13/04/15

MORREN GÜNTER GRASS E EDUARDO GALEANO



Considerado o máis grande escritor en lingua alemá da posguerra e un referente político no seu país, o premio Nobel G. Grass consideraba que, aínda que a literatura non pode cambiar ás persoas, si pode axudar a construír unha sociedade mellor a longo prazo. Nunha das súas citas máis coñecidas reivindica a necesidade de intelectuais críticos co poder político, afirmando que "a principal obriga do cidadán é manter a boca aberta".
Entre a súa extensa obra, que inclúe narrativa, teatro, ensaio e poesía, destacan O gato e o rato e Anos de can, que xunto con O tambor de lata (coa que alcanzou fama mundial), constitúen a denominada Triloxía de Danzig; tamén, O rodaballo (1977), No cuarto traseiro (1982), Un vasto campo (1995), Últimas danzas (2003). O meu século, recolle as súas reflexións sobre cada un dos anos do século XX, incluída unha sobre o bombardeo nazi de Gernika na Guerra Civil, e ensaios políticos como Alemaña: unha unificación insensata.
A súa obra Pelando a cebola, desatou un escándalo ao revelar por primeira vez que fora membro das SS aos 17 anos. Moitos foron os que non lle perdoaron telo mantido oculto ata 2006. El mesmo diría: "Se miro cara a atrás, sempre o contemplei como unha mancha que me oprime e sobre a que non podía falar". Para moitos outros, Grass foi a voz dunha xeración de alemáns que alcanzou a maioría de idade na Segunda Guerra Mundial e cargou co peso da culpa dos seus pais polas atrocidades dos nazis.




Eduardo Galeano, un dos intelectuais latinoamericanos máis críticos coas inxustizas sociais no continente, alcanzou a fama mundial coa súa obra Las venas abiertas de América Latina (1971), na que analiza as raíces históricas de Latinoamerica e a súa relación con países de primeiro mundo como España e Estados Unidos.
Podemos destacar outras obras como La canción de nosotros (1975), sobre a loita armada e Días y noches de amor (1978), baseada nas ditaduras de Arxentina e Uruguai. Máis tarde, describiu a identidade latinoamericana na triloxía integrada por Los nacimientos (1982), Las caras y las máscaras (1984) e El siglo del viento (1986). 
Entre as súas últimas obras destacan Espejos. Una historia casi universal (2008) e Los hijos de los días (2012).
Esta semana estaba prevista a presentación en España de Mujeres, un libro-antoloxía dos mellores textos do escritor sobre as mulleres con relatos sobre personaxes como Juana de Arco, Rosa Luxemburgo, Rigoberta Menchú, Marilyn Monroe e Teresa de Ávila.


                         

 

Eduardo Galeano deixou  escrita una obra que quería que se publicase tras o seu falecemento e que, probablemente, aparecerá no mes de maio.


                            

Ningún comentario:

Publicar un comentario