13/05/16

ESTIVEMOS EN DUBLÍN E QUIXÉMOLO CONTAR!

Como xa saberedes, alumnos de 2º,3º e 4º viaxaron a Dublín despois de Semana Santa. Alí conviviron con familias irlandesas, asistiron a clase e viviron moitas experiencias inesquecibles que quixeron compartir con vós. E como? Pois a través de xogos, diarios, pósters, álbumes… dos que nos gustaría que desfrutarades ao longo desta semana. Xa vistes algún estes días no corredor do centro ou na biblioteca? Por se acaso hai moita cola para velos, aí vai unha mostra do excelente traballo e grande esforzo destes alumnos.





01/05/16

I FEIRA DO LIBRO USADO

Así celebramos no IES de Melide a nosa I Feira do Libro Usado, grazas á iniciativa da nosa compañeira Aurora:



"MIGUEL E WILLIAM"



 
Son dúas das figuras máis importantes da historia da literatura mundial que viviron na mesma época. Aínda que non se coñeceron, foron varios os intentos doutros escritores de imaxinar encontros entre Cervantes e Shakespeare. Anthony Burgess, por exemplo, ofrece no seu conto Encontro de Valladolid a súa versión dunha suposta reunión entre os dous escritores. Tom Stoppard fantaseou sobre a conversación que poderían soster Shakespeare e Cervantes si este formase parte da delegación española que acudiu a Sommerset House en 1604 para negociar a paz entre os dous países. Ficcións como estas teñen como orixe a existencia dun período na biografía de Shakespeare, na década de 1590, durante o que non se sabe nada do autor.
Os nosos alumnos de primeiro de Bachillerato, baixo a dirección da nosa compañeira Lidia, recrearon de xeito magistral un destes encontros. Porque… aínda que non sucedeu, si podería ter ocorrido.  





Miguel y William by Slidely Slideshow

30/04/16

A BIBLIOTECA DE ALEXANDRÍA NA BIBLIOTECA XAQUÍN YEBRA

Unha das actividades da semana do libro, do 25 ao 29 de abril, foi o obradoiro de escritura que desenvolveron os departamentos de latín e grego, convertindo a biblioteca do Xaquín yebra do IES de Melide en biblioteca de Alexandría por un día. No recreo a biblioteca encheuse de copistas ataviadas como antigas gregas e romanas que escribían textos clásicos latinos e gregos sobre papiro utilizando un cálamo. sobre unha das mesas podíamos contemplar textos como o comezo da Ilíada, poemas de Safo, a definición de democracia de Tucídides, descripcións de Estrabón, aforismos gregos e latinos, poemas de Catulo... A realización deste obradoiro non sería posible sen o apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos. Un grupo destas expertas alumnas impartirá este obradoiro a compañeiros de outros centros nos I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, que terán lugar en o martes 3 de maio na Facultade de Filoloxía de Compostela. Ler máis

25/04/16

QUIXOTES DO MUNDO


Comezamos este ano as actividades dedicadas á celebración do Día do Libro (e ao catrocentos aniversario do falecemento de Miguel de Cervantes) coa magnífica exposición “Quixotes do Mundo”, organizada pola nosa compañeira Lidia, grazas á que puidemos ollar diferentes edicións do Quixote en linguas como o turco, chinés, xaponés, árabe, lituano, finés, etc.


23/04/16

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR



«Non hai nada como un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabedoría e o coñecemento.»
                                                                          Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO,
                                       con motivo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, 23 de abril de 2016 


 
O Día Internacional do Libro celébrase o 23 de abril, xa que, supostamente, nesa data faleceron Miguel de Cervantes e William Shakespeare, en 1616. Este ano cúmprense, pois, 400 anos da súa morte. En realidade, Cervantes faleceu o día 22 e foi enterrado o 23; mentres que Shakespeare morreu o 23 de de abril, pero do calendario xuliano, o que correspondería ao 3 de maio do calendario gregoriano.

O obxectivo deste día é o de animar a todos, especialmente aos mozos, a descubrir o pracer da lectura e a valorar as insubstituíbles apotacións de aqueles que fomentaron o progreso social e cultural da humanidade.
Este ano, as bibliotecas escolares galegas celebramos o Día do Libro cun texto de Pedro Feijoo, quen declara que “os libros son para valentes”:





22/04/16

CERTAME LITERARIO “LETRAS GALEGAS 2016”



Un curso máis, o Departamento de Lingua, o Equipo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Xaquín Yebra convoca o Certame Literario "Día das Letras 2016". Animámosvos a tod@s a participar.


E. Normalización IES Melide



 
              


             CERTAME LITERARIO

           "DÍA DAS LETRAS 2016"


O DEPARTAMENTO DE LINGUA, A BIBLIOTECA e o EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA do IES de Melide, convocan o Certame Literario
"Día das Letras"

BASES

1. Poderá participar no Certame calquera alumno ou alumna do Centro.
2. Establécense as seguintes modalidades de participación:
a.      Poesía.
b.     Prosa.
c.      Ensaio.
d.     Traballos de recuperación e salvagarda da memoria comunitaria.
3. Especificamente, entenderase a efectos do Certame que os traballos de recuperación e salvagarda da memoria comunitaria son aqueles que dalgún modo recuperan, para salvala do esquecemento, a memoria de formas de vida, traballos comunitarios, tradicións, costumes... das xeracións pasadas.
4. As obras presentadas deberán estar escritas en lingua galega.
5. A extensión e os temas dos traballos a presentar son libres.
6. O xurado estará composto por representantes do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do Centro.
7. Os traballos, nos que se farán constar os datos do/a autor/a, deberán presentarse na Conserxería do Centro antes do 23 de maio de 2016.
8. Os premios serán entregados durante a celebración do Corremelide-2016.