08/05/23

SEMANA DO LIBRO

 

DANDO DE LER

    A derradeira semana de abril a nosa biblio foi o corazón das actividades realizadas arredor do libro. E arredor de libros, porque elaboramos unha selección de libros de libros: aqueles que falan doutros libros:  Os libros que hai en min, de Emma Pedreira; Don Quijote de la Mancha, de Miguel de Cervantes; Ler o mundo, de Michelle Petit; El infinito en un junco, de Irene Vallejo...

 

                

 

       Na entrada da biblio o noso expositor exhibiu  as obras correspondentes a eses fragmentos.

                 

       O luns   comezou o recreo coa  lectura  en voz alta e  enriba da tarima  dun enunciado:

 " Se eu fose un libro...", que o alumnado de 4ºESO foi completando.

                     

                      


      Foi na biblio tamén onde o departamento de Inglés participou activamente  nun obradoiro lúdico  de creación  de chapas coa  imaxe e o  título das obras máis representativas da literatura en lingua inglesa: Tom Sawyer, de Mark Twain ;  Anne of Green Gables, de Lucy Maud Montgomery.. así como na impresión de camisetas con lema.


                          

                       

                                                                                  


    O venres 28  rematou a Semana do Libro  coa visita de Andrea  Jamardo, editora de Cuarto de Inverno, dirixida ao alumnado de 1º de ESO.

    Díxonos Andrea que  o labor de editar é delicado e laborioso, que a súa editorial coida moito a cor, o deseño e a temática coma unha marca da casa, que o seu traballo  reflicte o seu xeito de ver e estar no mundo. Díxonos que  son  moi precisas as editoriais, para que haxa sempre  caixiñas de música e cores onde descansen  as palabras que nos entregan os  escritores e as escritoras.  

                       

     

30/03/23

VISITA DE DANIEL ASOREY

 DANIEL ENTRE NÓS

      Rematamos a Semana da Poesía  coa chegada  de Daniel Asorey, que  veu como vén a primavera, en verde prado. Visitou  a  nosa radio e   foi entrevistado polo alumnado do Club de Prensa. 

 Accede dende aquí ao contido da entrevista: https://acortar.link/PLIwfB


Daniel, que é moi noso,  chegou para falarlle ao alumnado de bacharelato  de renovación e integridade, de rebeldía e futuro,  da nosa  lingua negra, pero resistente e da poesía como arma contra a intolerancia. 

                        




MARZO, MES DA POESÍA

             O 21 de marzo démoslle a benvida á primavera que chegou canda a poesía

                 

Decoramos a entrada  do  centro con poemas  perfumados  con flor de camelia.

  Porque  ese día prendeu  o verso no xardín e chegou á biblioteca. 


 

  O alumnado recitou no recreo versos en todos os idiomas impartidos no centro

 

                                               

 E fomos todos poetas rescatando  gatos de amor.



                                             

                                    E subimos á torre de Babel na xiba dun verso.


       É que ese día....ese día agardábanos a poesía á  porta 

 

DÍA 8 DE MARZO

    O 8M  o noso centro puxo a cor violeta nas mulleres anónimas que co seu traballo cotiá  fixeron bandeira a prol dos dereitos humanos e  salvaron moitas vidas. 

      A partir de dúas  obras de EVA MEJUTO, A lavandeira de San Simón e Memoria do silencio,  botamos luz sobre os nomes destas heroínas do cotián elaborando unha unidade didáctica para traballar desde a aula.


     Ademais,  as alumnas de 4º ESO  recitaron versos  de cor feminista de Mª Xosé Queizán, De Xoahana Torres e de Yolanda Castaño.

      E todo o alumnado  se implicou elaborando cartaces  en favor dos dereitos de todas as mulleres.

                        

                                        Que ningunha sexa silenciada!

08/03/23

MÚSICAS GALEGAS




  A artista Laura Romero, ilustradora e música, vén facernos unha visita, e realizar un traballo sobre referentes femininos na música, que deixa a nosa biblio máis acolledora, neste caso pola parede exterior.







  Músicas galegas é un proxecto de ilustración, dentro dun proxecto máis amplo que é "unha música no insti", nos centros educativos, cousiñas que quedan no centro e non son tan efémeros coma unha conferencia, unha exposición, ... É un traballo a tempo máis longo...




  No noso centro quedarán unhas músicas que teñen unha certa relación co noso centro ou a contorna da Terra de Melide.

07/03/23

OCA REVOLUCIONARIA




 Presentámosvos un novo pasatempo, a "Oca Revolucionaria", un xogo da oca moi especial. No canto de ocas, temos galos franceses; no canto da morte, o Terror de Robespierre; non cantamos de "dado a dado…", senón "de Waterloo a Waterloo, vaite a Moscú"... 






  O xogo é unha creación orixinal dos mozos da FP Básica, que fusiona a Historia da Revolución Francesa, as artes gráficas e a carpintería.







  Anímaste a xogar??

  Xa dispoñible na Biblioteca do IES de Melide, grazas a donación feita polo  profesor e alumnado de FP Básica.