
Neste mes de abril, dedicado aos libros, lembramos unha importante data nas letras galegas : o 3 de abril de 1959, publicábase en Bos Aires, a primeira novela en lingua galega de
Eduardo Blanco Amor,
A esmorga. A novela xa estaba escrita tres anos antes e foi Isaac Díaz Pardo quen trouxo o orixinal dende América e llo entregou a Francisco Fernández del Riego, na editorial Galaxia, pero a censura impediu a súa publicación. A
Asociación Galega de Universitarios Escritores e Artistas ( Aguea), que puxera a andar a editorial
Citania, baixo a dirección de Luis Seoane, decidiu asumir a edición da obra. Sae así do prelo unha das obras senlleiras da narrativa galega contemporánea. Nela cóntanse as andanzas de tres personaxes;
o Bocas, o Milhomes e o Cibrán, polos suburbios da cidade de
Auria (Ourense) . Bebendo e soñando, loitando por se evadir da realidade, a súa esmorga rematará tráxicamente. Blanco Amor escribe esta súa obra con case 60 anos, facendo o esforzo de reencontrarse a si mesmo e "moldeando" a lingua, coma el dicía "
xuntando as palabras todas, construíndo ou reiventando o idioma, que sentía crecer dentro de min, como unha montaña".
P.S: en Ourense pódese percorrer o
roteiro da Esmorga, os mesmos lugares polos que pasaron os protagonistas da novela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario