Pois, si. Parecía que nunca ía chegar pero, ao fin , velaí o momento das ansiadas vacacións. Rematamos. Este 2008-2009 non volverá máis. Pero o que si queremos que volte, é a vida a esta canle de comunicación qu é o biblomelide, con todas as súas seccións. Que os libros, as reportaxes, as películas, as viaxes da nosa comunidade educativa etc. ,volvan quedar retratadas neste espazo. Grazas aos colaboradores, especialmente a aqueles que non teñen tan doado o acceso a internet ( o rural existe, cos seus atrancos) e que pensan que facer unha entrevista ou un videoclip ou un mural ou unha crítica cinematográfica para "colgalo" no blogue non é perder o tempo, senon compartir experiencias vitais, das que todos podemos aprender e disfrutar.E os libros. Sempre os libros. Cantas citas lévanse postas neste espazo , e noutros, de sabios pensadores sobre a lectura!!! E, sen embargo o pracer de ler, ten que ser unha descuberta individual e voluntaria. Cada un ten a súa propia historia cos libros. Así como non hai dúas historias de amor iguais, tampouco hai dous camiños idénticos para chegar a amar a lectura.
De todos os xeitos, nós, como Borges, non imaxinaríamos un Paraíso no que non houbese libros.
Que descansedes, que disfrutedes e que sexades quen de atopar o voso propio paraíso.



