"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Con estas palabras autodefiníase Roberto Vidal Bolaño, autor teatral e actor, a quen se lle dedicou este ano o día das letras galegas.
É unha fortuna para nós, como galegas e galegos, e en concreto coma centro de secundaria, ter dedicatarios das letras galegas, como Vidal Bolaño ou Lois Pereiro, que nos ofrezan unha produción literaria e/ou actividade cultural tan próxima a nós, tan actual e plenamente vixente. Humildemente, queremos animar a Academia Galega a que continúe por esta liña, xa que temos no noso haber escritores, mulleres e homes de letras, moitas veces case descoñecidos para o gran público, que posúen unha obra fascinante.
O mércores 15 de maio, o club de lectura Papalibros fixo unha lectura dramatizada de Animaliños, unha obra satírica que denuncia as relacións sociais por medio dunha farsa que ten como protagonistas a un grupo de veciños dunha urbanización que se ven invadidos por unha praga de caracois. Rematamos o acto vendo uns fragmentos de Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas, onde comprobamos o bo facer do Vidal Bolaño actor.
E para completar máis información sobre o homenaxeado, velaí unha liña do tempo elaborada por Celtia Buján, de B1A, na clase de TICs.
Ningún comentario:
Publicar un comentario