30/01/12

Manifesto pola paz

Hoxe, día 30 de xaneiro, recordamos a nosa continua loita pola liberdade, a igualdade, a xustiza, a solidariedade, o amor, o respecto e o bo trato a todas as persoas. Hoxe é o día mundial da paz.


Todos falamos da Paz, todos celebramos o seu día, pero cantos sabemos realmente o que iso significa? Cantos?

Vivimos nun mundo necesitado de Paz, cheo de loitas, loitas que nin sequera teñen sentido. Miles de persoas con poder decidindo por outras moitas que non teñen dereito a alzar a voz e dicir o que de verdade pensan, polo feito de non nacer nunha familia poderosa, polo feito de que hai que seguir un canon que o paso do tempo nos impuxo! Pero, por que son os cartos os que moven as guerras? Por que a ansia de poder? Por que miles de armas fabricadas para un só e claro fin? Este fin, amigos/as, é matar. Estámonos convertendo en máquinas e aparellos con botón de autodestrución. E a parte máis triste é que non facemos nada por cambialo, senón que intentamos “pasar” mentres non nos toca de preto. Porque moitos nenos, familias enteiras levántanse pola mañá esperando ver unha pomba branca no ceo, pero sempre se atopan cun ceo gris que nos cobre e que lles imposibilita ver máis alá da súa propia morte.

Decidamos, e decidamos ben, amigos/as, porque este día é para reflexionar, por iso vos animo a facelo. Porque, como sempre escoitamos, as cousas grandes comezan por ser pequenas. E que este día non sexa o único do ano no que pensemos na xente morta inxustamente, na xente marxinada, nos nenos explotados, nas persoas sen opcións; senón que traspasemos fronteiras, consigamos, amigos/as, que o mundo sexa un fogar para todos, non un túnel sen fin de sufrimento. Para que cando miremos ao noso arredor nos sintamos orgullosos de nós mesmos. E cando nos sintamos orgullosos do que conseguimos entre todos, esa sensación que invade o teu corpo e sae a través dos poros en forma de alegría, esa sensación será a Paz, e non a cambiaremos por nada, porque saberemos que a nosa loita valeu a pena, que a nosa loita por fin deu o seu froito.

Nun día como o 30 de xaneiro, animamos a xente a reflexionar, a deixar o individualismo, a loitar pola igualdade e polo cese das guerras, a non nos deixar levar pola cobiza e a avaricia, a axudarnos uns aos outros… En definitiva, hoxe máis que nunca animamos a xente a loitar pola paz.

Podemos vivir nun mundo mellor, nas nosas mans está poder conseguilo ou non.

Ana Ayude Puga

Nuria Rouco Mejuto

B1A

1 comentario: