08/04/08

Entrevista a XOSÉ DÍAZ DÍAZ

Rescatamos do INTRES unha entrevista realizada por dúas alumnas ao escritor e profesor de matemáticas XOSÉ DÍAZ DÍAZ. Temos a honra de contar no noso centro con xente do seu talento e creatividade, que escribiu libros coma O dómite indómito ou A morriña das balas. Fixádevos o que di desta última obra unha páxina especializada en cultura e literatura: "Escrita nunha prosa coidadísima e con grande alento de estilo, respecta as convencións deste xénero de literatura popular, descubríndonos a un narrador de indubidable talento". Aí tedes a entrevista:


Andrea e Sylvia :Ola, bos días ! queriamos saber se podiamos facerlle unha entrevista para o Intres sobre a súa faceta de escritor.
Xosé Díaz: Si, por suposto.
Andrea e Sylvia : Sabemos que recibiu algúns premios, como se sentiu cando os recibiu?
Xosé Díaz : A verdade é que te sentes ben, por exemplo, no caso deste libro (A morriña das balas) cando mirei que era finalista e souben que entre os tres últimos que podían gañar encontrábase o meu… Acórdome perfectamente, estaba no ordenador, vin iso e deume así unha alegría, que me tiven que conter, claro, porque había máis xente arredor, pero é algo co que non contas, é lotería, entón cando pasa unha cousa así, que en principio non está para ti, pero é para ti, dende logo motívate moitísimo, sénteste ben, moi alegre, moi contento.
Andrea e Sylvia : Nós lemos A morriña das balas, baseouse en algo para escribilo?
Xosé Díaz : Usei, dende logo, a influencia das películas dos vaqueiros, claro, porque era o referente que tiña de ver na tele, e despois a información que busquei de como era a historia realmente, o que pasara alí, foron así as cousas que máis me influíron, non lera antes un libro de vaqueiros, por exemplo.
Andrea e Sylvia : Cre que aos seus alumnos lles gustou esta obra?
Xosé Díaz : Ben, non o sei, eles non me din que non lles guste nin tampouco me din que lles guste, entón estou así a medio camiño, iso terían que dicilo eles,claro.
Andrea e Sylvia : E por que escolleu que a súa obra fose de vaqueiros e non doutro tema?
Xosé Díaz : Ben, porque igual era un pouco paveiro falar de vaqueiros en galego, máis que nada por iso, é un tema así tipicamente inglés ou norteamericano, entón pois que se poñan a falar en galego e tal igual é algo simpático.
Andrea e Sylvia : Vostede escribe os seus libros en galego, pensa que iso pode fomentar a quen os lea a falalo?
Xosé Díaz : Este dende logo, oxalá, non? Ese ten que ser o propósito, escribes en galego para que se lea en galego e se aprendan cousas e despois se utilicen, claro, se non é un idioma a perder.
Andrea e Sylvia : Saíndo do ámbito da literatura, sabemos que tamén fai trucos de maxia, poderíanos dicir onde os aprendeu?
Xosé Díaz : Aprendina por libre, a verdade; como as matemáticas e a maxia teñen moito que ver, pois tamén por matar o tempo comprei algún libro deses de maxia e tal, vía algún programa na televisión, e aí vas aprendendo, pero fago moi poucos trucos.
Andrea e Sylvia : Que lle gusta máis, a literatura ou as matemáticas?
Xosé Díaz : Home, gústame máis poñerme a escribir, iso está claro, sen dúbida.
Andrea e Sylvia : Pois isto foi todo, moitas grazas pola súa atención e esperamos que escriba moitos libros máis.


Silvia García, Andrea Vázquez, S3B