25/11/09

25-XI. DIA MUNDIAL PARA A ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe conmemórase o Día Mundial para a erradicación da violencia contra as mulleres.
O número de mulleres asasinadas, maltratados, física ou psíquicamente non disminúe. Preto de 50 mulleres mortas é o cómputo deste ano 2009 en España. Cal é a raíz do mal?. Pódense enumerar varios factores, seguramente complementarios, que inflúen determinantemente en condutas delitivas cara á muller: a secular (ou milenaria ) educación sexista, a emancipación laboral e económica da muller, que non remata de ser asimilada por moitos homes, "tradicións" culturais denigratorias para o sexo feminino....Sobran, tristemente, imaxes aterradoras que ilustran este panorama infernal. Pero a pregunta capital, fica sen ser respostada. Por qué?. Quizais unha aproximación á causa, sexa a progresiva dexeneración moral que se está a vivir en todos os ámbitos da vida: cando as persoas non teñen conciencia da súa propia e inalienable DIGNIDADE, e, en consecuencia, da dos demais, cando o imperativo ético máis esencial está ausente, cando non se contempla aos outros como individuos senon como obxectos de pracer, de lucro etc... as relacións humanas deterióranse até graos insospeitados...Por iso é unha tarefa primordial de toda a sociedade a aceptación dunha ÉTICA elemental que valore á persoa , independentemente da súa raza, sexo, relixión...
Como dicía un escritor romano "Son home e nada do humano éme alleo". A violencia exercida contra as mulleres, tampouco. Por iso debemos denunciar sempre situacións de maltrato de calquera tipo, no noso entorno. PORQUE O SILENCIO É CÓMPLICE.
No eido da Loita contra a Violencia contra as Mulleres e tamén relacionado cos Dereitos Humanos e a Liberdade de Expresión, traballan as periodistas que este ano recibiron o premio "CORAJE". Tédelas na ligazón de www.boasnovasmelide.blogspot.com

Incluimos este vídeo elaborado pola Bibilioteca Escolar do IES de Fene

21/11/09

ANIVERSARIO DOS DEREITOS DO NENO

O 20 de novembro celébrase o Día dos dereitos do neno. Este ano conmemórase un dobre aniversario: en 1954 a Asamblea Xeral da O.N.U. recomendou (resolución 836(IX)) que todos os países instituisen o Día Universal do Neno, data que se dedicaría a promover actividades cara ao benestar e calidade de vida de todos os nenos. O día 20 de novembro a devandita Asamblea aprobou a Declaración de los Derechos del Niño en 1959 e a Convención sobre los Derechos del Niño en 1989. Cando lemos as declaracións de dereitos, case sempre ficamos cunha inquedanza ou desmoralización se comparamos "o que debería ser e "o que é" . Nós ,en xeral, debido á parte do mundo onde vivimos, estamos moito mellor que os rapaces de países do chamado 3º mundo e outros ; pero, coma en todo, só hai que "poñerse ben os lentes" para atopar ao noso arredor casos nos que se vulneran flagrantemente ditos dereitos. O noso deber é decatarse deles, denuncialos e dirixirse a quen poida resolvelos ou alivialos, se nos non somos quen de facelo.
Na nosa biblioteca fixemos unha exposición co Texto dos Dereitos do Neno e unha interpretación de Mafalda, cos seus ocurrentes comentarios, gracias á xentileza da biblioteca do IES de Guitiriz.

17/11/09

O MURO DE BERLÍN

Soldado oriental deixa escapar a un neno á
zona oeste, o 1º día da existencia do muro
O pasado 9 de novembro cumpríronse 20 anos da caída do muro de Berlín. Construiuse como consecuencia do final da 2ª Guerra Mundial . Alemania partiuse en dous: a parte dominada pola U.R.S.S., a República Democrática Alemana e a dominada polas potencias occidentais (Francia, Gran Bretaña e E.E.U.U.), a República Federal Alemana. Esta división afectou á propia capital.
En 1961 a R. Democrática decidiu separar cun aramio de espiño as dúas zonas de Berlín, a leste e a oeste. Isto sería o preludio dun muro de 103 millas de lonxitude e 4 metros de alto. Ao longo do muro contruíronse foxos e postos de vixilancia. Dita división foi reforzada polo leste, con soldados e milicias. O muro foi unha barreira efectiva durante 25 anos. Sen embargo preto de 2.7 millóns de persoas tentaron escapar á R.Federal Alemana e uns 400 berlineses (máis según algunhas estadísticas) foron asasinados no intento.
Eran os tempos da Guerra Fría e do Telón de Aceiro. Moitas familias quedaron separadas, e a R.D.A. convertiuse nun auténtico estado policial, no que as liberdades individuais quedaron suspendidas. A temible STASI, (policía secreta) encargábase dilixentemente dese labor.
Vinte anos máis tarde, xa algúns países da órbita comunista , como Polonia, comezaran a loita contra a dominación soviética, cando chega ao poder na U.R.S.S. M.Gorbachov que renuncia ao exercicio da represión. Isto desencadena unha serie de feitos : os alemáns orientais, cruzan Hungría, e tras pasar Austria, chegan á R.Federal alemana sen que as autoridades comunistan poñan ningún impedimento. A noite do 9 de novembro os alemáns de ambas partes pican e derruban o muro, ese “muro da vergoña” que os tivera separados inxustamente durante tanto tempo.
Isto aconteceu hai vinte anos. Pero aínda hoxe existen "muros" que impiden a persoas exercer os seus dereitos básicos, ao estaren oprimidas por un goberno ditatorial. A loita pola liberdade enche toda a historia da humanidade. E mentres o ser humano teña conciencia da súa dignidade, así será.