13/04/15

MORREN GÜNTER GRASS E EDUARDO GALEANO



Considerado o máis grande escritor en lingua alemá da posguerra e un referente político no seu país, o premio Nobel G. Grass consideraba que, aínda que a literatura non pode cambiar ás persoas, si pode axudar a construír unha sociedade mellor a longo prazo. Nunha das súas citas máis coñecidas reivindica a necesidade de intelectuais críticos co poder político, afirmando que "a principal obriga do cidadán é manter a boca aberta".
Entre a súa extensa obra, que inclúe narrativa, teatro, ensaio e poesía, destacan O gato e o rato e Anos de can, que xunto con O tambor de lata (coa que alcanzou fama mundial), constitúen a denominada Triloxía de Danzig; tamén, O rodaballo (1977), No cuarto traseiro (1982), Un vasto campo (1995), Últimas danzas (2003). O meu século, recolle as súas reflexións sobre cada un dos anos do século XX, incluída unha sobre o bombardeo nazi de Gernika na Guerra Civil, e ensaios políticos como Alemaña: unha unificación insensata.
A súa obra Pelando a cebola, desatou un escándalo ao revelar por primeira vez que fora membro das SS aos 17 anos. Moitos foron os que non lle perdoaron telo mantido oculto ata 2006. El mesmo diría: "Se miro cara a atrás, sempre o contemplei como unha mancha que me oprime e sobre a que non podía falar". Para moitos outros, Grass foi a voz dunha xeración de alemáns que alcanzou a maioría de idade na Segunda Guerra Mundial e cargou co peso da culpa dos seus pais polas atrocidades dos nazis.




Eduardo Galeano, un dos intelectuais latinoamericanos máis críticos coas inxustizas sociais no continente, alcanzou a fama mundial coa súa obra Las venas abiertas de América Latina (1971), na que analiza as raíces históricas de Latinoamerica e a súa relación con países de primeiro mundo como España e Estados Unidos.
Podemos destacar outras obras como La canción de nosotros (1975), sobre a loita armada e Días y noches de amor (1978), baseada nas ditaduras de Arxentina e Uruguai. Máis tarde, describiu a identidade latinoamericana na triloxía integrada por Los nacimientos (1982), Las caras y las máscaras (1984) e El siglo del viento (1986). 
Entre as súas últimas obras destacan Espejos. Una historia casi universal (2008) e Los hijos de los días (2012).
Esta semana estaba prevista a presentación en España de Mujeres, un libro-antoloxía dos mellores textos do escritor sobre as mulleres con relatos sobre personaxes como Juana de Arco, Rosa Luxemburgo, Rigoberta Menchú, Marilyn Monroe e Teresa de Ávila.


                         

 

Eduardo Galeano deixou  escrita una obra que quería que se publicase tras o seu falecemento e que, probablemente, aparecerá no mes de maio.


                            

13/03/15

I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE

O IES de Melide, da man do profesor Afonso García, promove o I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE, no que estarán presentes grupos de teatro de Touro, de Laxe, de Palas de Rei, da Estrada e de Melide.
As 18.00 h. terá lugar un roteiro teatral e musical pola emblemática aldea de Furelos. O fío condutor do percorrido serán os oficios, xogos, ocupacións... tradicionais onde se pon de relevo a habilidade manual, tema relacionado directamente co noso lema de traballo para este curso Homo Habilis.
Ademais das diferentes agrupacións teatrais, a AGXPT colaborará neste roteiro e a aportación musical estará a cargo do grupo melidense Herba Grileira.
Agardámosvos en Melide o sábado 14 de marzo a partir das 16.00 h., comezando pola Casa da Cultura.

24/02/15

24 DE FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



Este ano, con ocasión do día de Rosalía de Castro, sumámonos dende a nosa Biblioteca á  convocatoria que  A SEGA fixo para este día: “ cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor”.
Esta proposta pareceunos feita a medida para o noso lema de traballo Homo Habilis.
Nós non temos monumentos de Rosalía, pero dispoñemos de algo moito máis precioso: as súas obras.  Sacámolas dos seus andéis e arroupámolas, esperando que alguén  lles dé definitivamente calor e vida coa súa letura, porque, ao igual que A SEGA,  somos conscientes de que  ROSALÍA DE CASTRO ATERECE. E madía leva non aterecer! … Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos. Mais debaixo da pedra fría … sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria.  Unha obra que apela a todas (e todos) nós porque fala de nosoutras, fala das (e dos)  que cantamos, das (e dos)  que traballamos, … rimos, … padecemos, … queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada (…)
Por todo iso … Rosalia de Castro non pode ficar máis á intemperie (…)”
 

02/02/15

DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA




Con ocasión da conmemoración do Día da Paz e a Non Violencia decenas de laboriosas mans puxéronse no noso Instituto a facer grúas de papel, baixo o noso lema de traballo para este ano Homo habilis. As grúas de origami convertéronse en símbolos de paz cando Sadako Sasaki (1943-1955), enferma de leucemia debido á radiación da bomba atómica, pediu a paz e a curación para todas as vítimas inocentes da guerra aferrándose a unha antiga lenda xaponesa que promete que quen faga mil grúas de papel verá cumprido un desexo. Desgraciadamente, o avance da enfermidade impediu que chegase a completar as mil grúas.
No Parque da Paz de Hiroshima pódese visitar unha estatua dedicada a Sadako, en cuxa base está escrito: "Este é o noso berro, esta é a nosa pregaria: paz no mundo". A este berro quixo unirse o noso Instituto para celebrar o Día da Paz.



 
          

22/01/15

NOVIDADES

Comezamos o ano cunha recomendación dalgunha das nosas novidades. Felices lecturas!

12/01/15

VIAXANDO COS SOFÁS CHESTER

O alumnado do ciclo de madeira, da man do profesor Fernándo López Martínez, ven de inaugurar unha exposición monográfica nos corredores do instituto centrada no sofá Chester, ese moble emblemático do estilo decorativo inglés.
No cabe dúbida, que o ciclo de madeira ten un protagonismo moi especial neste ano no que o noso proxecto de centro e biblioteca, Homo habilis, se centra na habilidade manual. Parabéns por esta aportación tan valiosa.

28/10/14

QUE LIBRO SALVARÍAS?

Con motivo da conmemoración do Día da Biblioteca, @s nos@s usuari@s tivéronse que enfrontar a un difícil reto: salvar un só libro no caso de que un incendio, inundación, invasión extraterrestre...,  arrasara  a súa biblioteca. Estas son algunhas das respostas:


                           
                           O libro que salvaría from loli2015

24/10/14

24 DE OUTUBRO, DÍA DA BIBLIOTECA

O 24 de Outubro conmemórase o Día da Biblioteca, dedicado no noso país especialmente ao público infantil e xuvenil. Esta proposta xorde en 1997, da man da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, que chegou a converterse nun símbolo de convivencia entre as distintas comunidades étnicas da cidade. Esta circunstancia fixo que un bombardeo caese sobre ela na madrugada do 25 ao 26 de agosto de 1992, provocando a destrución do 40% do material que albergaba. Este suceso tivo lugar dentro do contexto da Guerra dos Balcáns (1991-2001), caracterizada por conflitos étnicos entre os distintos pobos da ex Iugoslavia, que impulsaron a eliminación do outro e da súa memoria escrita e cultural.
Tras este ataque, o médico e historiador croata Mirko D. Grmek acuñou o termo memoricidio para definir a destrución da memoria e o tesouro cultural do outro, do inimigo.
O obxectivo do día que hoxe celebramos é trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura e como instrumento da mellora da formación e a convivencia humana.

23/10/14

HOMO HABILIS


Por fin facemos público o tema de traballo deste curso. Por que escollemos como lema Homo Habilis, un tecnicismo en latín?  Seguindo case literalmente a wikipedia anotamos que a grande innovación do Homo habilis foi a utilización de ferramentas, o que lle deu primacía sobre os primates. Esta habilidade física e, máis concretamente a manual, foi logo motor de progreso na evolución humana. Queremos, polo tanto, traballar en torno á esta destreza característica do home que tanto nos diferenza dos animais e que fixo posible que o ser humano desenvolvese técnicas e xa logo artes plásticas  que lle permitiron mellorar as súas condicións de vida .
Abrimos, deste xeito, a posiblidade de realizar moitas actividades relacionadas co noso entorno máis inmediato, como os oficios tradicionais e a artesanía na Terra de Melide, e a botar man das habilidades do alumnado do noso centro, no que abundan dibuxantes, deseñadoras de xoias, magos, campioas nas distintas técnicas de loita, futbolistas, bailarinas, veteranos xogadores de xogos tradicionais, afeccionados cociñeiros, fotógrafas e cámaras e toda unha lexión de músicos/as, sen contar xa aos nosos artistas do ciclo de madeira. Tan importantes son as mans, que poden ser a voz e o son dalgunhas persoas, como Juan Carlos
Dedicaremos atención especial ás artes plásticas a música, a tecnoloxía e a calquera cousa que se faga coas mans (ou pés...) e a súa relación coa literatura.
Unha das nosas actividades estrela será un roteiro teatral que se fará nunha aldea da terra de Melide, aínda por determinar, e no que participaráian, ademais do alumnado e profesorado do centro, artesáns da Terra de Melide e os propios habitanes da aldea. Será unha versión reducida de Son D'Aldea, que terá lugar no mes de marzo de 2015.
Pretendemos, pois, visibilizar e poñer en valor todo aquilo que se fai coas mans, tan mal visto nalgúns momentos da nosa historia. Dicía o filósofo grego Anaxágoras que o home é o máis intelixente dos animais por ter mans. O alumnado de grego de 1º de BAC encargouse de rotular esta frase en grego e en galego para que sirva como punto de partida do noso traballo. Esta afirmación ten unha dobre lectura, é a intelixencia humana a que permite a nosa habiliade manual? ou é este dominio das mans o que estimula a nosa intelixencia?
E mentras reflxionamos sobre isto, deixámosvos un fermoso vídeo no que podemos ver como unha mullier habilis saca partido ás súas mans debuxando con area.

29/09/14

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se interrumpíamos as nosas vacacións de verán para comunicar a triste nova do pasamento do noso querido compañeiro e profesor Xaquín, queremos comezar o curso co seu recordo, por unha banda como esconxuro para botar fóra a nosa dor e por outra como agradecemento por todo o que el nos aportou ao longo destes anos.
O IES de Melide a través do equipo da biblioteca está a organizar unha xornada de lembranza que se celebrá no noso centro o sábado 25 de outubro ás 11.00. Aínda que non temos un programa pechado, podemos adiantar que comezaremos prantando un carballo ou outra especie autóctona no noso xardín, xa que Xaquín era un gran amante das árbores, seguiremos cun recitado dos textos e poemas cos que el nos foi agasallando estes anos, proxectaremos un vídeo que tentará recoller o seu semblante no noso recordo, charleremos con amigos e compañeiras/os cos que Xaquín compartiu loitas e remataremos cun xantar. En todo o acto contaremos coa música interpertada polo alumanado do centro, polos históricos membros da Quenlla Mini e Mero e, talvez, por agrupación musical melidense.  As protagonistas do acto serán as alumnas e alumnos do IES de Melide que contarán co apoio do profesorado e a asistencia non só da comunidade educativa senón tamén daquelas persoas que compartiron os seus compromisos sociais: a memoria histórica, a loita poos dereitos das presas e presos...
O lugar onde se desenvolverán parte dos actos será a nosa biblioteca, que ao igual que as outras dependencias do centro que teñen nome, pasará a chamarse "Biblioteca Xaquín Yebra", porque é grande o legado que nos aportou.
Segue a organización deste evento no Facebook https://www.facebook.com/homenaxexaquinyebra

27/07/14

ADEUS, QUERIDO XAQUÍN

Hoxe deixounos Xaquín Yebra-Pimentel, profesor de Historia do IES de Melide. Somos moitos os alumnos, alumnas, compañeiras e compañeiros, persoal non docente, pais, nais.... que non tivemos tempo para agradecerlle o moito que nos deu todos estes anos no IES de Melide.
A perda de Xaquín déixanos algo orfa a toda a comunidade escolar pola súa calidade humana. Pero ademais Xaquín era un home xeneroso coa súa inmensa cultura, achegándanos a cada un de nós mundos descoñecidos cada vez que nos traía un libro, un fermoso texto ou un obxecto marabilloso das súas coleccións de arte. Sen dúbida el era un deses homes xustos a quen dedica Jorge Luis Borges o seu poema:

Un hombre que cultiva un jardín, como quería Voltaire.
El que agradece que en la tierra haya música.
El que descubre con placer una etimología.
Dos empleados que en un café del Sur juegan un silencioso ajedrez.
El ceramista que premedita un color y una forma.
Un tipógrafo que compone bien esta página, que tal vez no le agrada.
Una mujer y un hombre que leen los tercetos finales de cierto canto.
El que acaricia a un animal dormido.
El que justifica o quiere justificar un mal que le han hecho.
El que agradece que en la tierra haya Stevenson.
El que prefiere que los otros tengan razón.
Esas personas, que se ignoran, están salvando el mundo.

20/05/14

ENTREGA DE PREMIOS XOGO DE PISTAS

Nestas últimas semanas tivo lugar o xogo de pistas "De película", que consistiu en buscar o título de filmes a partir dunhas siluetas de imaxes, que aparecían no cartel de "Un ano de película" e unhas pistas. Tamén tiñan que atopar o URL que nos conducía ás imaxes. Houbo dúas modalidades, unha para 2º ciclo de Bacharelato, madeira e adultos, e outra para o alumnado de 1º ciclo da ESO.

Despois dun emocionantísimo e rifadísimo  xogo no que houbo moitos grupos que obtiveron a totalidade dos puntos e que desempataron a tempo, hoxe, por fin, entregáronse os premios aos/ás gañadores/as, que foron:
-O grupo Mafalda e Manolito, composto por Pablo G. Remeseiro e Iris Parrado López, de 2º de Bacharelato.
- O grupo Sometimes, formado por Paula Ares, Ángela Prado e Virginia Mosteiro, de 2º de ESO.

Parabéns  a todos/as por participar, e, especialmente aos grupos gañadores.


19/05/14

DÍA DAS LETRAS 2014


Este ano, o Día das Letras estivo dedicado ao autor do libro de poemas Nimbos, Xosé María Díaz Castro. Nós quixemos ofrecerlle unha pequena homenaxe recitando algúns poemas na biblioteca, entre eles o coñecidísimo Penélope ou o non tan coñecido Coma unha espada, do que incluímos aquí a letra.

COMA UNHA ESPADA

Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadearaña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire como espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡Pro non enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.






17/05/14

AGASALLO DÍA DAS LETRAS

Este ano o alumnado da Terra de Melide recibiu un fermoso agasallo, ideado polo ENDL do IES de
Melide. No instituto foron as alumnas e alumnos do grupo teatral Teiroa quen se encargaron de repartir os galanos ao tempo que representaban polas aulas unha improvisación baseada en textos de Sechu Sende. O agasallo consistiu nun estoxo que contiña dentro este fermoso tesouro:




ESTOXO DA LINGUA INSTRUCIÓNS DE USO

1. Indicado para gardar lapis, bolígrafos, plumas e demais dispositivos que escriban palabras en galego.

2. O material gardado neste estoxo, e as palabras que con el se escriban, deben ser usadas de xeito diario e continuado.
3. As palabras así escritas deben ser tratadas con moito agarimo, tendo sempre moito tino de que non se perda ningunha ou se borre, xa que constitúen a nosa máis prezada propiedade. 

4. Este tesouro inclúe unha enorme variedade: pronomes atrevidos, adverbios incribles, conxuncións entremetidas, indefinidos que non se mollan, adxectivos para dicir as cousas máis lindas ás persoas que queremos, verbos moi prácticos, nomes de persoas para poñerlles aos nosos fillos e fillas…

DERRADEIRA CONSIDERACIÓN

Este estoxo non é calquera cousa e, polo tanto, o seu uso debe perdurar, cando menos, toda a vida do seu propietario ou propietaria.

07/05/14

CERTAME LITERARIO "LETRAS GALEGAS 2014"

Como todos os anos por estas datas, o Equipo de Normalización Ligüística e a biblioteca do IES de Melide convídanvos a escribir no foramto que máis vos guste o vos inspire. Este ano como novidade engádese unha nova categoría: "Traballos de recuperación da memoria comunitaria" e ben se podían animar algúns rapaces e rapazas de 1º de ESO a presentar o magnífico traballo que fixeron na clase de sociais...

Certame Letras Galegas 2014

07/03/14

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER



Dentro do noso "Ano de película", queremos rendir un homenaxe a todas aquelas mulleres relacionadas co cine, moitas delas xa esquecidas.

02/03/14

PRIMEIRO FESTIVAL DE MELIWOOD

Neste entroido tivo lugar no IES de Melide a primeira edición do Festival de Meliwood, comoo unha actividade máis do noso tema de traballo Un ano de Película. É de destacar a calidade das "películas" participantes, algúns clásicos coma: MARY POPPINS, PIRATAS DO CARIBE, MAGO DE OZ, GREASE, TITANIC, OS XOGOS DA FAME, FLASHDANCE, ZORBA, O GREGO... e outras de nova creación coma: OS EMBUSTEIROS 2.0, ANIMALS, contando co dúo PIMPINELA-Z que amenizaron a gala. Seguindo a tradición destes anos, o festival rematou cun "Salon de película", unha "estrea" do xénero western protagonizada polos profes, todo un clásico. O noso premio, O Polbo de Ouro", foi un deseño de Antonio Núñez, o profe de plástica, realizado por Anabel, de francés, a nosa artista oficial e, como non, polo imprescindible ciclo de madeira.