19/02/09

DIA DOS NAMORADOS

Na biblioteca do IES de Melide celebrouse o día dos namorados co tradicional concurso de cartas de amor , pero cunha variación sobre os destinatarios: desta vez, estes tiñan que ser personaxes literarios, cinematográficos ou televisivos.
O remitente tiña que poñer o seu nome máis un pseudónimo con vistas á posible publicación.
Por outra banda, organizouse unha pescuda de parellas de namorados históricos, cinematográficos ou televisivos: cunha imaxe e unhas poucas pistas , os alumnos debían adiviñar a súa identidade. Aquí temos un exemplo do noso traballo.
"Ela é unha moza fermosa, rica e caprichosa que fará todo o posible para conseguir o amor del.
El é un mozo sinxelo, de carácter bo e débil. Sente unha forte atracción por ela , pero casará coa súa curmá, por sentido do deber.
Un segundo home está perdidamente namorado da moza, pero este é un amor non correspondido.
A historia ten lugar durante a Guerra de Secesión americana."
No soporte de cortizo da biblioteca expúxose unha “miniescolma” con poemas moi coñecidos, representativos do amor e o namoramento, e da morriña que este pode provocar: dende o famoso soneto de Lope de Vega que describe o estado de “tolemia” polo que pasa o amante (“ desmayarse, atreverse, estar furioso”) pasando polos consellos de Rosalía sobre os “bos amores” (“busca eses amores, búscaos, si tes quen chos poida dare ") até a “aguda espina dorada” cravada no corazón de Antonio Machado, as tres feridas de Miguel Hernández (“la del amor, la de la muerte, la de la vida”) e a soidade e inquedanza da moza da cantiga de amigo (e ai Deus, se verrá cedo!)