" (...) O universo tamén posúe, nas leis que
o gobernan, unha beleza extraordinaria. Pero non é doado percibila: vai
agromando ao longo da historia, grazas ao traballo de brillantes heroes e,
ademais, está agochada para aquela persoa non formada cientificamente.
O descubrimento desa beleza foi un
feito clave na vida das persoas que máis tarde decidiron traballar na ciencia.
Marabilláronse con ela e comprenderon que tanto descubrila como crear con base
nela son o meirande reto intelectual e unha fonte de pracer diferente.
Afortunadamente, con ese proceso de descubrimento e creación melloraron as
nosas condicións de vida. Un dos signos máis evidentes do avance humano é o seu
progreso científico e tecnolóxico.
Cando un neno pequeno descobre algo
que lle encanta, enseguida corre a dicirlles aos seus pais: “Mirade isto!”. Ese
mesmo instinto é o que lanza a moitos científicos a divulgaren o seu
coñecemento, a intentar que os que os rodean vexan o mesmo que eles ven.
Ocorre, porén, que ás veces transmitir ese coñecemento non é trivial. Cómpre,
polo tanto, un esforzo de axeitada tradución da ciencia para poderllo contar á
maior cantidade de persoas.
Nese proceso, a lingua, como soporte
das ideas, xogará un papel fundamental. O galego, tanto pola riqueza que lle dá
o seu milenio de historia, como pola súa condición de porta aberta a centos de
millóns de persoas da lusofonía, é vehículo esencial para transportar
masivamente a ciencia e o labor dos moitos científicos de excelencia que temos
en Galicia.(...)"
Manifesto do
científico Jorge Mira Pérez con motivo da celebración do Mes da Ciencia
Este
curso, o noso Centro celebrou o Día da
Ciencia en Galego cunha gran variedade de actividades:
- O alumnado
de 2º de BAC asistiu á videoconferencia “A máquina que constrúe a mente e a
realidade”, a cargo de Xurxo Mariño Alfonso.
- O
Departamento de Tecnoloxía converteu os
corredores do noso Centro, durante o recreo, nun concorrido laboratorio no que
brillantes científicos realizaron experimentos de luz (2º ESO), lámpadas de
lava (3º ESO), pilas con limóns (3º ESO) e experimentos de neumática (BAC),
espertando a curiosidade de cantos por alí pasabamos. Ademais, deseñaron un
tríptico conmemorativo do Día da ciencia en galego cunha reseña da obra dos científicos aos que se dedica este
ano: Christian Huygens, Max Plank, Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga
Pondal; e unha descripción dos experimentos feitos.
- Tamén, da man do Departamento de Ciencias Naturais, fixemos unha
fermosa viaxe polo Universo co alumnado de 1º de ESO.
- Pola súa banda, o Departamento de Física e Química organizou a
exposición “1915-2015. Cen anos de
relatividade”, facendo un percorrido pola vida de Albert Einstein, a política
e sociedade da época, e as súas aportacións
á Física.
Ningún comentario:
Publicar un comentario