26/06/21

Lidia Arijón López entrevista a... Tanxugueiras

 


Para rematar o curso, publicamos aquí unha serie de entrevistas que realizou o alumnado de música dentro do plan lector.

Hoxe facemos unha pequena entrevista a un grupo galego de tres cantareiras chamadas Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.

 

 

1. Como xurdiu a idea de crear o grupo?

A idea de crear o grupo naceu polas ganas que tiñamos de ir aos seráns e ás foliadas. Necesitabamos formar un grupo e ter cancións en conxunto, e así foi, xuntámonos e puxémonos a traballar xuntas. O primeiro ano de Tanxugueiras foi viaxando por toda Galicia indo a todas as foliadas que había, pouco a pouco o grupo fíxose máis grande pero sen ningunha pretensión de vivir da música, era unha diversión. Hoxe por hoxe podemos dicir que vivimos da música e que puidemos converter o noso pasatempo no noso traballo.

 

2. De onde saíu o nome do grupo?

O nome do grupo saiu de Fumaces, que está no concello de Riós (Ourense). Temos uns amigos desa zona e dixémoslle que nos pasaran nomes e así foi, pasáronnos como 200 nomes e quedámonos con Tanxugueiras que é unha toponimia dun conxunto de fincas.

 

3. Que papel desenrola cada unha no grupo?

Os papeis non están moi establecidos, todas facemos de todo, pero está claro que hai cousas que nos gustan máis e cousas que menos. A creación da canción e conxunto, Olaia leva un papel máis importante nas redes, vestiario, letras das cancións. Aida leva máis o papel técnico, é a que mellor se desenvolve co set de gravación. E Sabela leva máis a parte da prensa, entrevistas, charlas...

Pero todas intentamos facer de todo!!!

 

4.Cantas actuacións tedes o ano?

Co primeiro disco, Tanxugueiras, tivemos máis de 100 concertos ao longo do país e con varios concertos por pobos de España, pero incluso permitiunos viaxar a Cuba, a India, Reino Unido (fomos varias veces), Portugal e tamén Suecia. Isto foi en 2018 e 2019.

A pandemia parounos un pouco a traxectoria , pero en 2020 demos máis de 20 concertos e, para rematar a presentación do noso segundo disco, Contrapunto, este ano temos xa contratados perto de 25...e os que nos quedan por sair!!

Por certo, agardamos verte a ti e á túa clase nalgúns deles (se te achegas, avísanos para poder coñecernos)

 

5. Tedes en mente sacar algún disco máis?

Temos en mente sacar moitos discos ao longo da nosa carreira muiscal, pero o tempo dirá! Traballar estamos taballando para que iso poida ser así.

Por agora estamos lanzando singles, que é moito máis doado e nos permite ir pouco a pouco crecendo e facendo promoción. A nosa idea é que se transladen a un disco que poidamos facer público o vindeiro ano, pero non llo contes a moita xente que aínda é segredo. Ti, por se acaso, cando che pregunten di que fiquen atentas ás nosas redes sociais e aí iremos anunciando todo.

 

6. Que ritmo vos gusta máis?

Gústannos todos os ritmos e escoitamos música de moitos estilos, pero sobre todo gústannos os ritmos que levamos aprendendo dende pequenas, como son a xota e a muiñeira.

 

7. Onde vos gusta máis actuar? Nun escenario ou no torreiro?

Os dous están xenial, cada lugar apórtache cousas distintas. O escenario aporta adrenalina, é moito máis visible e permítenos facer un espectáculo máis serio, máis sobrio, aínda que con moita festa.

No torreiro temos a cercanía da xente, é a diversión. É onde nacemos o do que non queremos esquecernos nunca.

 

8. Como vos afectou a pandemia como grupo?

A verdade e que no comezo era un pouco desesperante , pero pouco a pouco fomos cambiando o chip. Estabamos xusto coa presentación do novo disco, con moitos proxectos e con moitos concertos xa programados, unha gran xira e moita promoción que quedou sin facer. De todos modos, conseguimos desfrutar do tempo que tivemos que estar na casa e permitiunos asentarnos, crear novos temas e decidir apostar polo camiño que marcamos con Midas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario