COMA UNHA ESPADA
Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.
Ó traveso da escura teadearaña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.
En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire como espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.
E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡Pro non enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario