08/05/15

CONFERENCIA DE CARLOS NEGRO

Onte tivemos a ocasión de recibir no noso Centro a Carlos  Negro,  grazas a una conferencia organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas. Así é como a describen dúas das nosas alumnas,  Virxinia e Iria.




O pasado xoves 7, no IES de Melide, recibimos cunha gran aperta a Carlos Negro. Principalmente, este aclamado escritor galego veunos falar dunhas das súas coleccións de poemarios máis vendidas entre o público xuvenil, pero tamén entre os que non son tan mozos: Makinaria e Penúltimas tendencias. Estas obras amósannos dous mundos paralelos que se contrarrestan; por unha parte, o mundo da velocidade, do ruxir dos motores dos coches, da inconsciencia e despreocupación dun mozo que só quere vivir a súa xuventude ao límite do contaquilómetros, como se o reloxo da súa vida rematase na seguinte curva, que ao final muta na desgraza de perdelo todo e as palabras dos que o queren caen nunha caixa, onde queda el só nun cemiterio. E o mundo de color rosa, os estereotipos formados ao redor da personalidade feminina e da muller perfecta  que queren ser esnaquizados por una rapaza cansa de que o mundo sexa  fashion & cool & chic & sexy.

Carlos Negro, mergullounos na súa charla cunha lectura dramatizada dun libro portugués, Uma princesa do pior. Nel, unha princesa, que non desexa selo, decide fuxir do seu príncipe e librarse das súas ataduras para aventurarse nun mundo novo xunto o seu estraño amigo. E, finalmente, recitounos algún dos poemas destas significativas obras. De Makinaria ensínanos a evolución da testosterona acumulada á morte con "Sound Play Session Vol.1" (coa que nos fixo rapear ao ritmo dos motores acelerados) e "Nota Necrolóxica" (que nos amosaba o lado escuro da moeda, coa que queda un sabor amargo na lingua). En cambio con  Penúltimas tendencias fainos recapacitar sobre a realidade color rosa que nos envolve a nós, as mulleres, e a través da voz dunha rapaza que quere romper as costuras dos seus beizos e desexa gritar que non todo é superpop e megafashion. Mentres alude a poemas como: Barbie girlGuapa y a la últimaA que sabe o amor?,... Carlos Negro ensínanos o que contén a súa maleta, chea con todo o que utilizou cando se documentou para escribilos, e vainos explicando que a sociedade céntrase nun modelo de muller, que non existe, porque somos únicas e inimitables. Esa rapaza utiliza a súa voz para mostrarnos, ao final do libro, unha nota que nos desvela esta realidade.
Antes de firmar os nosos libros, entregounos papeliños onde aparecían pequenos poemas de escritoras galegas a prol do feminismo. Aí van algúns:

Prefiro ser a filla do pirata,
a nena imposíbel que non peitea os cabelos,
a mesma que salta e corre
ou vence un exército.
            Marta Dacosta     

Escribo
porque
estou contenta e
libre,
porque teño
palabras
que corren
polo monte
como cabalos.
            Lupe Gómez   
Virxinia Mosteiro S3B
  
O pasado xoves 7 de maio, o escritor galego Carlos Negro (Lalín, 1970) agasallounos aos alumnos e alumnas de terceiro da ESO cunha interesante e divertida charla sobre dous dos seus grandes éxitos na literatura xuvenil: Makinaria e Penúltimas tendenciasMakinaria é un conxunto de poemas que tratan da vida aloucada dos mozos de 18 anos, que soamente pensan en queimar a goma das rodas e sentir a euforia correndo polas súas veas, sen importar o que ninguén lles diga, ata que é demasiado tarde. Con ela, trata de nos facer ver o ridículo da situación para evitar que sexa demasiado tarde tamén para nós.Penúltimas tendencias é tamén un conxunto de poemas que falan da gaiola que atrapa a xente coas súas revistas Super Pop e Megafashion, que nos fan ver que o mundo é rosa, que nos din como debemos ser para poder triunfar na vida…, e con ela o autor quere facernos ver que nós somos únicos na nosa forma de ser, e non como os demais queren que sexamos. 
                                                                                          
Carlos Negro comezou contándonos o conto portugués Unha princesa do pior. Nese momento xa nos deu a amosar unha pequena parte do seu carácter tranquilo e animoso. Continuou falándonos un pouco sobre Makinaria, onde se demostrou que Carlos Negro é unha persoa moi agradable e divertida. Despois de mostrarnos uns coches de xoguete musicais para presentar o argumento de Makinaria, fíxonos rapear un pouco algúns poemas como "Sound Play Session Vol. 1" ou "Nota Necrolóxica", facéndonos tamén pasar un bo anaquiño. Pero a quen lle dedicou a maior parte do tempo foi a Penúltimas tendencias. Ensinounos o contido do seu baúl, que contiña os obxectos nos que se inspirara para escribir a súa obra, non sen antes parodialos un pouco. Ensinounos o seu diario de One Direction, ou a súa tétrica boneca Corvo, que a pesar de ter un carácter escuro, ten tamén un corazón moi puro, como nos ensinou Carlos. Despois de mostrarnos que nós eramos únicos ensinándonos o noso reflexo nun espello, agasallounos ademais cunha dedicatoria a aqueles que a quixemos, identificando cun simple saúdo que lle entregabamos, a frase que mellor encaixaba co noso caracter (e sorprendentemente, conseguiuno). Na miña opinión, ademais de falar claramente e abrirnos a nós un pouco os ollos, Carlos Negro é unha moi boa persoa que nos marcou a todos un sorriso na cara ademais dunha pegada no corazón. 

Iria Barreiro Vázquez. 3º ESO B


Ningún comentario:

Publicar un comentario