19/01/09

ENTREVISTA A JAUREGUÍZAR

Un grupo de alumnas de 3º de ESO A realizou unha entrevista ao escritor e xornalista Santiago Jaureguízar, con motivo da lectura da súa obra "SALITRE". Aquí a tedes íntegra:


1.Cando comezaches a sentir curiosidade pola lectura?
Pois durante moitos anos lía libros que non me interesaban moito, porque eu, cando era neno, nos colexios e nos institutos mandábannos ler libros moi clásicos, moi serios, de cousas que aconteceran hai moitísimos anos, cunha linguaxe antiga; a literatura para rapaces aínda non entrara nos institutos nin nos colexios. Eu descubrín que os libros eran unha cousa moi divertida lendo libros de Salgari e de Pío Baroja, un libro que se chamaba Zalacaín el aventurero, que foi o primeiro, lino con 13 ou 14 anos.

2.Cal é o tipo de libros que máis che gusta ler?
Son libros parecidos aos que escribo eu, porque un sempre acaba contando
historias que lle gustan a el, e son libros con intriga, aventuras con intriga, sempre que acontezan nos tempos nos que vivimos; a min gústame a literatura que fala sobre o tempo no que estamos, e non a literatura histórica. E son ese tipo de libros nos que pasan cousas.

3. Como comezou o teu afán por escribir?
Empezou hai uns 30 anos, cando eu tiña 13, e daquela estaba comezando un grupo que se chamaba “Siniestro Total”, que todos coñecedes, pero a min daquela era un grupo que me fascinou moito e me interesou moito o que estaban a facer, unha cousa moi divertida, moi fresca. Empecei a facer letras para formar un grupo, algo parecido a iso; como son torpe de orella non son capaz de facer música, polo que comecei con letras, e a partir de aí empecei a facer contos, e despois acabei facendo as novelas que fago agora.

4. Imaxinaches, cando escribiches as primeiras obras, que algunhas delas ían ser publicadas?
Cando escribín as primeiras non, porque era moi novo, pero xa daquela empecei a
publicar historias nas revistas do colexio; a primeira historia que publiquei tería 10 anos e publiqueina na revista do colexio, e a partir de aí empecei a publicar en revistas do instituto e despois da universidade, en xornais pequenos, e máis ou menos ía vendo que publicaban esas cousas que facía. Logo chegou un momento no que conseguín publicar libros.

5. Como te sentiches ao velos publicados?
Recordo a primeira vez que publiquei un libro de contos, pois recordo que estiven
dando saltos pola casa durante un cuarto de hora cando vin que era meu, que estaba publicado o meu libro, pois é unha emoción grande.

6. Traballas só como escritor ou tes outra profesión?
Non, a miña profesión principal é a de periodista. Eu son un redactor de cultura no diario O Progreso de Lugo, é ao que me dedico fundamentalmente, e a parte diso escribo libros, pero o meu traballo é o de periodista.

7. Gustaríache dedicarte única e exclusivamente aos libros?
Non sei se me gustaría dedicarme única e exclusivamente aos libros, pero de momento como agora non pode ser, non mo plantexo. Sobre todo porque estou traballando nun sitio que me permite estar en contacto con moitas historias que acontecen todos os días. Isto deume moito material para os libros, e non creo que fose bo que deixase de estar no xornal, por que supoño que as miñas novelas perderían moita vida.

8. Escribes para todos os públicos ou só para a xuventude?
Teño 17 libros publicados, e a metade son para rapaces, e a outra metade para adultos, máis ou menos, escribo tanto para un público como para outro. Vou combinando, o normal é que faga unha historia para rapaces e outra para adultos ao mesmo tempo porque me gusta combinar as dúas cousas que son algo distintas; nas de rapaces tento que teñan máis vida, máis acción, máis ritmo; e as de adultos, que teñan máis de análise ou de reflexión.

9. En que te inspiraches para escribir Salitre?

Nace de que fun pasar un verán nunha casa que estaba sobre unha praia, e nun extremo da praia había un chiringuito dende o que se vían rapaces facendo surf. Aí foi cando comecei a pensar nesa historia.

10 Adoitas deixar o final destas historias indeciso como en Salitre?
A historia de Salitre ten un final que non se pecha, que non se conta o que aconteceu, que non se sabe que foi da nai. Este final estaba pensado para que os lectores participasen nel, que pensasen en como podía ser o final. Quería que os lectores participasen dalgún xeito neste libro, pero hai moita xente que me pide unha segunda parte, e xa estou vendo que non sentou ben que deixase este final sen resolver.

11. Por que trataches os temas das drogas, alcohol e sexualidade?
As drogas, o alcohol e a sexualidade son tres temas que aparecen moi pouco no libro, pero son os que máis chaman. Tratei os temas porque son os que a min me preocupaban moito cando tiña 14 anos, cando nos contan que todo isto non se pode tocar, e logo vaste dando conta dos perigos que teñen cada un deles e das partes boas que teñen. Son temas de sempre, non os inventamos nós; xa en tempos de Grecia e Roma acontecían estas cousas. Son temas que me atraían nesa idade, como supoño que agora vos atraerán a vós, pero a verdade é que os trato moi pouco no libro.

12. Que queres ensinar con este libro?
Cando escribo libros non pretendo ensinar nada, porque non dou clases, non son profesor, son periodista. Simplemente conto historias, tanto no periódico coma nos libros. Este libro fala sobre a importancia dos afectos sobre todo. Hai un rapaz que ten unha visión un pouco negativa de seu pai porque é ríxido con el e fai que sexa moi disciplinado, sen embargo o pai é o que coida del e lle soluciona a vida, e el, a pesar diso, ten mitificada a súa nai, que foi unha muller que o abandonou con seis anos; e falo un pouco diso, de que moitas veces queremos a quen non o merece e miramos mal a quen merece que o queiramos.

13. Esta obra trata dunha problemática actual. Todos os teus libros tratan deste tipo de temas?
Os meus libros son sempre actuais; eu non fago novela histórica porque parece que non ten moito sentido se estás vivindo nunha época que non fales sobre a túa época, das cousas que pasan na túa época, das cousas que lle preocupan á xente da túa época.
14. Estás escribindo algunha historia?
Eu sempre escribo dous libros a un tempo. Estou escribindo unha historia para rapaces e outra para adultos, e acabo de entregar dúas novelas que conto que sairán en marzo, que tratan sobre un reporteiro que investiga misterios polas cidades galegas, e vai para rapaces. Espero que vos guste se tedes oportunidade e interese de lelo.

15. Canto tempo lle dedicas á creación literaria?
Érgome todas as mañás ás seis, e o normal é que escriba ata as oito, máis ou menos. Eu teño dous nenos, e depende do que durman eles, do que me deixen traballar eles, pero o normal é entre unha hora e media e dúas horas.

16. En que te inspiras cando creas as historias. Véñenche simplemente as ideas á cabeza nun momento?
Non, as ideas non veñen á cabeza, o normal é que un vaia todo o día lendo prensa, eu estou traballando un xornal, co cal todos os días estou en contacto con moitas historias que me interesan que van creando un pouso e ao final hai unha chispa que prende e sae a historia de aí, pero estou sempre lendo historias, mirando historias en internet e iso crea ao final os libros.

17. Cal dirías que é a túa obra preferida?
É complicado dicir isto, porque non é moi xusto o éxito dos libros, a vida dos libros. Hai libros que custou moito facelos e que logo non interesaron a ninguén; outros que escribín rápido e foron un éxito. Un dos que me gusta máis é Salitre, é o que se leu aquí no instituto de Melide, e se me gusta é porque primeiro contei unha historia que me apetecía contar, de intriga, unha historia moi sinxela e que foi moi ben recibida polo público, e iso sempre se agradece moito.

18. Acábanos de chegar a noticia de que fuches o gañador do premio Terra de Melide coa túa obra O Globo de Shakespeare. Como te sentes con este premio, un máis dos moitos que estás acadando?
Este é un premio moi importante. Paréceme importante que un concello coma este faga unha aposta por manter un premio como o de Terra de Melide. Eu presenteime a el porque considero que é un dos premios importantes que hai nestes momentos no país. E foi cunha novela que se chama O Globo de Shakespeare, que está chegando nestes momentos ás librarías, e sempre cando un saca un libro ten un certo medo, porque un non sabe como vai reaccionar o público. Se houbese unha fórmula, todos nos dedicariamos a ela, e este libro en concreto, como vai respaldado por un premio, sempre hai un dobre medo porque a xente sempre o vai ler pensando que ese libro levou un premio e que sempre ten que ser un bo libro. Non sei se é un bo libro ou un mal libro, iso téñeno que decidir os lectores, pero sempre hai esa cousa.

19. Poderíasnos falar un pouco da túa obra O Globo de Shakespeare?
É unha historia que acontece en Ribadeo, nunha vila da costa de Lugo na que eu pasei a miña infancia toda, e o que pasa é que hai un pazo no que aparece unha obra inédita de Shakespeare; entón é un pouco contar esa historia. Hai unha intriga e unha serie de personaxes que viven os seus amores e desamores a raíz de que atopan ese suposto manuscrito de Shakespeare.

20. Gustaríache dicir algo para os nosos lectores?
Si, gustaríame contarvos o que estiven comentando hoxe nas clases aos rapaces que estabades. Que as historias non están unicamente nos libros, que están tamén nas mensaxes de SMS que vos enviades e nas historias que vos cantades de cando vos pasa algo con un rapaz, ou con un profesor.


Andrea Vázquez Rodríguez
Silvia Vázquez Sufuentes
Patricia Roca Fernández
(S3A)