21/02/09

AMORES.....

Co gallo do día dos namorados, dende a biblioteca, impulsouse a reflexión sobre o que xurde inmediatamente en nos, cando pensamos no amor de parella: o máis probable é que imaxinemos uns mozos guapos , de "anuncio", nunha actitude amorosa. Isto é o que estamos afeitos a ver, nesta sociedade nosa, que prima, por riba de todo, os valores da xuventude e a beleza. Pareceríanos igual de "normal" ver a unha parella de anciáns namorados, bicándose pola rúa..... ou serían motivo dun sorriso pola nosa parte?.
Esta non é só unha reflexión de hoxe. Xa Castelao en "Cousas", recrea nun pequeno relato o amor apaixoado e silencioso de dous vellos , amor que vai máis alá da morte. Pensamos que pola súa beleza e sensibilidade, cómpre reproducilo neste espazo.

DOUS VELLOS QUE TAMÉN TIVERON MOCEDADE

"Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viviron escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:
-¡Deica logo, Eleuterio!
E os veciños que acudiran ó espeutáculo tapáronse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ó casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno."