Flores para Isaac Díaz Pardo
Hoxe despedimos a Isaac Díaz Pardo, intelectual, escritor e artista galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. Acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.
Cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid).Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro.Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que tentaba de internacionalizar a cultura galega.Deste xeito abandonou as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada ,o que repite na Arxentina, onde pasaría trece anos e construiría xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a editorial Edicións do Castro, etc.
Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista, e a que lle causaría máis desgustos ao ser apartado do equipo de dirección.
Como escritor de ensaio e crítica, destacan Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos ou Castelao, ademais dunha morea de artigos en xornais como La Voz de Galicia (onde colaboraría até o 2009).
O pai de Isaac Díaz Castro, Camilo Díaz Baliño, foi asasinado en agosto de 1936 e tirado nunha cuneta, xunto co estudante Sixto Aguirre Guerin, en Saa (Palas de Rei), moi preto de Melide. Alí homenaxéanse todos os anos o dí 14 de agosto.
Nesta foto, do ano 2008 aparece Isaac Díaz Pardo, xunto coa súa dona, con Avelino Pousa Antelo e David Otero o día en que inauguraron un monumento en memoria e honra destes dous galeguistas asasinados xa nos primeiros días da guerra.
Isaac tivo xa que esconderse cando era aínda un adolescente para que non o matasen como a seu pai, xa que el seguía os seus pasos.
Isaac tivo unha vida de traballo en defensa da nosa cultura e da nosa memoria histórica, e Galiza débelle moito a este home.
Hoxe está soterrado a carón de Valle Inclán e Aurelio Aguirre, nun lugar reservado a galegos ilustres no cemiterio de Boisaca, en Santiago.
Hoxe está soterrado a carón de Valle Inclán e Aurelio Aguirre, nun lugar reservado a galegos ilustres no cemiterio de Boisaca, en Santiago.
Rematamos coas palabras que dixo unha das súas netas no enterro: "Que teñas boa viaxe, avó". Que teñas boa viaxe, Isaac.
Ningún comentario:
Publicar un comentario