Onte, 27 de xaneiro, tivo lugar na casa da cultura a conferencia titulada Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices, organizada polo Concello de Melide. Neste acto, presentouse o libro da profesora da Universidade Estadual do Ceará, Cleudene de Oliveira, titulado Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, figuras universais. Unha ponte entre Ceará e Galicia. Participaron no acto a profesora brasileira e o autor das Memorias dun neno labrego.
Neste libro, a profesora trata de establecer un paralelismo entre as obras destes dous grandes fabuladores que emigraron e volveron ás súas terras para contar as historias das súas terras e das alleas.
No acto, Neira Vilas, ademais de falar da obra de Cleudene de Oliveira, resaltou a importancia do noso idioma, recalcando que temos unha lingua de grande extensión que compartimos con todos os países lusófonos. Falou tamén da importancia que tivo para nós a Galicia de América e comentou que a obra de Cándido Pazó, Memoria das Memorias dun neno labrego, foi representada no Brasil, con grande éxito e que foi entendida perfectamente utilizando a fonética do galego.
Neira Vilas comentou que, ademais da profesora Cleudene de Oliveira, tamén unha profesora de Melide, Dolores Rodríguez, está realizando unha tese comparando o mundo rural irlandés co galego, que aparece reflectido nas obras de John McGahern e de Neira Vilas. Na imaxe aparecen as dúas investigadoras xunto con Neira Vilas.
Seguramente el respeto franco por las cosas cotidianas posibilitará que grandes proyectos vean la luz.
ResponderEliminarEstamos a la espera,deseosos, ilusinados, confiados.