30/01/16

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ



Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. O seu obxectivo é poñer de manifesto a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos dereitos humanos, a non violencia e a paz. Porque a paz é algo máis que a ausencia de violencia e está intimamente relacionada coa xustiza, a solidariedade e o respecto á dignidade humana.
É un día para concienciarnos de que debemos loitar pola paz na nosa contorna e tamén no mundo. E, nesta ocasión, resulta inevitable recordar a situación de millóns de sirios que, tras catro anos de guerra, e sen unha solución política a curto prazo, loitan contra a nosa indiferenza.
Segundo Amnistía Internacional, ata outubro de 2015, ao redor de 220.000 persoas morreron e 12,8 millóns necesitan asistencia humanitaria urxente dentro de Siria. O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), advirte de que hai case 4.2 millóns de refuxiados sirios nos países veciños e máis de 7.5 millóns de desprazados internos en Siria. A capacidade de acolleita dos países fronteirizos está desbordada e isto obriga a centos de miles de persoas a recorrer a traficantes sen escrúpulos para realizar perigosas travesías a través do Mediterráneo nun intento por chegar a unha Europa que parece negarlles o seu dereito a fuxir da guerra.
No medio desta situación, destacan iniciativas como as do centro médico Bader Center de Ammán (Xordania), que participa nun taller artístico dirixido a nenos e nenas organizado pola ONG Global Humanitaria co  obxectivo de que estes canalicen as escenas de horror que viviron por mor da guerra e logren afrontar unha nova vida. As súas pinturas deron lugar á exposición itinerante Little Hopes (Pequenas Esperanzas).
Recollemos aquí a obra titulada 'A viaxe da morte: escapando dunha e outra morte'. O seu autor, Abd Allah, de 15 anos, recorda que unha bomba explotou na súa casa e que, cando espertou no hospital, ignoraba que perdera unha perna.


14/12/15

NOVIDADES

Rematamos o 2015 cunha recomendación dalgunha das nosas novidades. Felices lecturas!!!




11/12/15

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS



O Día dos Dereitos Humanos celébrase o 10 de decembro para conmemorar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada en 1948 polas Nacións Unidas.
Nesta ocasión o Día está dedicado ao lanzamento dunha campaña dun ano de duración para celebrar o 50 aniversario dos dous pactos internacionais de dereitos humanos: o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, adoptados pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 16 de decembro 1966. Estes dous Pactos, xunto coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, constitúen a Carta Internacional de Dereitos Humanos, que establece os dereitos civís, políticos, culturais, económicos e sociais que ten todo ser humano. Baixo o lema «Os nosos Dereitos. As nosas liberdades. Sempre», esta campaña (que xira en torno ao tema dos dereitos e liberdades: a liberdade de expresión, a liberdade de culto, a liberdade a vivir libres da miseria e a liberdade a vivir sen medo) ten como obxectivo promover e dar a coñecer os dous Pactos no seu 50 aniversario.
Para recordar que estes dereitos e liberdades son tan relevantes hoxe como cando se adoptaron os Pactos fai 50 anos, o noso alumnado levantou un “muro da vergonza” no que se denuncian distintas violacións de dereitos no mundo e se pon de manifesto o longo camiño que aínda nos queda por percorrer.



27/11/15

ENTREGA PREMIOS “CERTAME SAMAÍN-15”




Hoxe tivo lugar a entrega dos premios correspondentes ao Certame literario “Relatos Terroríficos”. Tanto o número como a calidade dos traballos presentados resultaron ser moi satisfactorios.  Este foi o dictame do xurado:
Categoría Meigallo (alumnado de 1º e 2º ESO): “Unha nova vida”, de Ana María Prieto Rodríguez.
Categoría Poción (alumnado de 3º e 4º ESO): “Relato de terror”, de Iria Barreiro Vázquez.
Categoría Santa Compaña (alumnado de Bacharelato): neste caso resultou gañador o relato presentado conxuntamente por Adrao Salgado, Xose Vilamor e Daniel Cabo
Parabéns @s gañador@s e participantes!!!


25/11/15

25 DE NOVEMBRO. EMILIA PARDO BAZÁN



Este ano, con motivo da celebración do día internacional contra a violencia de xénero, o Departamento de Lingua castelá decidiu  centrarse na figura da escritora galega dona Emilia Pardo Bazán, considerada unha das pioneiras do movemento feminista no noso país. 
A condesa estivo sempre rodeada de polémica, non só por as ideas progresistas sobre a muller recollidas nos seus escritos, senón tamén por o seu propio estilo de vida, que chocaba co esperable dunha aristócrata da súa época. Separada do seu marido, quen non apoiaba a súa vocación literaria, foi a primeira muller en ocupar unha cátedra de Literatura na Universidade e foi rexeitada tres veces a súa solicitude de ingresar na RAE polo simple feito de ser muller.
Os alumnos de 4º de ESO, que estudan a literatura realista e naturalista da segunda metade do século XIX en lingua castelá, profundizaron na vida e na obra da célebre escritora, pero sobre todo, nas súas ideas revolucionarias sobre a muller. Para iso fixeron exposicións orais na clase, viron documentais, e tal como vos amosamos, buscaron citas dispersas nos seus escritos nos que se recolle o pensamento da condesa. Herdeira do pensamento ilustrado do seu paisano Feijoo, abundan aquelas citas que proclaman o dereito da muller a un ensino de calidade. Destacamos tamén aquelas nas que se proclama o dereito a traballar o intelecto e non o aspecto, a non ser as perfectas amas de casa ou renunciar a ter fillos. Finalmente vemos tamén a denuncia das mortes desas mulleres anónimas asasinadas por os seus maridos .


Biblomelide Biblomelide de Slidely by Slidely Slideshow

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO



Este curso, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o  alumnado do I.E.S. de Melide deseñou distintas campañas de concienciación co obxectivo de previr e erradicar este  grave problema. Estas campañas foron impulsadas polos Departamentos de Francés (3º de ESO) e Filosofía (4º de ESO).



Biblomelide Biblomelide de Slidely by Slidely Slideshow

Biblomelide Biblomelide's Collage by Slidely Photo Gallery