O 30 de xaneiro conmemórase o Día
Escolar da Non Violencia e a Paz. Nesta data facemos especial fincapé na
necesidade de educar na tolerancia, a solidariedade, o respeto polo Dereitos
Humanos, a non violencia e a paz.
Este ano decidimos que o eixe
central da nosa conmemoración debía ser o dos refuxiados co obxectivo principal
de concienciar á comunidade educativa do IES de Melide sobre esta problemática
de índole mundial . Tamén decidimos non concentralo nun único día e otorgarlle así a importancia
que require.
Así, a día de hoxe, son varias e
variadas as actividades que se levaron e están a levar a cabo relacionadas co
tema dos refuxiados. Aquí recollemos algunhas delas.
O luns 30 de xaneiro, alumnado de
artes escénicas de 4º de ESO e de
reforzo de 1º de ESO, participou na montaxe dun “campo de refuxiados” na entrada principal do
centro.
Neste campo, ao longo da semana e
durante os recreos, o alumnado de Valores Éticos de 1º de ESO, reclamou a nosa
atención e reflexión sobre a situación de Siria e dos desprazados procedentes
deste país a través de cartaces de elaboración propia, ou portando imaxes de
refuxiados coas súas demandas.
O alumnado de Reforzo de 2º de ESO
utilizou como aulas as tendas do campo. Cincuenta minutos fixéronse moi longos
nesas condicións: frío, pouco espazo, incomodidade,... moi lonxe esta
pequena experiencia do día a día dun
refuxiado que sufre as inclemencias do
tempo coa a única protección dunha tenda
de campaña, sen auga corrente, sen ou con escasa comida, sen aseos, ...
O alumnado de PMAR elaborou dous
murais explicativos sobre os países en conflito actualmente e os refuxiados.
Na biblioteca construímos un espazo
baixo o lema "Nós tamén fomos refuxiados. Nós tamén podemos ser
refuxiados" no que se expuxeron cómics, libros e películas relacionados
coa temática.
En inglés, o alumnado achegouse á
historia dunha familia siria que agora está refuxiada en Irak a través de
diferentes actividades de aula adaptadas a cada nivel .
O alumnado de 1º de ESO reflexionou
sobre a problemática dos refuxiados a partir dunha historia real na materia de
Lingua Galega.
En 2º de ESO, na materia de Lingua
Castelá, o alumnado traballou o formato entrevistas facendo uns de xornalistas
e outros de refuxiados.
Na materia de Matemáticas, un grupo
de alumnos de 1º de ESO coñeceu as historias e seguiu o percorrido de nove
persoas desprazadas de diferente procedencia, desde a saída forzosa do seu país
ata o país no que se atopan actualmente. Marcaron eses percorridos no mapa e
calcularon a súa lonxitude.
Esta semana de actividades culminou coa presentación dunha
performance por parte do alumnado de
"Artes Escénicas" de 4º ESO na recreación do "campo de refuxiados ", na que
un membro do grupo, que representaba a UE, escoitaba impasible e dándolle a espalda ó
resto, que en primeira persoa, e intentando poñerse na súa pel, contaban a
historia de refuxiados reais.
Finalizamos esta entrada cun poema
de Celso Emilio Ferreiro, unha adaptación do mesmo feita por Marga
Quintela e a reflexión que ela nos
propón.
dia da paz_refuxiados by Slidely Photo Gallery
Ningún comentario:
Publicar un comentario