05/06/15

ALICIA CUMPRE 150 ANOS



Este ano celébrase o aniversario da publicación de Alicia no país das marabillas, escrita polo profesor de matemáticas en Oxford Charles Lutwidge Dogson, máis coñecido baixo o pseudónimo de Lewis Carroll.
O 4 de xullo de 1862 Lewis Carroll daba un paseo en barco polo Támese acompañado dun reverendo e as tres irmás Liddell: Lorina Charlotte, Alice e Edith, de trece, dez e oito anos, respectivamente, e para entreter as pequenas comezou a contarlles as historias que se lle ían ocorrendo, ás que chamou As aventuras subterráneas de Alicia. Publicou o libro baixo o título co cal é coñecido, e coas ilustracións do debuxante satírico John Tenniel. Foi un éxito inmediato e en 1872 escribiu a segunda parte: A través do espello e o que Alicia encontrou alí. Dende entón o Coello Branco, o Sombrereiro, a Eiruga azul, o Gato de Cheshire ou a Raíña de Corazóns son algúns dos personaxes máis famosos da literatura universal. 
Teiroa Teatro, @Recortados (grupo musical formado por alumnos da materia de Música de 1ª de Bacharelato) e o Consorcio para a Promoción Musical do IES de Melide, dentro das actividades desenvolvidas polo grupo de Biblioteca Xaquín Yebra baixo o título "Homo Habilis", homenaxean a L. Carroll, un creador, un pensador, un artífice do pensamento e da palabra, no 150 aniversario da publicación da súa obra.
Baixo a dirección de Afonso García e Marga Quintela, Teiroa Teatro presentará unha adaptación da obra de Carroll, titulada "Alicia no país dos soños". Entre os soños de Alicia irán xurdindo, interpretadas polo grupo @Recortados, dirixido por David Canoura, as notas do Yellow Submarine (Beatles), Thriller, Black ou White (Michael Jackson), Sex Bomb (Tom Jones)...
Parabéns a tod@s!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario