05/06/15

ALICIA CUMPRE 150 ANOS



Este ano celébrase o aniversario da publicación de Alicia no país das marabillas, escrita polo profesor de matemáticas en Oxford Charles Lutwidge Dogson, máis coñecido baixo o pseudónimo de Lewis Carroll.
O 4 de xullo de 1862 Lewis Carroll daba un paseo en barco polo Támese acompañado dun reverendo e as tres irmás Liddell: Lorina Charlotte, Alice e Edith, de trece, dez e oito anos, respectivamente, e para entreter as pequenas comezou a contarlles as historias que se lle ían ocorrendo, ás que chamou As aventuras subterráneas de Alicia. Publicou o libro baixo o título co cal é coñecido, e coas ilustracións do debuxante satírico John Tenniel. Foi un éxito inmediato e en 1872 escribiu a segunda parte: A través do espello e o que Alicia encontrou alí. Dende entón o Coello Branco, o Sombrereiro, a Eiruga azul, o Gato de Cheshire ou a Raíña de Corazóns son algúns dos personaxes máis famosos da literatura universal. 
Teiroa Teatro, @Recortados (grupo musical formado por alumnos da materia de Música de 1ª de Bacharelato) e o Consorcio para a Promoción Musical do IES de Melide, dentro das actividades desenvolvidas polo grupo de Biblioteca Xaquín Yebra baixo o título "Homo Habilis", homenaxean a L. Carroll, un creador, un pensador, un artífice do pensamento e da palabra, no 150 aniversario da publicación da súa obra.
Baixo a dirección de Afonso García e Marga Quintela, Teiroa Teatro presentará unha adaptación da obra de Carroll, titulada "Alicia no país dos soños". Entre os soños de Alicia irán xurdindo, interpretadas polo grupo @Recortados, dirixido por David Canoura, as notas do Yellow Submarine (Beatles), Thriller, Black ou White (Michael Jackson), Sex Bomb (Tom Jones)...
Parabéns a tod@s!!!

04/06/15

DÍA DO MEDIO


"O home é un ser complexo: fai florecer o deserto e morrer os lagos"
                                                                                                                         Gil Scott-Herson.


O Día Mundial do Medio Ambiente  ten como obxectivo sensibilizar á opinión pública respecto da necesidade de preservar e mellorar o medio. Este ano celébrase baixo o lema "Sete mil millóns de sonos. Un só planeta. Consume con moderación". O benestar da humanidade, depende da xestión responsable dos recursos naturais do planeta.
Segundo ás Nacións Unidas en 2050, se continúan as actuais pautas de consumo, e cunha poboación mundial que crece e que se espera que alcance os 9,6 mil millóns, necesitariamos tres planetas para manter os nosos actuais modos de vida e consumo. O Homo Habilis tamén ten as súas sombras. 



          




A extinción de especies é un fenómeno natural, porén, a taxa de desaparición á que se enfrontan actualmente as especies é cada vez maior, sobre todo a causa das actividades humanas, situación á que non é allea Galicia. Estímase que aproximadamente 47 especies de flora ou fauna desaparecen do noso planeta cada día, algo que antes da influencia do home ocorría nunha escala temporal moito máis ampla, de ata millóns de anos. Este  proceso non só provoca a perda irreversible de diversidade biolóxica, senón que frea procesos de benestar en temas de saúde, alimentación e enerxía.
 O Catálogo galego de especies ameazadas inclúe 74 taxons na categoría de especies en perigo de extinción. Considéranse así aqueles taxons ou poboacións cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causais da súa actual situación seguen actuando. 



                         

19/05/15

DÍA MUNDIAL DAS TELECOMUNICACIÓNS E A SOCIEDADE DA INFORMACIÓN


“Unha computadora é para min a ferramenta máis sorprendente que teñamos ideado. É o equivalente a unha bicicleta para as nosas mentes” 
                                                                                                                                 Steve Jobs
   
Este 17 de maio celebrouse o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información baixo o lema "Telecomunicacións e TIC: motores da innovación”. Este día ten como un dos seus obxectivos fundamentais dar a coñecer as posibilidades que pode ofrecer a utilización de Internet e outras tecnoloxías da información e a comunicación  á sociedade. Ademais, neste ano, 2015, conmemórase o 150 Aniversario da Unión Internacional de Telecomunicacións. A historia da UIT constitúe un bo exemplo dunha das dimensións máis relevantes da habilidade humana, dende os tempos do telégrafo ata Internet e a banda ancha móbil. 


         

Para máis información acerca dos acontecementos que marcaron a historia da ITU, podedes visitar a seguinte liña do tempo: http://itu150.org/historical-timeline
   

17/05/15

DÍA DAS LETRAS 2015



Un curso máis celebramos o Día das Letras, dedicado este ano ao  historiador, escritor e político Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 28 de outubro de 1906 – 13 de setembro de 1996). E facémolo, da man do ENDL e inspirados polo poeta Igor Lugrís,  baixo o lema “A miña lingua quero na túa boca”:




Día de combater desánimos. 
Día de sementar esperanzas. 
Día de promover e compartir palabras.   
Día de reivindicar verbos, adverbios e adxectivos. 
Día de presumir orgullosos desta xoia que é a nosa lingua.



                                                                  

Manuel Núñez Singala presentou no noso Instituto a súa obra Instrucións para tomar café. Nela reflexiona sobre o que "somos como galegos e como seres humanos" e o "pouco aprecio que os galegos nos temos a nós mesmos". Ademais, o grupo de teatro TEIROA fixo unha breve intervención-adaptación sobre este texto.















Aproveitamos para recordar as actividades máis importantes que se realizarán (e as que xa se realizaron) no Instituto durante este mes: