21/06/13

UNHA VIAXE NO ORIENT EXPRESS

O alumnado de 1º do Ciclo de Madeira do IES de Melide, coordinado por Fernando López, ven de inaugurar unha exposición relacionada, unha vez máis, co noso  tema de traballo interdiscplinar A viaxe e a migración, entre a búsqueda e a necesidade.
Desta vez trátase dunha viaxe de pracer destinada a unha élite, xa que as viaxes no Oriente Espress foron sempre o paradigma do luxo. Pero lendo o traballo elaborado polo ciclo dámonos conta de que este mítico tren, ademais dun paraíso para os amantes do luxo, inspirou obras literarias, como o famoso Asasinato no Orient Espress de A. Christie, e foi escenario de importantes episodios históricos como o armisticio de 1918 firmado por Alemania e Francia tras a primeira guerra mundial e o de 1940 na segunda guerra mundial, polos mesmos países pero en condicións moi diferentes.

15/06/13

CARTA A SANTIAGO LOPO


Din que para min é "doado" escribirlle a alguén ou facer unha reflexión sobre unha novela, relato, etc., e por iso agora mesmo che estou escribindo isto. Seguro que non sabes quen son, e realmente iso non é o máis relevante debido a que serei unha deses/as milleiros de estudantes que tras ler as túas novelas che escriben para facerche unha pequena crítica sobre elas.
            Falando con certeza, nunca me gustou iso de ler, sempre preferín ver unha película ou saír á rúa antes que ler un libro. Non me gusta iso de estar quieta observando algo que probablemente non me chegue a gustar.
            Quizais por cousa do destino a miña opinión sobre a lectura mudou un chisco, pode ser porque hai moi pouco, Hora Zulú chegou ás miñas mans. Non sei moi ben por que me gustou tanto esa novela pero, o que realmente me fixo reflexionar sobre o que é de verdade a lectura, foi seguramente a súa maneira de entramar a historia. Diferente, pero ao mesmo tempo tan orixinal que, persoalmente, me enganchou durante aproximadamente cinco curtos días.
            A obra en si paréceme moi ben estruturada, pero o que máis chamou a atención en min foi a maneira na que indirectamente nos fai reflexionar sobre como inflúe o tempo nas persoas, como nos preocupa sobre todo de maneira negativa. Nisto non existe a desigualdade, afecta dende os máis cativos -que teñen un enorme desexo por ser maiores e facer todo o que lles gusta e queren- ás persoas adultas ás que lles preocupa moitas veces que será dos seus fillos, como sobrevivirán ao paso do tempo.... até os máis maiores que senten certo temor porque un día chegue esa negra sombra que os leve.
            Probablemente é nunha das poucas cousas onde a desigualdade é inexistente e nas que, por un momento, inflúe máis negativamente nas persoas máis poderosas, que senten medo por non poder gozar de todos eses luxos que posúen.
            Sen máis, darche a noraboa pola túa obra que espero que dentro de moito tempo sirva para que xente coma min se decate da dozura da lectura, que ata o momento descoñecía.
Un bico agarimoso dunha lectora con pouca experiencia.

Ana Segade

12/06/13

O MEU FOLGAR, RELATO RADIOFÓNICO

O meu folgar é a historia dun detective insatisfeito co seu traballo, que ao verse reflectido nun espello decide cambiar de vida para atopar a felicidade. Esta é un relato de Cristina Gómez Remeseiro e Lorena Vidal, de 4º C de ESO, escribiron e gravaron para Falamelide, a radio do Instituto de Melide, que está a piques de cumplir vinte anos.
Con este programa estreamos en Biblomelide este novo formato de guión radiofónico, a o tempo que felicitamos a Cristina e Lorena polo seu traballo.

20/05/13

SEMANA DAS LETRAS. ROBERTO VIDAL BOLAÑO

"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Con estas palabras autodefiníase Roberto Vidal Bolaño,  autor teatral e actor, a quen se lle dedicou este ano o día das letras galegas.
É unha fortuna para nós, como galegas e galegos, e en concreto coma centro de secundaria, ter dedicatarios das letras galegas, como Vidal Bolaño ou Lois Pereiro, que nos ofrezan unha produción literaria e/ou actividade cultural tan próxima a nós, tan actual e plenamente vixente. Humildemente, queremos animar a Academia Galega a que continúe por esta liña, xa que temos no noso haber escritores, mulleres e homes de letras, moitas veces case descoñecidos para o gran público, que posúen unha obra fascinante.
O mércores 15 de maio, o club de lectura Papalibros fixo unha lectura dramatizada de Animaliños, unha obra satírica que denuncia as relacións sociais por medio dunha farsa que ten como protagonistas a un grupo de veciños dunha urbanización que se ven invadidos por unha praga de caracois. Rematamos o acto vendo uns fragmentos de Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas, onde comprobamos o bo facer do Vidal Bolaño actor.
E para completar máis información sobre o homenaxeado, velaí unha liña do tempo elaborada por Celtia Buján, de B1A, na clase de TICs.
 

16/05/13

Charla con Abraham Carreiro


Hoxe, coincidindo coa semana das Letras Galegas, veu ao noso centro o escritor e debuxante Abraham Carreiro para falarnos do seu libro Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata, que tiveron como libro de lectura obrigatoria os alumnos e alumnas de 1º de ESO.
Empezou presentando os personaxes da obra a medida que os ía debuxando, como podedes ver na foto.

Seguidamente pasounos unha curtametraxe de animación feita por el onde nos explicaba como fixo para buscar os personaxes da súa novela, a partir da idea inicial que tiña el, e como foron evolucionando despois de moitos ensaios e erros. Díxonos que non nos debemos preocupar se non nos sae o que queremos nun primeiro momento, que temos que seguir insistindo.
Unha vez que vimos o vídeo, contestou a todas as preguntas que quixemos facerlle, que foron moitas e moi interesantes.
Finalmente dedicounos os nosos libros e fíxonos un debuxiño dalgún personaxe da obra para cada un de nós.

02/05/13

CERTAME LITERARIO "DIA DAS LETRAS 2013"

Preme na imaxe para ler máis comodamente as bases:

CERTAME DE TEATRO 2013

Preme na imaxe para ler con máis comodidade as bases.

21/04/13

ENTREGA DE PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO


Esta fin de semana tivo lugar en Monforte a entrega de premios Irmandade do Libro. Neste acto foi premiada a obra A noite branca, de Francisco Fernández Naval. É unha historia de guerra e de recuperación da memoria. Podedes atopalo na nosa biblioteca.  O autor comentou que os libros deben servir para cambiarnos a vida.
Tamén foi premiada María Xosé Queizán como autora do ano debido á súa longa traxectoria como defensora do galego dende todos os xéneros. Ela dixo que ler e escribir foron as actividades que máis gusto lle deron na vida.
Houbo premios tamén para a web Galicia encantada, para as guías da natureza Baía verde, para a librería Kómic de Santiago e para o colexio Quintela, de Moaña polas súas actividades relacionadas co fomento da lectura.
Pechou o acto o alcalde de Monforte, quen manifestou que a lectura combate a indiferenza e remove as conciencias.
Felicitamos a todos os gañadores e gañadoras e esperamos que todos sigamos potenciando a lectura en xeral e a lectura en galego, en particular.

18/04/13

ENTREGA DE PREMIOS XOGO DE PISTAS 2º CICLO E BACHARELATO

Hoxe tivo lugar a entrega de premios do xogo de pistas que tiña como tema as viaxes. Despois de xogar durante catro días, houbo que facer unha xornada de desempate que estivo moi reñida para ver quen conseguía o segundo premio.
O primeiro premio conseguiuno Vanessa Tarrío, de 2º de Bacharelato que participou en solitario.
O segundo premio levouno o grupo "Jarruleiras" composto por Jessica, Fátima e Elena de 2º de Bacharelato, en reñida competencia coas "Tesmoforiantes", formado por Eva e Celtia, de 1º de Bac, que levaron un premio de consolación por rematar o xogo dous minutos máis tarde que as súas compañeiras.
Parabéns ás gañadoras e a todo o alumnado que participou nesta divertida actividade na que se aprende xogando.

17/04/13

A ASASINA EN GALEGO




Hoxe tivo lugar, na libraría Couceiro de Santiago, a presentación, por primeira vez en galego, da obra A asasina, do famoso escritor grego Alexandros Papadiamandis, morto en 1911. Nela reflíctense as durísimas condicións de vida das mulleres gregas daquela época, e que levan a unha delas a tomar decisións moi drásticas.
Esta obra foi traducida ao galego e presentada por dúas profesoras de grego, unha delas  do noso IES, Susana Losada, e a outra  do instituto de Ames, Margarita Olivar.



No mesmo acto presentouse tamén a tradución dunha obra en catalán: As valgadas bravas, de Raimon Casellas, realizada por Eduard del Castillo.


Os nosos parabéns á pequena editorial Hugin e Munin por potenciar a publicación en galego de obras de calidade como estas, e, por suposto, ás tradutoras e tradutor por permitirnos a lectura destas novelas tan fermosas e tan profundamente humanas.
Xa as temos na biblioteca do IES para que poidamos gozar coa súa lectura.

22/03/13

RAPEANDO NA BIBLIOTECA

Para celebrar o fin de avaliación e descansar un pouco dos exames, na última semana antes das vacacións de semana santa tivemos un invitado moi especial, Serxio García, cantante do grupo de hip hop Dios Ke Te Crew. García falounos un pouco da historia do hip hop e das súas raíces na cultura popular en dúas sesións, pola mañá ás alumnas e alumnos de música de 3º de ESO e a mediodía aos Papalibros. Despois deunos uns cantos consellos e ideas e puxémonos a rapear. Un equipo de reporteiras e superfans de García fíxolle tamén unha entrevista para Falamelide, a radio do instituto. Velaí un pequeno resumo desta xornada.

14/03/13

OS XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países que antes forn os seus e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufriemento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animara aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

07/03/13

XUNTANZA CON CARE SANTOS



  O mércores 6 de marzo do 2013, unha escritora catalá chamada Care Santos visitou o noso centro de estudos, IES de Melide. Ela veu para falarnos dalgunha das súas obras, xa que escribe diferentes tipos de xéneros como novelas, contos, poesía...
A reunión foi na nosa sala de actos. Nela falou das súas obras máis coñecidas:
Esta noche no hay luna llena, Bel, Amor más allá de la muerte, Se vende papá, Se vende mamá, que levou o Premio Barco de Vapor, Los ojos del lobo ou El anillo de Irina, que foi o libro que tivemos que ler nesta avaliación, e  no que se conta a historia dun pai e un fillo namorados da mesma rapaza.
Ao comezo da súa intervención contounos en que se baseou para escribir os seus libros; logo fixemos preguntas como Alba de 2º D que lle  formulou unha cuestión sobre un dos libros que está a ler, O circuito de Montecarlo, polémico segundo algún polasúa temática, na que aborda o embarazo adolescente.



Tamén explicou para o alumnado de 3º da ESO cales foran as súas fontes de inspiración para a investigación da licantropía, que é o tema no que se fundamenta a novela de Esta noche no hay luna llena.
Pasamos un bo anaco coa súa compaña. Respostou a todas as nosas dúbidas dun xeito amable e prometeu volver.


MULLERES VIAXEIRAS

O 8 de marzo conmemoramos o día da muller. Este ano, seguindo co tema das viaxes, ímoslle dedicar este día ás mulleres viaxeiras, a todas aquelas que superando todo tipo de limitacións impostas pola sociedade conseguiron levar a cabo os seus propósitos e vivir a aventura de viaxar e explorar o mundo.

25/02/13

Día de Rosalía


O 24 de febreiro conmemórase o día de Rosalía, coincidindo coa súa data de nacemento. Este ano, ademais, festexamos os 150 da publicación de Cantares Gallegos, obra que dá inicio ao Rexurdimento. 


O alumnado de 1º de ESO conmemorou esta data recitando poemas desta autora e dúas alumnas de 2ª de Bacharelato interpretaron a peza Negra Sombra.

Esta foi a nosa pequena homenaxe a Rosalía. Aprendemos poemas e pasámolo ben.


08/02/13

DÍA DOS NAMORADOS


O 2 de febreiro,día da Candeloria ou Candelaria  conmemórase o día dos namorados, xa que esta data representaba o preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase tamén que era a época do casamento dos paxaros.
Outros opinan que o día dos namorados é o 14 de febreiro, coincidindo coa data na que San Valentiño sería executado por casar parellas en segredo despois de que o matrimonio fose prohibido polo emperador. Hai unha lenda que di que é o patrón dos namorados porque a súa festa coincide co momento do ano en que os paxaron comezan a facer os niños.
Sexa un ou outra o patrón ou patroa dos namorados, imos recordar estas datas presentándovos un libro de cartas de amor de Fran Alonso. Nove mulleres escriben cartas.Mónica, por exemplo, confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
Convén que recordemos que hai moitos tipos de amor e que todos e todas temos dereito a vivilo de distintas maneiras.
Lémbrovos que está convocado un concurso de cartas de amor en galego, así que... ANIMO! e poñédevos a escribir.
Tamén vos animo a que introduzades comentarios a esta entrada poñendo citas e títulos de obras que vos gustaron e que tratan esta temática.

07/02/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Ufff. Por fin acabamos de dar a volta ao mundo. A locomotora botouse a andar no Instituto e conseguimos gañar a aposta. Fomos capaces de ler en 1º de ESO un libro de máis de 300 páxinas, e ademais GUSTOUNOS! Viaxamos con Mr. Fogg, Passepartout e Auda a través do mundo. Coñecemos países. Viaxamos no lombo dun elefante e nunha zorra  sobre a neve. Tamén nos sorprendeu unha tradición da India que non nos gustou nada. En fin, recomendámosvos que leades esta obra se vos gusta a aventura e que o pasedes moi ben con ela.
Por certo, non vos imos dicir se os protagonistas gañaron a aposta ou non. Xa o descubriredes vós.



01/02/13

TRABALLANDO NA DIVERSIDADE

O equipo de traballo da biblioteca foi convidado a participar nas II Xornadas de Formación e Sensibilización sobre Atención á Diversidade, que organiza o IES de Melide o 29, 31 e 1 de Febreiro. Publicamos aquí unha presentación na que dalgún xeito tentamos dar conta do noso traballo nos últimos anos, en colaboración con EDNL e outros equipos do noso centro.

30/01/13

DÍA DA PAZ

Hoxe conmemoramos no noso centro o Día da Paz.Construímos unha barricada de libros contra a guerra. Dous alumnos do centro leron tamén textos de Gandhi sobre a non violencia, e xuntos recordamos que hai moitos nenos e nenas no mundo que nunca viviron nun país en paz e que non coñecen o significado desta palabra.

18/01/13

ÀNGELO TORRES, HISTORIAS EN PORTUGUÉS

Ângelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, inaugurou o ano 2013 como primeiro convidado da biblioteca do IES de Melide. Ângelo xa estivera noutra ocasión no noso instituto, pero a meirande parte do público era a primeira vez que o escoitabamos.
O noso convidado fixo dúas sesións, unha para 1º de BAC no salón de actos, presentado por Adrián Oro, e outra co club de lectura Papalibros, na que ademais de historias compartiu tamén mesa.
Gostamos das súa historias, especialmente a da Tía Miseria e a Morte, que aprendeu da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
De paso tamén comprobamos que a diferencia idiomática era mínima e podíamos entedelo perfectamente, xa que o galego nos abre portas para comunicarnos con millóns de falantes doutros continentes.

09/01/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Velaí este mapa que foi elaborado polos alumnos de TICs de 1º de BAC en colaboración cos alumnos de 1º de ESO, que teñen A volta ao mundo en 80 días de Xulio Verne como lectura en lingua galega. Sobra dicir o útil que vai ser este traballo para que os de 1º de ESO preparen e comprendan mellor o libro. Se cadra é útil tamén para moitos outros que se animen a participar no xogo de pistas deste ano, que, como non, vai tratar sobre viaxes. Parabéns a todos os alumnos participantes (e aos profes que os coordinaron, Xan G. Carballo e Gloria Rguez Íñiguez!).
Ver A volta ao mundo en 80 días nun mapa máis grande

21/12/12

GRANDES VELEIROS DO S.XVIII

                                   
Seguindo co tema das viaxes, que imos desenvolver ao longo do curso, o profesor de E.F., Couso, deleitounos falando dunha das súas grandes paixóns, a navegación a vela. Neste caso centrouse nos grandes barcos de vela do século XVIII.
Aprendemos os nomes das partes do barco, como se dispara un canón, viaxamos polo medio das tempestades no mar... e case, case nos dispara o canón que podemos ver na imaxe. Algúns valentes alumnos de 1º de BAC escaparon pensando que dispararía de verdade.
Tamén nos recomendou a lectura de libros relacionados coa navegación, entre eles Assur, unha obra moi interesante  de Francisco Narla que está ambientada, en parte, en Galiza. Témola na biblioteca. Podedes botarlle unha ollada.
Couso tamén tiña preparado un barco que navegaría polo recinto do instituto, pero veu un temporal e naufragou. Esperamos poder rescatalo das profundidades do mar.

20/12/12

A viaxar!

Un grupo de intrépid@s alumnos e alumnas de 1º ESO animad@s polas lecturas de Jules Verne decidiron viaxar en globo. Vestiron as súas mellores galas para a ocasión e lanzáronse.
Mentres, os seus compañeiros observaban con miradas de asombro o lanzamento do globo que eles mesmos, coa axuda da profesora de Sociais, fabricaran.
Por fin, xa estaban no aire viaxando en globo  pola biblioteca.
BOA VIAXE!

SOLSTICIO DE INVERNO


Como sabedes, o 21 de decembro conmemoramos o solsticio de inverno. Este día é tamén moi importante para nós, porque comezan as vacacións de inverno, por iso ímosvos comentar algo sobre a figura do apalpador. Este ser máxico, tamén chamado pandigueiro, aparece por estas datas para apalpar as barrigas dos neniños e ver se teñen fame ou se comeron ben. Este ano, debido aos recortes, ao paro... en xeral, á crise, moitas barriguiñas non van estar moi cheas, e o apalpador teranos que deixar moito máis que castañas para que se poidan encher.
Hoxe ímosvos propoñer, especialmente aos máis pequenos, a lectura dun novo libro centrado na figura do apalpador. Titúlase Apalpador vs. Papá Noel, escrito por Fernando Cimadevila e ilustrado por José Ángel Ares. Nel poderedes atopar, ademais dunha fermosa historia, a receita da torta de castañas con chocolate e varios xogos. O libro subtitúlase Contos estraños para nenos friquis e ten, ademais, a particularidade de que está editado baixo unha licenza Creative Commons España 3.0 que a identifica como non comercial, o que significa que sodes libres de copialo e distribuílo onde queirades, sempre que citedes os autores e que sexa sen ánimo de lucro.
Esperamos que pasedes unhas divertidas vacacións e que leades moito, porque xa sabedes que a mellor viaxe é un libro.

13/12/12

12-12-12-12 con Celso Emilio

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnasde 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben graza a axuda inestimable de David.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

11/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO E COÑECENDO A NOSA HERDANZA.

O 12 do 12 do 2012 ás 12.00 Biblomelide tamén estará recitando a Celso Emilio, celbrando así o centenario do seu nacemento.

E este mesmo día 12 do 12 do 2012 ás 12.1, porque non podía ser doutro xeito. Alumnas e alumnos do departamento de grego leran textos clásicos, dentro do envento Yo conozco mi herencia. ¿Y tu?, que tamén podedes ver con detalle no noso blog Aspasia


29/11/12

PREMIOS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos en contra da violencia de xénero ou a favor dunha boa relación na parella.
Os premios consistían en vales para mercar material escolar e libros.
O alumnado premiado foi:
1º Ciclo:
1º Premio: Paula Ares Turrado (S1A)
 



“Pola mañá, ouro; pola tarde, prata; pola noite, mátame”



2º Premio: Hilda Mosteiro Quintela (S1A)


“Cando cheguei de traballar, vina preparando a cea. Abraceina e díxenlle canto a quería”

2º Premio: Celia Varela (S2C)

“ Era unha mañá de outono, e eu atopábame na casa soa e en silencio. Só se escoitaba o TIC, TAC do reloxo. A miña vida era un inferno. Dende que casei a miña vida está coma morta, coma se non tivera rumbo nin sentido, coma se non tivera nada. O meu marido maltrátame e insúltame, para el son coma unha marioneta, coma un xoguete. Cando escoito abrir a porta, sinto que o meu inferno empeza, coma todos os días, e penso que sería mellor estar morta que sufrir isto”

3º Premio: Mariña Ferreiro Vilariño.

Libérame do inferno.










“ Carme está na casa, pois non pode saír; se o fai, só pode ser acompañada polo seu home. Pero non só iso, insúltaa, pégalle, maltrátaa. Quere chamar á policía, pero... que pasaría? Sempre que o pensa, decide non facelo. TEN MEDO"

Bacharelato:
1º Premio, pola súa calidade literaria: Zeltia Mato Fernández ( 2º BAC.)


“ Non poñas esa saia tan curta e eses tacóns, puta”. Resoprei. Do farta que estaba deses desprezos, collín a punta do tacón e, con todas as miñas forzas, espeteina na súa entreperna. Non quería volver a sentirme un xoguete e un obxecto.

2º Premio: Pablo Laya ( 2º BAC.)

“ Flores, música, amigos, familiares, alegría, diversión.
Xa están casados.
Fillos, gritos, débedas, choros, pelexas.
Morre outra muller nas mans dun home”

3º Premio: Paula Mejuto Fuciños ( 2º BAC.)

“Casou...!
Sen saber que, ese día, comezaba o camiño cara a súa morte”.

Había moitos máis microrrelatos dignos de ser premiados, pero non podiamos conceder tantos premios. Animámosvos a que sigades escribindo.

23/11/12

¿ Sabías que a principal causa de mortes e discapacidade de mulleres entre 16 e 44 anos ,é a violencia dentro da propia familia ?. Provoca máis mortes e danos á saude ca o cancro ou os accidentes de tráfico. A violencia contra as mulleres mostra de xeito terrible que aínda existe unha cultura na que a muller é pouco máis ca un obxeto, e ese feito é un grave atentado contra a súa dignidade. Unha reflexión sobre esta cuestión lévanos a mirar o noso entorno próximo: a nosa escola, o noso instituto...donde tamén é enormemente importante educar para sentirnos e tratarnos como iguais. Eles buscan reafirmar a súa virilidade e elas cren que a actitude da súa parella forma parte do xogo amoroso. A violencia machista gaña terreo nos institutos e cada vez son máis as rapazas que sofren aillamento, insultos ou agresións nunha relación que remata sendo tormentosa. Moitas veces escoitamos música, e non nos fixamos na letra.....atende a estas: EL DIARIO DE SONIA. SE ACABARON LAS LÁGRIMAS. MALO ERES!

13/11/12

10 ANOS DE PRESTIGE

Hoxe, 13 de novembro, cúmprense 10 anos do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica que sufriu Galicia. Bota unha ollada á presentación e pásate durante esta semana pola biblioteca para ver a ambientación e os materias expostos.