06/04/08

RECOMENDAMOS: "Anxos en tempos de chuvia"

Convídámosvos a achegarvos a unha desas novelas coas que vos sentiredes identificados. Nela abórdanse problemas da mocidade, moitas veces herdanza do sistema de vida dos adultos: a SIDA, o alcohol, a descuberta da sexualidade, o compromiso cun xeito de pensar ou esas presas por vivir que por veces rematan esmagadas no asfalto.

O autor, Miguel Vázquez Freire, é profesor de secundaria en Compostela e como bo coñecedor do mundo dos mozos e das mozas atreveuse con esta historia a rachar moitos convencionalismos. Vós, famentos lectores e lectoras, atoparedes un bo exemplo da novela de misterio, relacionada coa vida real e cunha posta en escena case que cinematográfica.A historia comeza dun xeito tráxico. A morte irrompe na vida de Xurxo, Nando, Dani e Anxos, que teñen un terrible accidente na estrada de Baiona a Vigo logo de que o seu coche bata contra unha árbore. Aínda que os motivos non están moi claros, todo apunta ao exceso de velocidade e ao esvaradío da estrada. Son xa moitas as voces que xulgan os rapaces, achacando o accidente ao típico cóctel explosivo das fins de semana: drogas e alcohol.

Todo discorrerá ante os vosos ollos como se dun filme se tratase. A descuberta do sexo, o primeiro amor, as dúbidas e medos que rodean todo o relacionado coas primeiras experiencias, as frecuentes referencias aos gustos e afeccións dos mozos e das mozas -música, cine, política, relixión, inconformismo-, enchen, con moi boa man, esta novela.

Seguro que cando a leades pasará a ocupar un lugar especial na vosa biblioteca, ese oco que teredes reservado para os libros que máis vos gustan.