12/12/08

OUTRA CARA DOS DEREITOS HUMANOS

Na D.U.D.H., a Violencia de Xénero ocupa, ou debería ocupar, un lugar prioritario. Ese artigo que fala da non discriminación por razóns de sexo, semella papel mollado ante a crúa realidade. Esta lacra existe en todos os rincóns do planeta, mesmo no considerado “mundo desenvolvido” : as mortes de mulleres a mans das súas parellas , acadan cifras arrepiantes que van en aumento, a máis das mutilacións xenitais, a prostitución feminina (incluida a infantil), as vexacións e a explotación laboral , que son prácticas globalmente extendidas. É preciso recoñecer que moitas veces oímos falar destes temas nos medios de comunicación cunha indeferencia certamente culpable.
Os alumnos do IES de Melide traballaron sobre este terrible problema dende distintos puntos de vista.
Co gallo do 25 de novembro, o alumnado de 4º da ESO cubriu toda unha parede do instituto con esquelas funerarias duns 30 casos de crimes cometidos contra mulleres : as fontes da información foron os xornais e as revistas da biblioteca .
Rapaces de 1º de BAC, recorrendo ás mesmas fontes xornalísticas (prensa escrita e dixital), elaboraron un mural con textos de noticias e imaxes ilustrativas, algunhas moi elocuentes, do drama que non cesa.
Finalmente alumnos de 2º de BAC elaboraron unha información (recollida en soporte mural e exposta a carón da Biblioteca) sobre a consideración da muller nas distintas relixións: cristianismo, islam, hinduísmo, budismo, mitoloxía grega...
E despois de todo este traballo, qué podemos facer fronte a estas situacións?. Cando nos falan de sucesos ocorridos en lonxanos países, pensamos que iso “non vai con nós”, que realmente pouco podemos facer. Isto é relativo:existen O.N.G.s que se adican a loitar pola dignidade da muller
nos cinco continentes e, especialmente no 3º mundo. Podemos colaborar con elas, cada un, dentro das súas posibilidades. Podemos non mercar productos que sabemos que están feitos gracias á explotación laboral, especialmente a feminina. Pero por enriba de todo, hai un elemento fundamental: a EDUCACIÓN nos valores do respecto á vida, á dignidade e á igualdade entre sexos dende a infancia, educación, que, no noso país, é aínda tan deficiente. Non perdamos a esperanza. E lembremos que “nada do humano énos alleo”. Aínda que sexa doutro sexo.