30/01/14

30 de Xaneiro: unha película pola paz

Así amencía decorado o noso centro este xoves 30 de Xaneiro, día internacional da paz, despois dun mércores de intenso traballo coordinado por vicedirección e no que participou, entre outros, o equipo de biblioteca. Como este é Un ano de Película, desta cámara de cine na porta da nosa biblioteca sae unha película de frases da paz en varios idiomas, asinadas por grandes homes e mulleres, moitos deles escritores, que copiaron pacientemente as nosas Papalibros de 2º de ESO. Escollemos unha delas, máis ben un texto, que aínda que foi escrito hai máis de 60 anos polo dramaturgo e poeta alemán Bertold Brecht, goza de rabiosa actualidade:
Hai moitas maneiras de matar. Poden meterte un coitelo no ventre. Quitarche o pan. Non curarte dunha enfermidade. Meterte nunha mala vivenda. Empurrarte até o suicidio. Torturarte até a morte por medio do traballo. Levarte á guerra, etc... Só poucas destas cousas están prohibidas no noso Estado.
Xa dentro da biblioteca fixemos unha exposición con libros e películas nos que a denuncia da violencia e a busca da paz son o tema principal. Podedes ver unha breve reseña das principais novidades no noso blog de club de lectura Papalibros. A primeiras horas da mañá o alumnado de 4º de ESO, fixo unha improvisación teatral titulada GUSTARÍAME ESPERTAR TODOS OS DÍAS E PENSAR QUE...

Deixámosvos cun vídeo realizado polo alumnado de 3º PDC:

Ningún comentario:

Publicar un comentario