Din que para min é "doado" escribirlle a alguén ou facer
unha reflexión sobre unha novela, relato, etc., e por iso agora mesmo che estou
escribindo isto. Seguro que non sabes quen son, e realmente iso non é o máis
relevante debido a que serei unha deses/as milleiros de estudantes que tras ler
as túas novelas che escriben para facerche unha pequena crítica sobre elas.
Falando
con certeza, nunca me gustou iso de ler, sempre preferín ver unha película ou
saír á rúa antes que ler un libro. Non me gusta iso de estar quieta observando
algo que probablemente non me chegue a gustar.
Quizais
por cousa do destino a miña opinión sobre a lectura mudou un chisco, pode ser
porque hai moi pouco, Hora Zulú chegou ás miñas mans. Non sei moi ben
por que me gustou tanto esa novela pero, o que realmente me fixo reflexionar
sobre o que é de verdade a lectura, foi seguramente a súa maneira de entramar a
historia. Diferente, pero ao mesmo tempo tan orixinal que, persoalmente, me
enganchou durante aproximadamente cinco curtos días.
A
obra en si paréceme moi ben estruturada, pero o que máis chamou a atención en
min foi a maneira na que indirectamente nos fai reflexionar sobre como inflúe o
tempo nas persoas, como nos preocupa sobre todo de maneira negativa. Nisto non
existe a desigualdade, afecta dende os máis cativos -que teñen un enorme desexo
por ser maiores e facer todo o que lles gusta e queren- ás persoas adultas ás
que lles preocupa moitas veces que será dos seus fillos, como sobrevivirán ao
paso do tempo.... até os máis maiores que senten certo temor porque un día
chegue esa negra sombra que os leve.
Probablemente
é nunha das poucas cousas onde a desigualdade é inexistente e nas que, por un
momento, inflúe máis negativamente nas persoas máis poderosas, que senten medo
por non poder gozar de todos eses luxos que posúen.
Sen
máis, darche a noraboa pola túa obra que espero que dentro de moito tempo sirva
para que xente coma min se decate da dozura da lectura, que ata o momento
descoñecía.
Un bico agarimoso dunha lectora con pouca experiencia.
Ana Segade
Parabéns, Carme, por esta crítica, convencíchesme para ler este libro. A xulgar pola túa escrita, dubido que sexas unha lectora con pouca experiencia. Colaboracións como a túa son unha marabilla.
ResponderEliminarPerdón, non é Carme a autora, senón a súa irmá Ana
ResponderEliminar