13/04/15

MORREN GÜNTER GRASS E EDUARDO GALEANO



Considerado o máis grande escritor en lingua alemá da posguerra e un referente político no seu país, o premio Nobel G. Grass consideraba que, aínda que a literatura non pode cambiar ás persoas, si pode axudar a construír unha sociedade mellor a longo prazo. Nunha das súas citas máis coñecidas reivindica a necesidade de intelectuais críticos co poder político, afirmando que "a principal obriga do cidadán é manter a boca aberta".
Entre a súa extensa obra, que inclúe narrativa, teatro, ensaio e poesía, destacan O gato e o rato e Anos de can, que xunto con O tambor de lata (coa que alcanzou fama mundial), constitúen a denominada Triloxía de Danzig; tamén, O rodaballo (1977), No cuarto traseiro (1982), Un vasto campo (1995), Últimas danzas (2003). O meu século, recolle as súas reflexións sobre cada un dos anos do século XX, incluída unha sobre o bombardeo nazi de Gernika na Guerra Civil, e ensaios políticos como Alemaña: unha unificación insensata.
A súa obra Pelando a cebola, desatou un escándalo ao revelar por primeira vez que fora membro das SS aos 17 anos. Moitos foron os que non lle perdoaron telo mantido oculto ata 2006. El mesmo diría: "Se miro cara a atrás, sempre o contemplei como unha mancha que me oprime e sobre a que non podía falar". Para moitos outros, Grass foi a voz dunha xeración de alemáns que alcanzou a maioría de idade na Segunda Guerra Mundial e cargou co peso da culpa dos seus pais polas atrocidades dos nazis.




Eduardo Galeano, un dos intelectuais latinoamericanos máis críticos coas inxustizas sociais no continente, alcanzou a fama mundial coa súa obra Las venas abiertas de América Latina (1971), na que analiza as raíces históricas de Latinoamerica e a súa relación con países de primeiro mundo como España e Estados Unidos.
Podemos destacar outras obras como La canción de nosotros (1975), sobre a loita armada e Días y noches de amor (1978), baseada nas ditaduras de Arxentina e Uruguai. Máis tarde, describiu a identidade latinoamericana na triloxía integrada por Los nacimientos (1982), Las caras y las máscaras (1984) e El siglo del viento (1986). 
Entre as súas últimas obras destacan Espejos. Una historia casi universal (2008) e Los hijos de los días (2012).
Esta semana estaba prevista a presentación en España de Mujeres, un libro-antoloxía dos mellores textos do escritor sobre as mulleres con relatos sobre personaxes como Juana de Arco, Rosa Luxemburgo, Rigoberta Menchú, Marilyn Monroe e Teresa de Ávila.


                         

 

Eduardo Galeano deixou  escrita una obra que quería que se publicase tras o seu falecemento e que, probablemente, aparecerá no mes de maio.


                            

13/03/15

I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE

O IES de Melide, da man do profesor Afonso García, promove o I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE, no que estarán presentes grupos de teatro de Touro, de Laxe, de Palas de Rei, da Estrada e de Melide.
As 18.00 h. terá lugar un roteiro teatral e musical pola emblemática aldea de Furelos. O fío condutor do percorrido serán os oficios, xogos, ocupacións... tradicionais onde se pon de relevo a habilidade manual, tema relacionado directamente co noso lema de traballo para este curso Homo Habilis.
Ademais das diferentes agrupacións teatrais, a AGXPT colaborará neste roteiro e a aportación musical estará a cargo do grupo melidense Herba Grileira.
Agardámosvos en Melide o sábado 14 de marzo a partir das 16.00 h., comezando pola Casa da Cultura.

24/02/15

24 DE FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



Este ano, con ocasión do día de Rosalía de Castro, sumámonos dende a nosa Biblioteca á  convocatoria que  A SEGA fixo para este día: “ cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor”.
Esta proposta pareceunos feita a medida para o noso lema de traballo Homo Habilis.
Nós non temos monumentos de Rosalía, pero dispoñemos de algo moito máis precioso: as súas obras.  Sacámolas dos seus andéis e arroupámolas, esperando que alguén  lles dé definitivamente calor e vida coa súa letura, porque, ao igual que A SEGA,  somos conscientes de que  ROSALÍA DE CASTRO ATERECE. E madía leva non aterecer! … Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos. Mais debaixo da pedra fría … sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria.  Unha obra que apela a todas (e todos) nós porque fala de nosoutras, fala das (e dos)  que cantamos, das (e dos)  que traballamos, … rimos, … padecemos, … queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada (…)
Por todo iso … Rosalia de Castro non pode ficar máis á intemperie (…)”
 

02/02/15

DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA




Con ocasión da conmemoración do Día da Paz e a Non Violencia decenas de laboriosas mans puxéronse no noso Instituto a facer grúas de papel, baixo o noso lema de traballo para este ano Homo habilis. As grúas de origami convertéronse en símbolos de paz cando Sadako Sasaki (1943-1955), enferma de leucemia debido á radiación da bomba atómica, pediu a paz e a curación para todas as vítimas inocentes da guerra aferrándose a unha antiga lenda xaponesa que promete que quen faga mil grúas de papel verá cumprido un desexo. Desgraciadamente, o avance da enfermidade impediu que chegase a completar as mil grúas.
No Parque da Paz de Hiroshima pódese visitar unha estatua dedicada a Sadako, en cuxa base está escrito: "Este é o noso berro, esta é a nosa pregaria: paz no mundo". A este berro quixo unirse o noso Instituto para celebrar o Día da Paz.