24/02/10

FERRÍN, NOVO PRESIDENTE DA R.A.G.

A Real Academia Galega é unha institución xa centenaria que conta, desde o 23 de xaneiro de 2010, cun novo presidente, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, unha das figuras máis destacadas da cultura galega contemporánea. Pero fagamos un breve percorrido pola historia da R.A.G.
A traxectoria desta institución non foi doada e transcorre de xeito paralelo ás dificultades que padeceu históricamente a cultura galega. En 1905 fúndase a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana por iniciativa de Curros Enríquez e Fontela Leal. Un ano despois, en setembro de 1906, constitúese a RAG, presidida por Manuel Murguía, con corenta membros. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, pero estes proxectos demoraron moitos anos. Durante a presidencia de M. Murguía (1906-1923) comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega. O seu carácter galeguista fixo que a Academia se vira envolta no medio de varias polémicas.
Na etapa que vai de 1923 a 1936 foron varios os presidentes: Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Eladio Rodríguez e Manuel Lugrís Freire .
Pero chega a Guerra civil española, que supuxo unha etapa de semiclandestinidade na que acceden á presidencia Manuel Casás Fernández, Sebastián Martínez Risco y Macías . Trátase dunha etapa de supervivencia na que o máis destacable é a presentación en 1963 dunha iniciativa que terá unha gran repercusión posterior: o Día da Letras Galegas, 17 de maio .
En 1972 a RAG estandarizou o deseño actual do Escudo de Galicia. Durante a presidencia de Domingo Garcia –Sabell (1977-1997) produciuse un acordo entre a RAG e o Instituto da Lingua Galega sobre as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982). A RAG foi recoñecida como entidade normativizadora do galego na Lei de Normalización Lingüística (1983). Creouse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.
Con Francisco Fernández del Riego e Xosé Barreiro Fernández (2001-2010) deuse un gran impulso á informatización dos fondos documentais.
En 2003 revisáronse as normas ortográficas e morfolóxicas e en maio de 2009 a Academia publicou un manifestó a prol da lingua galega, onde se reivindica a necesidade dunha presenza digna do galego en ámbitos como a xustiza ou o ensino. E é neste contexto onde X.L. Méndez Ferrín se pon á fronte da institución. Trátase dunha das figuras cimeiras da cultura galega contemporánea e unha das personalidades políticas máis decisivas das últimas décadas. Autor de obras como Estirpe, Percival e outras historias, Bretaña, esmeraldina entre outras moitas, recibiu varios galardóns e é presentado desde hai varios anos ó Premio Nobel de Literatura polo Pen Clube. Realizou ademais estudos de crítica literaria e labores de investigación e é colaborador no xornal Faro de Vigo. En definitiva, ten experiencia, capacidade de diálogo e firmeza suficientes para darlle un novo pulo a RAG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario