03/11/23

CELEBRACIÓN DO SAMAÍN

O alumnado do IES de Melide participou activamente na decoración da nosa biblio para ambientala na celebración: pegadas de sangue, arañeiras, cabazas e  néboa  envolveron os expositores,  ateigados de  lecturas de misterio e terror, previamente seleccionadas polo profesorado colaborador da biblioteca.

24/10/23

DÍA DAS ESCRITORAS


 


No IES de Melide conmemoramos o legado das mulleres escritoras para facer visible o seu traballo na literatura e combater a discriminación que sufriron ao longo da historia.

 Un  mural  ilustrativo quedou exposto no corredor principal.


             


 E realizouse unha actividade  na biblio  consistente nun reto,  á procura de títulos e autoras para gañar o concurso, argallado pola compañeira Sandra Beis.

 


 

 


 


 

 


 

 

04/10/23

VISITA DE MARÍA SOLAR


 

 

                       VISITA DE MARIA SOLAR

 

   

    

Estreamos   curso  coa escritora  María Solar e a presentación de  "A  culpa", Premio Xerais Novela, 2022. 

 María entrou coma unha rebanda de sol na biblioteca e gobernou a mesa con tanta dozura que case esquecemos os biscoitos.

 

 


Veu para dicirnos  que, con frecuencia, son sutís as fórmulas que nos indican ás mulleres onde está a nosa mera de culpa . E tamén de atranco, claro.  Veu para confirmarnos  que a vida dunha escritora é así  a dunha muller calquera, coma a  dunha nai, coma a dunha filla,  que vive e  traballa por fóra da novela malia que ás veces de camiño deba  encargarse  dalgún personaxe.

 Hoxe abrimos  as  portas  da biblio. Todas. Deixamos entrar o outono descalzo. E  cando saímos a lúa estaba tan baixa coma unha mazá. 

A culpa foi de María Solar.

 

CURSO 2023-2024

   

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA 

  Abrimos  as portas da biblio  e iniciamos o novo  curso  coa visita  do  alumnado de 1ºESO.  Despois do verán  hai  un  silencio prácido na sala  que dorme  aínda  a morneza do  outono  e  convida á lectura  nunha viaxe sen retorno. 

 Elixe o ángulo que máis che guste e desperta as historias. 



 
Escoitamos  os libros  e,  xa desde a porta,  e vemos  que  teñen  corazón de palabras.

 


     Se cadra, cando  o libro volva ao seu andel,  segue   aínda dentro de ti. 







19/06/23

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

 

E para o verán...

    

    

   un  libro


1º ciclo de ESO:

-A gruta da torre, Lois Pérez (narrativa)

-A lebre mecánica, Ledicia Costas (narrativa)

-Que me pare o corazón se te esquezo, Andrea Maceiras (narrativa)

-Chamábase Simbad, Francisco Castro (narrativa)

-A nena lectora, Manuel Rivas (álbum ilustrado)

-A lavandeira de San Simón, Eva Mejuto (álbum ilustrado)

-Velloucas e Minchas, Lorena Conde (narrativa)

-Oliver Twist, Juliette Saumande, Daniela Volpari (cómic)


2º ciclo de ESO e BAC:


-Amor é unha palabra coma outra calquera, Francisco Castro (narrativa)

-Un elefante na sala de estar, Berta Dávila (narrativa)

-Os corpos invisibles, Emma Pedreira (narrativa)

-As voces ágrafas, Emma Pedreira (poesía)

-Feliz Idade, Olga Novo (poesía)

-Lixeiro, Ismael Ramos (poesía)

-Non temerás os coches amarelos, Marta Villar (narrativa)

-El mundo de Sofía, Nicoby Vicent Zabus (album ilustrado)

-A historia de Sara, Francisco Castro (novela ilustrada)

-A parte fácil, Ismael Ramos (narrativa)










Profesorado:

- Días de intemperie, Antón Riveiro Coello (narrativa)

-Vémonos mañá, Xosé Monteagudo ( narrativa)

-A gran novela galega, César Cequeliños ( narrativa)

-Coa man esquerda, Xabier Quiroga ( narrativa)

-Azucre, Bibiana Candia ( narrativa)

-As fauces feroces, Emma Pedreira ( narrativa)

-Non penses nun elefante rosa, Antía Yáñez ( narrativa)

-Feliz Idade, Olga Novo ( poesía)

-Materia, Yolanda Castaño ( poesía)

-Ben sabe o mar que posúo o botín das piratas, Luz Campello ( poesía)

-Lixeiro, Ismael Ramos ( poesía)

-Hierba, Keum Suk Gendry-Kim ( cómic)

-O bosque dos raposos aforcados, Arto Paasilinna ( cómic)

-El mundo de Sofía, Nicoby Vicent Zabus (album ilustrado)

-Todo va a mejorar, Almudena Grandes ( narrativa)

- Hijos de la fábula, Fernando Aramburu ( narrativa)









“Non hai mellor fragata que un libro para levarnos ben lonxe”, Emily Dickinson
                    "El libro es fuerza, es valor, es alimento;
                    antorcha del pensamiento y manantial del amor",  Rubén Darío



                        







30/05/23

VISITA DE ANTÓN RIVEIRO COELLO

 
       PRESENTACIÓN  de Días de intemperie, de ANTÓN RIVEIRO COELLO
 
 


                     

    As actividades do Mes das Letras foron clausuradas na biblio coa visita do escritor Antón Riveiro Coello, que veu presentar Dias de intemperie, un conxunto de relatos dedistintas guerras que todas son a mesma, di o autor, porque todas conducen á devastación.
                
                     
                
 
 
O autor analizou  a dimensión humana que teñen os personaxes diante dunha situación límite, ese espazo onde pode asomar o mellor  mais o peor do ser humano. Falounos tamén da súa paixón pola escrita, complemento xa imprescindible na súa vida, e adiantounos o título da súa próxima novela: Hotel Carioca.