SEMANA DOS LIBROS (21 AO 23 DE ABRIL)
OS LIBROS AO LONGO DA HISTORIA
OS LIBROS AO LONGO DA HISTORIA
Os soportes da escritura foron moi variados ao longo da historia: os babilonios e asirios utilizaban táboas de arxila . Os exipcios usaron o papiro , unha especie de papel feito co talo dunha pranta que se cortaba a tiras, estas secábanse e prensábanse até convertirse en follas que logo se enrolaban.
No século II a. C. comezou a utilizarse até a Idade Media o pergamino (debe o seu nome á cidade de Pérgamo en Asia Menor) feito con peles de animais tratadas dun xeito especial: xuntábanse en pregas, cosíanse polos bordes e poñíanselles tapas formando os códices .
Cara o século XII, en Occidente adoptouse unha materia nova: o papel, unha invención dos chinos que xa o usaran moitos séculos antes.
No século XV xurde a imprenta, invento atribuido ao alemán J.Gutenberg.
Aos libros impresos antes do ano 1500 chámaselles incunables.
O primeiro incunable galego é o Misal Auriense, saído dun prelo do castelo de Monterrei no ano 1494. O libro está editado a dúas columnas con letra gótica e inclúe a tipografía musical co pentagrama en tinta vermella.
A imprenta revolucionou o mundo do libro, e contribuiu á democratización do saber.
No século XIX apareceron prensas mecánicas que permitiron , por exemplo, imprimir grandes tiradas de xornais en pouco tempo.
Durante o século XX continuou o desenvolvemento deste invento.
Hoxe en día, o soporte dos libros xa non é , somente o papel, senon toda a gama de medios audiovisuais.
Na nosa biblioteca temos mais de 12700 libros rexistrados e , nos ordenadores que alí se atopan, pódese entrar en ligazóns de “audiolibros”, títulos famosos da literatura universal para escoitar.
Como vedes, non sempre foi tan fácil como hoxe ter acceso a un libro. Porque os libros e a lectura son mais importantes na nosa vida do que quizais nós pensamos.
Misal Auriense