se cadra hoxe esa historia non conecta contigo, pero é posible que mañá si, e paga a pena descubrir moitas das historias que están agachadas nos libros.
- E como foron as túas primeiras experiencias coa escritura?
-  Pois eu penso que foron en preescolar. Eu tiña que cubrir un folio con pauciños, e despois con circuliños. E comecei máis adiante coas vogais. As miñas primeiras experiencias coas letras foron iguais que as vosas, que as de todo o mundo. Eu penso que o que distingue un escritor de calquera outra persoa “normal” é que un escritor as historias que todos contamos as pon por escrito. Anímovos a que poñades todas esas historias por escrito porque paga a pena,  e contar historias é o que nos distingue aos seres humanos . Somos seres humanos porque nos gustan as historias e porque  contamos historias.
- Gústache reler as túas obras?
- Eu penso que o primeiro lector que debera ter un é un mesmo. Se non che gusta o que escribes nin a ti mesmo, mal imos, pero, por outra banda, ti xa sabes o que escribiches, entón reler..., si algunha vez teño relido algunha obra por moitos motivos e si, habitualmente gústame reler, pero tamén tes a teima de analizar demasiado ás veces. E como exercicio de reler continuamente as miñas obras, non iso non o fago. Seméllame case algo achegado ao onanismo

- Tardas moito en escribir un libro?
- Non o sei exactamente porque o labor de escribir no meu caso é parcial. Eu chego de traballar noutros temas, no audiovisual e cando podo dedico algo de tempo a escribir e iso implica que un día podo dedicar media hora, outro dúas e hai días que nada, entón non sei canto tempo leva escribir un libro. E, ademais, despois de escribir unha obra hai un proceso moito máis duro, se cadra non máis longo pero si máis duro, de revisar o que escribiches e tachar aquilo que non paga a pena . É un traballo moi duro ir tachando, tachando, tachando.
- E pódese saber por onde comezas?
- Habitualmente polo principio.
- E, dime, escribes só en galego ou tamén en castelán?
- Teño publicado en galego. Teño algún relato premiado en castelán, algunhas cousas, pero publicado só en galego. O que pasa é que eu me considero no bo sentido da palabra bilingüe e por traballo teño que escribir moitas veces en castelán, entón a necesidade de escribir náceme en galego principalmente, porque a outra xa a teño cuberta.
- E, por último, se nos queres contar ti algo en especial...
- Pois si, querería falarvos de algo en especial, posto que me preguntastes se tiña publicado algo en castelán. A verdade é que me gusta moito o castelán, considero que é o meu idioma, son bilingüe no bo sentido da palabra e quería animarvos dende o punto de vista do castelán, quero facer unha defensa do castelán, e a mellor defensa que podo facer do castelán, posto que son dúas linguas moi xuntas e que están pegadiñas, para falar ben en castelán temos que saber falar ben en galego, entón, por favor, se respectades o castelán, aprendede, practicade o galego, porque así saberedes distinguilo moi ben, non como fai algunha xente que en teoría defende o castelán e non o fala nin sequera ben. Como estas dúas linguas están tan achegadas, os galegos para falarmos ben en castelán temos que aprendermos a falar ben en galego se non é imposible. Por iso, en defensa do castelán, falade galego
- Ben, con esta pregunta rematamos a entrevista. Espero que o pasases ben e vós tamén, queridos oíntes. Moitas grazas, Breogán, e ata sempre.
- Graciñas a vós.

Cristina, Belén, Diego e Víctor
2º ESO

01/12/10

VISITA Á EXPOSICIÓN DO CÓMIC




O 29 de novembro, o alumnado de 2º de ESO do IES acudiu ao Multiusos para ver unha exposición sobre o cómic.Titúlase "Viñetas Descubertas" e "Miña Terra Galega". A primeira é unha panorámica de 32 obras realizadas por autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos, mentres que a segunda resume a visión de oito dos creadores actualmente en activo na nosa terra, sobre os tópicos e temas relacionados con Galicia.

28/11/10

PARA LER A CARÓN DO LUME NESTE TEMPO DE XEADAS


No mes de novembro é cando notamos a chegada do inverno, aínda que o comezo deste, para ser exactos, sexa o 21 de decembro. No mundo celta o ano novo comezaba a principios deste mes, cunha festa en honor aos defuntos, a nomeada festa do Samaín. Agora, cando as noites son tan longas e vai tanto frío fóra é cando máis apetece ler a carón do lume (ou do radiador, se non temos outra cousa). Neste tempo a nosa biblioteca foi recibindo estrañas visitas en torno a unha serie de libros, que fomos escollendo porque nos pareceron axeitados para este tempo de defuntos, castañas e lume. Na mesa da entrada poderás atopar libros de misterio, contos de terror, novelas de vampiros, historias onde a morte e os mortos están presentes, contos de lobos para escoitar ben tapadiños ao lado do lume... Nesta guía tes os detalles necesarios para facerte cunha desas lecturas.
Por certo, no club de lectura Papalibros estamos lendo un destes libros, Cumbres borrascosas, e temos a nosas primeira reunión o luns 29 de novembro as 14.15 h. na aula 106, para xantar xuntos e poder falar tranquilos. Se te animas, acude ou ponte en contacto con nós.

25/11/10

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Seguramente a violencia de xénero é algo tan antigo, case, como a existencia humana. Está presente na literatura universal de todos os tempos, unhas veces como simple reflexo de conduta e outras, cada vez máis por fortuna, como denuncia e repulsa. Por xentileza de Trafegando Ronseis, publicamos este fermoso vídeo onde sobran as palabras.

Dia Internacional contra a violencia de xénero 2010 from trafegandoronseis on Vimeo.

23/11/10

VII Simposio sobre o libro e a lectura


Os días 18 e 19 de novembro celebrouse en Santiago o VII simposio sobre o libro e a lectura, este ano dedicado ao fomento da lectura. Nel tratáronse moitos aspectos, entre eles o que debemos ofertar dende as editoriais, as librerías e as bibliotecas. A min gustoume especialmente o que nos contou o libreiro e contacontos Pep Durán e vóuvolo relatar bastante resumido.
Pep ten unha librería en Cataluña e, como é sabido, alá non chove moito; pero un día caeu unha tremenda treboada pola noite. Pola mañá, cando foi abrir o local, atopouse con que a auga o inundara totalmente; pero non só se mollaran os libros que estaban nos andeis baixos, senón todos os demais, xa que a auga entrara tamén polo tellado. Os libros estaban totalmente estragados. Entón, Pep descubriu que naquela auga que anegaba o chan había unha especie de bichiños negros e pequenos, colleu uns poucos e, sabedes o que eran? LETRAS. Dos libros caeran todas as palabras, e as follas estaban totalmente en branco. El recolleu todas estas letras e púxoas a secar, igual que os libros, ao sol, e cando todo estivo seco lanzou unha oferta na súa librería: COA VENDA DUN LIBRO, REGALAMOS UN PUÑADO DE LETRAS. Sabedes o que pasou? Que venderon todos os libros. E sabedes por que? Porque todos en realidade o que queremos é ler o noso propio libro, onde estean os nosos soños, desexos, aspiracións, preocupacións... En definitiva: nós mesmos.
Que libros debemos ofertar? Aqueles nos que a xente atope o seu espello, a si mesma; pero, iso si, dándolle textos de calidade e que teñan unha maior lectura social.

15/11/10

PERCORRENDO "A PRAIA DOS AFOGADOS"

Dentro das actividades de animación á lectura programadas pola biblioteca en coordinación co Departamento de Lingua, o día 11 de novembro alumnos e alumnas do IES de Melide participaron nun roteiro organizado por Galaxia, para ver os escenarios onde transcorre a novela A praia dos afogados, de Domingo Villar. Esta obra está ambientada en Nigrán, nas zonas de Monteferro e Panxón, e actuaron como guías Xosé Lois Villar, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos, que explicou as referencias ao medio mariño e as artes de pesca que aparecen na obra, e a actriz Ana Carreira, que mostrou a praia da Modorra, o templo votivo de Antonio Palacios, o porto e a lonxa, interactuando con eles/as.
Xa pola tarde, o alumnado visitou a VERBUM ou Casa das Palabras, onde asistiu a un itinerario e un obradoiro relacionado coas linguas do mundo.

13/11/10

CONCURSO DE MICRORRELATOS PARA DENUCIAR A VIOLENCIA DE XÉNERO

Dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A narración curta é un xénero que está callando entre o alumnado do IES de Melide, tal como podemos comprobar nalgúns dos últimos números da revista Intres. Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón dos lectores.

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos, cuxo tema xirará en torno á violencia contra as mulleres, terán unha extensión máxima de cen palabras.
- O prazo de presentación remata o venres, 26 de novembro de 2010 .
- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).
- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.
*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.

05/11/10

III ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA


A pasada fin de semana varias profesoras do centro acudimos a estes terceiros encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, que se celebraron no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Alí tivemos a ocasión de contactar con outros profesores e profesoras de Galicia que tamén están traballando na dinamización de Bibliotecas e no fomento da lectura. As xornadas foron moi produtivas xa que puidemos intercambiar experiencias con outros centros e ilusionarnos aínda máis co proxecto de biblioteca con novas ideas.
Aproveitamos para recordarche que te inscribas xa no Club de Lectura Papalibros, se queres compartir paixón, aventura, misterio... cun grupo de amigos e amigas. Coma sempre, chegamos á conclusión de que a lectura pode ser cousa de varios e que quen comparte un libro crea un importante vículo coas outras persoas.

30/10/10

MIGUEL HERNÁNDEZ
Hoxe, 30 de novembro de 2010, conmemórase o nacemento do poeta Miguel Hernández, morto no cárcere, onde estaba por defender a causa republicana na Guerra Civil, no ano 1942, cando só tiña 31 anos.

En 1939 recibiu unha carta da súa muller onde lle dicía que o único que comía era pan e cebola, xa que non tiña con que alimentarse. Nese momento ela estaba amamantando o seu fillo. El quedou impresionado e escribiu:

"Estos días me los he pasado cavilando sobre tu situación, cada día más difícil. El olor de la cebolla que comes me llega hasta aquí, y mi niño se sentirá indignado de mamar y sacar zumo de cebolla en vez de leche. Para que lo consueles, te mando esas coplillas que le he hecho, ya que aquí no hay para mí otro quehacer que escribiros a vosotros o desesperarme..."

NANAS DE LA CEBOLLA
En la cuna del hambre
mi niño estaba.
Con sangre de cebolla
se amamantaba.
Pero tu sangre,
escarchada de azúcar,
cebolla y hambre.

28/10/10

Sabedes que dentro de moi pouquiños días conmemoramos a festividade do Samaín? Sabedes o que é iso? Celébrase aínda en Galiza? Imos ver.

Na noite do 31 de outubro para o 1 de novembro no mundo celta conmemoraban a festividade do Samhain, que se describe como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, tiñan autorización para camiñar entre os vivos e poder reunirse con eles. Para manter os espíritos contentos, deixábanlles comida fóra. Esta tradición evolucionou e hoxe o que fan os nenos é ir de casa en casa pedindo doces.
Máis tarde, os romanos someteron os pobos pagáns e convertéronos ao cristianismo, demonizando as súas crenzas; os cristiáns cualificaron esta celebración como unha práctica herética e o Samaín converteuse no día de Todos os Santos, de onde deriva o nome inglés Halloween.
Esta tradición tamén existiu en toda Galiza até hai menos de trinta anos. As cabazas estaban relacionadas co culto á morte e, en Quiroga, gardábanas, secábanas e utilizábanas como máscaras no Entroido.
Hoxe en día, séguese celebrando o Samaín nalgunhas cidades e vilas de Galiza.
No cómic dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro, titulado A noite de Samaín, poderedes ler as aventuras destes personaxes nunha noite tan máxica.

19/10/10

BENVIDA AO CURSO 2010-11

Aínda que xa hai tempo que inauguramos o novo curso na Biblioteca do IES de Melide, con este post poñemos a andar novamente este noso espazo Biblomelide. Sabemos que moitas e moitos de vós pasastes un feliz verán gozando da lectura e voltastes aínda con máis ganas de libros.
Dun xeito especial queremos dar a benvida ás rapazas e rapaces de 1º de ESO e a todos aqueles que se incorporaron este ano ao centro, esperamos poder ofrecerlles aventuras e historias marabillosas, ademais dun lugar de traballo agradable onde poidan realizar as súas tarefas de estudo e consulta.
As principais novidades deste curso foron a renovación de mobiliario e unha pequena remodelación de espazos. Agora a sección de xuvenil está moito máis cómoda, de xeito que poidamos pasar un bo rato mirando e escollendo o libro que nos apeteza levar. Nesta sección estamos incorporndo pouco a pouco tamén libros de literatura galega, para poder ofrecerche unha selección máis completa de novelas apetecibles.
Comezamos o ano con moitas ganas, programando actividades semellantes ás de anos anteriores: concursos, conmemoracións, conferencias de autores, semanas (ou quincenas) temáticas... Polo de pronto, oraganizaremos unhas xornadas de formación para os novos usuarios, para que coñezan un pouco os recursos da biblioteca e saiban como atopalos.
En breve comezaremos tamén coas as actividades do noso club de lectura Papalibros. Tamén aquí teremos algunha novidade, que non imos adiantar ata a próxima reunión.
Se aínda non o fixeches, non esquezas pasar pola biblioteca, sempre haberá un libro agardando por ti.